Vota ou bota

Pode que en breve teñamos de presidente do goberno do estado a un señor que neste norte coñecemos ben, que nin é conservador, nin liberal, nin democrata-cristiá. É capitalista, populista e oportunista. O político posverdade por excelencia é o que teña que ser en cada momento. Axenda liberal no económico, conservadora no moral, posfascista no político e inexistente no social para desmontar o que quede do estado do benestar. Resumindo: feudalismo financeiro e prehistoria social. 

Na derradeira reviravolta o capitalismo encárnase na dixitalización e plataformización do mundo, unha –non só– das culpábeis desta velocidade terminal na que viaxamos cara á repetición da peor Europa cabalgando na capacidade desinformadora da globalización, dos neofascismos mediáticos, da imposición de marcos de pensamento exclusivamente neoliberais e da evidente desculturización. As redes sociais dixitais convertéronse no panóptico posmoderno, para crear unha nova sociedade da (auto) vixilancia na que opera a ditadura dos algoritmos. Moreas de descerebrados inchados de proteínas arengando desde Youtube a pre-adolescentes sobre criptomerda e anarcocapitalismo. Que podería saír mal? Si amigo todo te va a ir de puta madre si hablas español, rezas, no pagas impuestos y no eres ni comunista ni maricón!

Institucionalizamos unha sociedade do espectáculo onde todo pode ser posto en dúbida. Menos o poder económico e a hexemonía cultural dun occidente cristiá. Iso é verdade sempre.

Nese entorno esquizoide de novos medios, era cuestión de tempo que a posverdade saltara do virtual ao real. Un día unha política ida de Madrid preguntou aos seus prudentes asesores: «Y qué» Esa pregunta, inaugurou o posfascismo na España actual. Fóra complexos, «somos fascistas pero sabemos gobernar». Trump, Bolsonaro, Miley, Meloni, Orban e Abascal non inventaron nada, só é a remestura dixital de vellos temas. Goebbels feat Bannon. Os vellos nazis si aprenden trucos novos!

Cada día milleiros de persoas metendo en vea un continuum de posverdade e manipulación, de degradación intelectual e ética dos espazos públicos, das institucións e dos liderados. Unha manda de cans berrándolle á lúa nun vertedoiro mediático. Que podía saír mal dándolle unha canle de televisión a Berlusconi, señor González? Que podía saír mal dándolle dúas canles de televisión a Berlusconi, señor Zapatero?

 A ofensiva da reacción global é dura, radical e, se poden, definitiva. As elites xa cansaron de democracia, é doado é manexar un pobo que, agora si, pensa dentro dos marcos axeitados. O éxito mercantil con obscenos beneficios como medida do mundo. As nosas vidas xa só poden ser pensadas en termos económicos. Aí gañaron. Anos de American way of life en cada película, serie, anuncio, disco, xornal, ou envoltorio de goma de mascar dá os seus froitos. Europa xa é un estado libre asociado.

Nepobabys ultras gobernando. Príncipes neste medievo turbo-capitalista mentres pobres que se pensan clase media fan selfis para o insta en cagadeiros de ouro soñando coa súa propia torre en Murcia. 

Pode que teñamos sorte e desta non cheguemos a ter un vicepresidente nazi, mais a cuarta onda reaccionaria xa gañou. 

E nesas andamos, coa metade das persoas con dereito a voto pensando se votar contra eles mesmos, o que, por certo, será votar contra todas. Iamos saír mellor. Só saímos aínda máis imbéciles polo que se ve. 

A socialdemocracia foise como bágoas na choiva, e os poscomunistas andan sacando os coitelos do costelar do último camarada escindido que aínda xace quente no chan do estudio. Mesmo xa dubido que existan partidos de esquerda máis aló dese poscomunismo de nostalxia soviética e funcionariado vitalicio no ensino. E eses tamén son conservadores, aínda que non o saiban. Son unha camiseta no Zara.

Italia xa caeu, Francia esta preto, Alemania mira espantada ás enquisas, os escandinavos van polo camiño hai tempo e Polonia e Hungría rin dende o lonxe.

Haberá que reflexionar fondamente, agora que, como xa lle pasou antes a Gramsci, semella que imos ter tempo de escribir cadernos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail