Un pequeno gran libro

Pódese ofrecer un fresco da historia de Galicia desde a Idade Media ata a actualidade cun estilo refrescante e á vez rigoroso, con comentarios intelixentes e con interpolación de citas de personaxes senlleiros cheas de carga de profundidade? Pódese falar de Galicia, desde unha posición de amor ao país, sen evitar a complexidade e sen caer na esaxeración fabulosa nin no autoodio fatalista? Pódese. Manuel Veiga Taboada vén de demostralo.

O escritor monfortino Manuel Veiga Taboada.

Este Galicia contada aos non galeguistas (Xerais, 2020) únese a outros traballos que tratan de «divulgar o país» de xeito ameno. Con vocación de entendelo e explicalo en función dun contexto mundial e non en tanto que rexión española. Todo isto faino Veiga, ademais, practicando as virtudes da concisión e da eficacia comunicativa.

Con enfoque semellante, véñennos á cabeza empeños similares como poidan ser o conxunto de artigos-ensaios Outra idea de Galicia de Miguel Anxo Murado (moito máis brillante daquela que cando escribiu sobre o racismo policial dos EUA, dito sexa de paso), ou mesmo a exposición comisariada por Manuel Gago, Galicia, un relato no mundo.

Coma se se tratase de Otero Pedrayo chiando en Twitter, Veiga introdúcenos no libro cun tratadiño sobre o país físico: serras, montes, mares, ríos, clima, asentamentos, comunicacións… A partir de aí, o autor debrúzase no país humano e na súa historia. A este respecto, cómpre dicir que, malia as apenas 114 páxinas decoradas con ilustracións (se cadra algo infantís), tipografía xenerosa e amplos marxes, no libro de Manuel Veiga está todo o substancial que se debería saber sobre Galicia. Ben, case que todo: o por que do carácter predominantemente marxista do nacionalismo galego político moderno, a relación Galicia-Unión Europea ou o papel do país na economía hiperglobalizada  do presente son temas que non se tratan.

Interior da conserveira Massó en Cangas do Morrazo. Arquivo histórico de Bueu.

En todo caso, Manuel Veiga debulla os grandes trazos dos diferentes temas coa claridade expositiva que espera calquera leigo que se achegue ao libro. Entre os asuntos abordados atópanse, a modo de exemplo, os seguintes: a cuestión aínda debatida polos historiadores encol da preeminencia do Reino de Galicia sobre o Reino de Asturias e León; o problema, de longa trascendencia, que supuxo a derrota e deserción das elites do país a partir dos Reis Católicos; a bonanza do s. XVII debido ao cultivo do millo; o auxe proto-industrial da Galicia do s. XVIII e o problema dos foros no desenvolvemento do campo galego, así coma o desentendemento de Carlos III do asunto ou a non solución que foi a Desamortización do s. XIX dado que as terras da igrexa incluían os arrendos e dado que o campesiñado apenas puido acceder ás terras desamortizadas; a incapacidade da industria conserveira para constituírse como grupo de presión política e a ausencia de Galicia no que Vicens Vives chamou o «pacto triangular» entre o téxtil catalán, a siderurxia vasca e o cereal castelán-andaluz, así coma o declive do comercio de carne con Inglaterra debido á política proteccionista dese pacto e á chegada masiva a Europa da carne americana; a cuestión do país como fornecedor de quintos e as argucias dos mozos para evitaren o servizo militar; o caciquismo e a lonxanía do Estado para a Galicia labrega; o drama migratorio e o enriquecemento de certa burguesía a través dos fretes de traballadores destinados ao outro lado do Atlántico; a medra doutros sectores da burguesía, os «gallegos a la española» que dirá Emilia Pardo Bazán, coma funcionarios do Estado ou coma ministros no réxime da Restauración, sen que isto reportase beneficio ningún ao país; o comezo da modernización do campo e do impulso asociacionista no primeiro terzo do século XX; o machadazo a todos os niveis que supuxo para este espertar o levantamento franquista e a ditadura; a pervivencia de casos de éxito empresarial como Trasnfesa ou Zeltia e o nacemento de Galaxia; o pacto BeirasFraga e o golpe de man do PP aznariano; o segundo golpe do aznarismo ao bipartito BNG-PSdG e, como conscuencia desta voladura de impronta recentralizadora, a chegada de Feijóo á Xunta e a división do nacionalismo.


Grabado inglés do S. XIX que amosa o embarque de gando vacún galego desde o porto vigués do Berbés.

En paralelo a estes fitos histórico-politicos, Veiga tamén se detén a reflexionar, co ánimo de explicarse a si mesmo os porqués, sobre a parte veraz que poida haber en tópicos como o do conservadorismo dos galegos («o galego é conservador porque o Estado democrático non foi capaz de convencelo de que debía ser outra cousa»), o carácter litigante, a ambigüidade (o galego na escaleira), a desconfianza etc. Pregúntase tamén Manuel Veiga por que Ourense é unha «provincia natural»; o que, por outra banda, lle permite reflectir sobre como as diferenzas á hora de herdar a terra na área de Lugo e en Ourense configuraron dúas realidades tamén diferentes, unha máis basada na casa illada rodeada de terras, con importancia do nome familiar, e a outra na aldea concentrada con importancia na cooperación veciñal. Por último, Veiga tamén reflexiona sobre o celtismo, sobre os prexuízos antigalegos habituais en España (e non só) ao longo da historia e sobre o duro camiño que debe abrirse no presente unha lingua que continúa asociada á vida familiar e á antiga sociedade agraria (situación á que tamén se enfrontaron outras moitas linguas do mundo por outra banda, moitas delas hoxe linguas con Estado).

En suma, estamos ante un pequeno gran libro que se le nun suspiro, dun autor que en 2016 xa nos agasallou con outra alfaia —mestura singular de ficción, memoria e ensaio— chamada Todo ser humano é un río (Xerais, 2016), cuxa lectura, aproveitando esta recensión, tamén aconsello.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail