A Coruña.- O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recorreu a sanción que lle impuxo a Xunta Electoral de Zona (XEZ) de Ourense por vulnerar a prohibición de usar medios públicos para facer propaganda electoral durante a campaña do 28M. Jácome alega que o fixo por «transparencia».
Gañador das eleccións municipais, pero sen maioría absoluta, o líder de Democracia Ourensá (DO) foi investido o pasado sábado tras chegar a un acordo co PP para que o seu partido mateña a Alcaldía e o PP, sen Baltar, a Deputación de Ourense.
Durante a campaña electoral a oposición acusou a Jácome de deixar en quebra ao Concello, e el respondeu mediante un comunicado colgado na web municipal no que aseguraba, pola contra, que as contas do Consistorio eran «a envexa de toda España» porque tiñan un suposto superávit de 130 millóns.
Uso de medios públicos con fins partidistas
Os exconcelleiros de DO que abandonaron ao alcalde tras acusalo de apropiarse das subvencións do partido, agrupados agora en Coalición de Centro Democrático, denunciaron os feitos diante da XEZ alegando que Jácome se aproveitara dos medios públicos con fins partidistas para facer propaganda da súa xestión durante a campaña electoral.
A Xunta deulles a razón o pasado 12 de xuño, fallou que a actuación do rexedor vulnerara a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral e sancionoulle con 300 euros de multa.
No recurso de alzada que Jacóme presentou na a Xunta Electoral, asinado por el, enviado desde o seu correo persoal de Gmail e ao que tivo acceso Luzes-Público, o rexedor alega que a súa versión sobre o estado financeiro do Concello publicouse na web municipal por «transparencia».
«A transparencia institucional consiste en ofrecer información co obxectivo de garantir a lexitimidade das institucións e aumentar a confianza da cidadanía nelas. A publicación do resultado das contas municipais responde a esta finalidade», afirma.
A liña que separa a información oficial do «autobombo»
No seu escrito, o alcalde admite que «a liña que separa a comunicación oficial e rutineira do Concello, con [de] expresións ou información que poidan considerarse autobombo ou publicitaria de partido (sic), é demasiado fina». «Pero non por iso deben inculparse feitos de forma errónea», advirte.
Jácome aclara que a publicación do comunicado na web municipal debeuse a que foi «en datas electorais» cando recibiu dos seus funcionarios o estado de contas. «Non é culpa do alcalde de Ourense, un servidor, Gonzalo Pérez Jácome, que o departamento de tesourería emitise nas devanditas datas electorais un informe oficial no que se detalla a contabilidade do Concello». «Se o informe houbera sido emitido dous meses antes, fóra de campaña», explica, «as declaracións serían dous meses antes».
Para Jácome, o uso de medios institucionais en campaña para responder os seus rivais «non constitúe pois unha acción política senón que son datos meramente contables» de carácter público dos que se dá conta por lei ao pleno municipal, á Xunta e á Administración do Estado.
Non son 130 millóns de remanente
Finalmente, o alcalde alega que o que fixo non foi usar a web municipal «para publicitar» os seus supostos logros, senón que a web recolleu «as declaracións que Gonzalo Pérez Jácome realizou aos medios de comunicación con nota de prensa».
En canto ao fondo do asunto, Jácome tamén recoñece, fronte ao que expresaba o titular do comunicado oficial, o Concello non ten un remanente de 130 millóns, senón que máis da metade desa cantidade atópase xa comprometida noutras partidas. «Co cal non son de libre gastos os 130 senón moitos menos, ao redor de 70», conclúe.