Alerta vermella por cianobacterias no encoro ourensán intoxicado polas macrogranxas un ano despois da condena á Xunta

A Coruña .- O encoro das Conchas, na comarca ourensá da Baixa Limia, alcanzou o nivel vermello de alerta por proliferación de cianobacterias tóxicas xusto cando comeza a tempada de baño e de actividades recreativas nunha das zonas de interior máis concorridas do sur de Galicia. A situación supón o grao máximo de risco sanitario contemplado polos protocolos da Xunta e chega apenas un ano despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenara a Administración autonómica, que preside Alfonso Rueda, e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS),  que depende do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de Pedro Sánchez, por vulneraren os dereitos fundamentais dos veciños afectados pola contaminación do río Limia e dos seus encoros.

Os datos que motivaron a alerta proceden das análises realizadas pola propia CHMS. Segundo a información remitida polo organismo a Público-Luzes, nas mostras tomadas o pasado 8 de xuño detectáronse as especies de cianobacterias Dolichospermum mendotae e Aphanizomenon flos-aquae con biovolumes de 11,9 milímetros cúbicos por litro nas zonas de baño do Corgo e de 13,5 en Porto Quintela. Ambos os valores superan amplamente o limiar de 8 milímetros cúbicos por litro a partir do cal a Xunta considera que existe unha alta probabilidade de efectos adversos para a saúde e activa o nivel 3 ou alerta vermella.

A propia documentación sanitaria da Xunta sinala que as cianobacterias poden producir toxinas capaces de provocar irritacións cutáneas, trastornos gastrointestinais, danos hepáticos e efectos neurotóxicos. O risco aumenta por contacto coa pel, por inxestión accidental de auga ou por inhalación de partículas contaminadas. Os protocolos autonómicos advirten ademais de que os nenos e os animais domésticos son especialmente vulnerables e establecen que, cando se alcanza o nivel vermello, deben adoptarse medidas inmediatas para evitar o contacto coa auga, incluíndo a prohibición do baño e de calquera actividade acuática. A putrefacción das algas chegou a provocar na contorna das Conchas a produción de ácido sulfhídrico, un gas velenoso e mortal por inhalación en concentracións elevadas.

Exceso de nutrientes polos residuos gandeiros

As floracións de cianobacterias son fenómenos naturais, pero os expertos coinciden en que se volven moito máis frecuentes e intensas en masas de auga eutrofizadas polo exceso de nutrientes. A propia Xunta recoñece na súa información pública que estas proliferacións son máis habituais en encoros afectados por achegas procedentes de actividades humanas como a agricultura ou as augas residuais. Na Limia, veciños, científicos e organizacións ecoloxistas levan anos relacionando ese exceso de nutrientes coas verteduras de xurros e residuos xerados pola elevada concentración de explotacións de gandaría industrial existentes na comarca.

Os veciños e colectivos ecoloxistas vinculan historicamente esa contaminación co modelo de produción integrada impulsado polo grupo Coren na Limia e na Baixa Limia, unha atribución que a compañía rexeitou reiteradamente. A multinacional agroalimentaria mantén unha ampla rede de explotacións asociadas nas dúas comarcas e defendeu en numerosas ocasións que cumpre a normativa ambiental vixente. Non obstante, a contaminación por nitratos e fósforo das augas superficiais e subterráneas da zona foi obxecto de denuncias veciñais, investigacións científicas e procedementos xudiciais durante os últimos anos.

Alerta sobre os niveis de risco nas augas de baño de Galicia con tendencia á proliferación de cianobacteria / Fonte: Dirección Xeral de Saúde Pública do Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia.

A CHMS admite que o problema non pode resolverse unicamente actuando sobre o encoro. En resposta ás preguntas deste diario, o organismo explica que «se non se actúa na fonte do problema» resulta imposible sanear as augas. Segundo describe, as choivas intensas e as inundacións recorrentes arrastran os xurros acumulados na Limia cara ao río e aos seus afluentes. Eses nutrientes rematan concentrándose nas Conchas e crean as condicións ideais para que as cianobacterias se multipliquen cando chegan a calor e a radiación solar.

A explicación encaixa coas condicións meteorolóxicas rexistradas durante os últimos meses. Tras un outono e unha primavera especialmente húmidos en boa parte do noroeste peninsular, o aumento das temperaturas e a maior insolación favorecen a aparición de floracións masivas en encoros enriquecidos por nutrientes. Trátase precisamente do escenario que os especialistas consideran máis propicio para a proliferación de cianobacterias potencialmente tóxicas.

A contaminación esténdese a Portugal

A situación resulta especialmente preocupante porque a contaminación xa non se limita ás Conchas. A Confederación confirma que as concentracións de cianobacterias tamén son elevadas no encoro de Lindoso, situado uns 30 quilómetros augas abaixo sobre o mesmo río Limia e cuxa marxe sur se sitúa en Portugal. Aínda que os niveis detectados son polo momento inferiores aos das Conchas, as análises dispoñibles apuntan a que o fenómeno continúa estendéndose por toda a conca transfronteiriza.

Veciños e ecoloxistas denuncian que, malia a gravidade da situación, as administracións seguen sen reaccionar. A Asociación de Veciños das Conchas sostén que nin a Xunta, nin a Confederación Hidrográfica, nin os concellos afectados despregaron campañas de información adecuadas nin sinalizaron os riscos para a poboación. Hai apenas uns días, este xornal documentou a presenza de bañistas, piragüistas e menores realizando actividades acuáticas en zonas afectadas pola proliferación de microalgas sen advertencias visibles sobre o perigo existente.

Manuel García, portavoz do Movemento Ecoloxista da Limia: «A Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil están a rir da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza».

As críticas diríxense especialmente á Consellería de Medio Ambiente que dirixe Ángeles Vázquez Mejuto. Público-Luzes preguntou a ese departamento se tiña constancia da alerta vermella declarada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que medidas pensaba adoptar para protexer a poboación e como valoraba a persistencia do problema un ano despois da sentenza do TSXG. Tamén solicitou explicacións sobre a extensión da contaminación ao encoro de Lindoso e sobre as denuncias veciñais relativas á falta de información pública. Ao peche desta edición, a Consellería non respondera.

A referencia xudicial resulta inevitable. En xullo do ano pasado, o TSXG concluíu que a Xunta e a Confederación Hidrográfica vulneraron dereitos fundamentais dos veciños ao non actuaren fronte á degradación ambiental causada pola contaminación do Limia e do encoro das Conchas. A sentenza ordenou adoptar de forma inmediata as medidas necesarias para garantir un medio ambiente saudable, poñer fin á degradación ambiental e asegurar a subministración de auga potable limpa e segura. Posteriormente, o Tribunal Supremo declarou firme esa resolución ao inadmitir os recursos presentados por ambas administracións.

As administracións seguen sen actuar

Porén, os afectados consideran que a situación apenas cambiou. «Están a rir da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia», afirma Manuel García, portavoz do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL). Ao seu xuízo, a persistencia das floracións tóxicas demostra que as administracións continúan sen actuar sobre a orixe do problema.

García sostén ademais que o alcance da contaminación vai moito máis alá dos encoros. «Non é só a situación dos encoros, senón a de todos os acuíferos da zona que levan anos contaminados polas verteduras ilegais das granxas de gandaría intensiva. Hai xente que leva anos e décadas bebendo auga contaminada dos pozos de moitas localidades», asegura. As organizacións veciñais levan máis dunha década denunciando a presenza de nitratos, fósforo e outros contaminantes asociados á elevada concentración de explotacións gandeiras da comarca.

A controversia volveu facerse visible este martes durante o acto institucional «Abrazo ao Río», celebrado en Xinzo de Limia con participación de alcaldes galegos e portugueses da conca. Segundo denuncian o MEL e outros colectivos, ningún dos representantes públicos fixo referencia á crise ambiental que atravesa o río Limia nin á alerta por cianobacterias que afecta ás Conchas e ameaza xa a Lindoso.

Fronte ao acto oficial, medio cento de escolares participaron nunha actividade alternativa consistente en formar unha cadea humana para abrazar simbolicamente o río. O MEL asegura que profesores e alumnos foron instados por axentes da policía local e por representantes do Concello de Xinzo a non despregar unha pancarta co lema «Auga limpa, xa» e a evitar consignas semellantes durante a presenza das autoridades.

«Unha farsa»

«O acto de onte en Xinzo foi unha farsa», sostén Manuel García. «Reclámanlles aos nenos e ás nenas que sexan responsables á hora de coidar o río cando levan décadas de pasividade institucional». A imaxe resume o contraste que denuncian os veciños da Limia: mentres as administracións promoven campañas de sensibilización ambiental, o principal encoro da comarca volve tinguirse de verde tóxico e alcanza o máximo nivel de alerta sanitaria sen que, ao xuízo dos afectados, se cumpriran as medidas ordenadas polos tribunais para impedir que a historia se repita sen fin.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail