De heroes democráticos

En distintas etapas da vida, quen isto escribe pasou e pasa adoito polo Alto do Seixo, sitio de Lavadores próximo ao barrio do Calvario que, en 1936, foi escenario de enfrontamentos a pé de barricada entre os sublevados fascistas e os variados grupos de militantes que decidiran non ficar na casa e saír na defensa da República.

O Alto do Seixo é hoxe un recuncho máis do Vigo popular. Nada peculiar, ningún monumento ou elemento arquitectónico salientable sinala a importancia do lugar. Porén, sempre que atraveso o Alto do Seixo, a miña mente abandona durante uns segundos o cotiá para reconverter aquel espazo nunha sorte de limiar, nun círculo mítico, nunha porta aberta ao pasado a través da cal honrar no presente aos xustos, e maldicir as bestas.

Tras a lectura do libro de Víctor Freixanes O Fresco. Memorias dun fuxido (1936), (Xerais, 2019), o seu protagonista, Manuel González «O Fresco», incorporouse á galería de personaxes e estampas mil veces imaxinadas polo peón dos barrios vigueses. No Alto do Seixo, O Fresco participou no asedio ao chalet do industrial da folla de lata e partidario dos golpistas Estanislao Núñez —acuartelado e armado, canda a súa familia, na casa sita daquela naquel punto de Lavadores— e, tras lamentar o fusilamento do patriarca e a rapina dalgúns dos asaltantes, volveu despois polos fillos apresados do industrial para que non fosen executados; algo que habería lamentar, pois eses mesmos fillos «puxéronlle prezo á súa cabeza responsabilizandoo quizais da morte do seu pai, xa que O Fresco dirixiu persoalmente o asalto ao chalet».

A primeira edición do libro de Freixanes (1980).

O libro de Freixanes é todo un adiantado no labor memorialístico democrático. A primeira edición saíu do prelo en Xerais no ano 1980 baixo a dirección de Xulián Maure, apenas cinco despois de morrer o ditador e con anterioridade ao 23F —evento no que franquismo demostraría a súa capacidade para condicionar o futuro da democracia liberal de baixa intensidade que hoxe gozamos/padecemos.

Como sinala Lourenzo Fernández Prieto no prólogo escrito para esta nova edición que reaparece corenta anos despois da orixinal, no seu momento o libro de Freixanes foi como unha pedra lanzada nun estanque, unha pedra que xeraría abondosas ondas en expansión, ondas en forma de futuros traballos dedicados a sacar á luz os feitos acaecidos en Galicia na «longa noite de pedra».

Pero se o traballo investigador de Freixanes é encomiable —tamén a parte do libro onde se aborda, a través de conversas con Nieves Souto Alfaya, a dona de Manuel González, e con Carmen e Nieves, as súas fillas, a «lenda do Fresco»—, o que na miña opinión fai o presente libro especialmente atractivo para o lector actual son aquelas páxinas nas que podemos ler ao Fresco sen intermediarios. Os papeis do Fresco, di Freixanes, eran «un feixe de cuartillas, unhas poucas notas esborranchadas nos recantos máis insospeitados do papel, algúns folios entrapallados e difíciles de ler polo moito tempo que pasara desde que foran escritos e as circunstancias en que se conservaron. Eran notas barulleiras escritas a lapis coa urxencia de días certamente difíciles, aproveitando, cando non había outra cousa, mesmo as envolturasde tabaco, as marxes dalgúns cachos de periódico, anaquiños de papel e, ás veces, as papeletas de votación do Estatuto de autonomía de Galicia, plebiscitado o 28 de xuño de 1936, case nas vésperas da Guerra Civil.» (p. 21).

Nos papeis do «rei das montañas de Galicia e Portugal», como o Fresco asegura que era coñecido na contorna, asistimos como testemuñas privilexiadas á dureza da vida dos fuxidos nos montes galegos. A fame e o frío; o medo polos familiares, sempre ameazados polos falanxistas; a solidariedade dos labregos das aldeas do Condado, a Louriña, a Paradanta, o Baixo Miño cos escapados, aos que alimentaban e agachaban cando podían, mesmo xogando a vida como se narra nas propias memorias que comentamos; os pasos cara ás montañas de Castro Laboreiro, en Portugal, e o nefasto papel da policía salazarista; os mortos, os paseados, as delacións e as traicións; a esperanza, sempre acesa como unha candea, na vitoria final das forzas republicanas; o asedio franquista á cidade de Tui, durante un tempo baixo control republicano; as visitas ás agachadas á quinta de Boavista, na parroquia de Areas, concello de Ponteareas, hoxe reconvertida no centro de formación profesional «A Granxa», e daquela propiedade deste burgués chamado Manuel González, home viaxado e con dificultades para compatibilizar a súa fonda ética cristiá coa lóxica do mundo dos negocios, potentado preocupado pola xustiza social e seguidor de Largo Caballero, cuxa natureza de persoa de acción levouno a entregarse á causa democrática ata a morte.

É este un libro que emociona. Que chega adentro. Un bo antídoto, e tamén unha alerta, contra o neofascismo que vemos agromar en toda parte en forma de españolismo supremacista, disciplinamento de clase e democracia minguante.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail