A road movie xacobea

Quedei para un cocido madrileño cunhas amigas, todas produtoras do audiovisual. Aínda non remataramos o primeiro viño e xa estaban a argallar a festa do corenta aniversario, en abril, de Vanesa, ausente ese día na comida. Agora as festas teñen que ser orixinais, xa non valen catro globos e un vídeo sorpresa da familia e os colegas. Todas confiaban en min para as ideas: eu son a de Word e elas tan de Excel que ata a sopa lles sabe mellor se a pasta é de números. A aquelas horas, coa presión de seis ollos en min, soltei o primeiro que me pasou pola cabeza: «Podiamos facer o Camiño de Santiago».

Seguiu un rebumbio de preguntas a tres voces, mentres eu buscaba motivos para defender a idea peregrina. Dei a seguinte cullerada da sopa, lentísima, coa pausa suficiente para que a memoria repasase documentais, películas ou series de referencia que me valesen para convencer as madrileñas de camiñar uns días por bosques e aldeas galegas e rematar en Santiago. Esa era a miña meta: ir a casa, pero non quería que se notase moito.

José Gil durante unha gravación no campo de Balaídos.

Animada pola reacción delas, improvisando a toda velocidade, adornei a proposta: por que non gravar a nosa propia historia xacobea? Pensaba no documental de José Gil, Santiago, la Atenas de Occidente (1910): un retrato mudo, en branco e negro, da romaría de xente que inza a cidade coa cámara apuntando cara os deáns á saída da Catedral. Sería a nosa homenaxe ao primeiro documental sobre Compostela. Pero mentres eu armaba algo sinxelo, elas xa andaban a adaptar The Way (2010), a película na que Martin Sheen, dirixido polo seu fillo, Emilio Estévez, embárcase nunha viaxe chea de tópicos, tristuras e soidade que pode funcionar como gancho para turistas norteamericanos, pero que nada tiña que ver coa nosa aventura. Había que reconducir aquela superprodución: tremían ata os garavanzos.

Martin Sheen en ‘The Way’.

Rescatei a primeira película que se conserva sobre os fastos xacobeos, O Ano Santo em Compostela (1915), do portugués Manoel Cardoso Pereira, quen filma a peregrinación polas rúas compostelás de congregacións relixiosas, bandas de música, autoridades, xigantes e cabezudos… Deixeina de fondo coa banda sonora das nosas voces e o ruído dos garfos sobre os pratos. Curiosamente, a cinta de Cardoso non relata nada diferente do que se vive un século despois.

O Ano Santo em Compostela (1915), de Manoel Cardoso Pereira.

Atraer visitantes a Santiago cunha montaxe audiovisual non é novo. Aproveitando o ano xubilar de 1926, gravouse o primeiro documental turístico sobre a cidade, Compostela, no que as imaxes do voo do botafumeiro son o mellor argumento promocional.

Hai que saltar aos anos corenta para ver once minutos sobre o camiño francés, Santiago y el Camino de las peregrinaciones (1941), asinado polo prolífico director Arturo Ruíz Castillo, quen filmou a andaina desde Roncesvalles. Son precisamente os franceses os primeiros que invisten nunha produción para recuperar a importancia do Camiño: o bispo católico Henry Branthomme, admirador da ruta, asumiu a realización de Chemins de Compostelle (1951). É unha delicia percorrer coa súa mirada unha ruta virxe de transeúntes e modas, que nos descobre a España doutros tempos. O estilo lírico e o enfoque histórico, relixioso e estético do documental reflicten ese mesmo entusiasmo dos millóns de peregrinos que se achegan a Santiago
neste século.

Nos anos cincuenta non había familia galega que non tivese alguén emigrado polas Américas. Aló cheirou mercado Rafael J. Salvia, quen facturou para o Ano Santo de 1954 El Pórtico de la Gloria (1953), o seu folletín de emigración, catequese e amor. Fernando Quiroga, cardeal de Santiago de Compostela daquela, viu a cinta antes da estrea a canda o produtor vigués Cesáreo González, a quen lle rogou que subise os escotes das mulleres. Un coloreado e amén.

Se hai un escritor das letras xacobeas e amante do cocido, é Álvaro Cunqueiro. En 1962, na compaña do recoñecido fotógrafo Manuel García, Magar, fixo o Camiño desde O Cebreiro nun 600, viaxe do que deron conta en varios artigos. En 1964 emprende de novo o itinerario, pero esta vez a súa curiosidade levouno ata Roncesvalles. A pluma de Cunqueiro percorre cada recuncho da Ruta Xacobea, un valioso material, imaxinario e real, para o documental Cartas de un peregrino (1965), de César Fernández Ardavin. Levo anos tras a cinta e, como considero grandes magos aos profesionais da produción, reto a Alicia, a Nuria e a Sylvia para que ma consigan. Aí comezou o seu camiño: as tres encomendáronse ao Apóstolo antes de coller o móbil para iniciar as xestións.

Neno, crime, bandoleiros, peregrinos… O director arxentino León Klimovsky non reparou en gastos na aventura medieval xacobea El bordón y la estrella (1966). Pero nesa década a estrela do cine máis luminosa é Luis Buñuel, quen nos agasalla cunha comedia surrealista, La Vía Láctea (1969). A narración sarcástica que van fiando dous peregrinos de París a Compostela, con saltos no espazo e no tempo, é pura irreverencia para os crentes. O papa fronte a un pelotón de fusilamento, a morte encarnada nunha estrela de rock, monxas sadomasoquistas… son algúns dos personaxes que pululan por este corrosivo camiño de herexías, supersticións e reflexións cáusticas.

O papa fronte ao pelotón de fusilamento en ‘La Vía Láctea’, de Buñuel.

Chegan as sobremesas, un variado de pasteis. O touciño de ceo adózame o recordo de Flor de Santidad (1973), de Adolfo Marsillac. Valle-Inclán merecía unha mellor versión da súa novela, pero podemos descargar culpas na censura, que lle meteu man ata ao peregrino. O azucre levanta a paixón das miñas amigas por completar a Ruta, pero eu advírtolles que antes teñen que facer deberes: ver O camiño das estrelas (1993), de Chano Piñeiro.

Lembro a estrea desa fantasía de Chano no Monte do Gozo. O conto de amor entre un home lobo e unha serea vai trenzando a identidade cultural de Galicia, unha proposta imaxinativa cunha visión do país moi persoal. Esta curta por encargo, a película oficial para promocionar o Xacobeo 93, sería a derradeira historia que nos contaría o cineasta. Perdemos un gran contador con imaxes, dos que lle daba luz a Galicia. Hoxe, vinte e cinco anos despois, as miñas amigas senten ese mesmo entusiasmo polo noso que vivimos nós aquela noite da estrea.

No Xacobeo 99 a televisión percorreu o Camino de Santiago nunha miniserie de intrigas e misterio desenvolvidas en escenarios naturais, un escaparate da ruta xacobea a países de todo o mundo. A orixinalidade da proposta radica no fiado da historia seguindo o xogo da oca, xogo ao que se prestou un elenco no que competiron actores nosos –Manuel San Martin ou Uxía Blanco– con figuras de sona internacional –Charlton Heston, Anthony Quinn, Joaquim de Almeida–. As imaxes do británico Robert Young enchéronlle o ollo a moitos que se animarían a camiñar logo pola ruta europea.

Ese mesmo ano, os pais do Xabarín Club, Suso Iglesias e Miguel Anxo Prado, crearon coa mascota do programa unha serie de debuxos para a TVG, Os vixilantes do Camiño. Prado, co seu trazo inconfundible, recreou o patrimonio cultural da Ruta para animar os cativos a coñecer e protexer o noso patrimonio. As aventuras do Xabarín e os seus compañeiros de viaxe chegaron a traspasar as pantallas da tele para se converter en pioneiras da animación cinematográfica galega. Voces ben coñecidas polos espectadores, como as de Juanillo, Tacho González, Sonia Castelo ou Morris, sopran vida nesta produción na que tamén é protagonista a estupenda banda sonora que firman grupos e artistas indispensables na música de aquí: Manolo Romón, The Killer Barbies, Julián Hernández, Víctor Coyote, La Marabunta… Ben merecerían unha segunda temporada as andainas destes vixiantes para o Xacobeo 2021.

A historia do audiovisual do Camiño vai medrando con tantos argumentos afortunados como desafortunados. Entre os que me prestan está Tres en el Camino (2004), unha viaxe intensa na compaña de personaxes de culturas ben diferentes: unha poeta xaponesa, unha profesora de ioga brasileira e un asistente social holandés que escarvan en si mesmos para falarnos de historias reais que conmoven.

César Goldi, Miguel de Lira e Mónica García en ‘One day in Europe’.

Unha final de Champions, catro cidades, catro roubos, un peregrino húngaro… Galatasaray-Depor, un día en Europa (2005) é a ensalada do director Hannes Stöhr, que ten os adobos máis sabedores nas follas galegas, protagonizadas polos seus amigos Miguel de Lira e Luis Tosar.

A comedia Al final del Camino (2009) producida, entre outros, polos galegos Zircozine, non gasta moitas pretensións: seis días de camiño con situacións absurdas dabondo. Como foi esa rodaxe polas paisaxes da ruta secular cóntano os seus protagonistas, Fernando Tejero e Malena Alterio, en En el Camino de Santiago (2009), producida por National Geographic Channel. É unha miniserie conducida por Xoel López que relata, en seis episodios, non igual de afortunados, a peregrinación do músico coruñés a través da ruta suxerida no Códice Calixtino: dous mil quilómetros desde Harleem, en Holanda, ata a porta da Catedral. Tamén aparecen, para compartir a súa experiencia do Camiño, outros galegos vinculados ao audiovisual, como Pepe Domingo Castaño e Cristina Saavedra.

A presentadora dun programa de cociña afrodisíaca decide facer o Camiño cando queda sen parella e sen traballo dun día para outro. Así se une á peregrinación a coprodución galaico-brasileira Onde está a felicidade? (2011), unha comedia coas risas taxadas e reparto moi da casa: María Pujalte, Berta Ojea, Pedro Alonso, Marta Larralde e Luis Zahera.

O Apóstolo (2012) lévanos por unha ruta de fantasía, humor e… maldición. A primeira gran produción española creada en stop motion, non tivo o bo percorrido que merecía. A cinta, o mesmo que o seu protagonista, buscaba o tesouro e perdeuse nun lugar recóndito do camiño. Voces como as de Carlos Blanco, Celso Bugallo ou Pico arroupan estas figuras de plastilina, personaxes ben debuxados nun ambiente que atrapa. Unha mágoa, os mil atrancos cos que bateu o filme na súa andaina.

O documental Footprints: el camino de tu vida (2016) é un desafío para doce peregrinos que viven a transformación das súas vidas ao facer a viaxe xacobea. Un camiño interior no que tamén saen bochas, das que se cosen con moita dificultade e dificilmente cicatrizan.

Xa estamos na conta atrás, o ano 2021 será de novo Xacobeo e ficcións e peregrinos encherán a ruta de esforzo por alcanzar a meta. Agardo con interese a serie 3Caminos, da produtora galega Mamen Quintas, que afronta o reto de dar unha visión renovada do Camiño e encher con novos contidos esta viaxe na que se escoitan todas as linguas.

Esta semana non puiden ir ao xantar do domingo. Quizais no próximo pida sopa de letras para tragarme cada unha das que pronunciei no anterior. Provoquei interese dabondo nas amigas polo Camiño e polo Xacobeo 2021; seguro que elas xa teñen estruturada a terceira tempada da nosa serie: Road Movie 40 aniversario. Será unha aventura para vivila.

Prometo contala.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail