A nova escalada de Deutschland

Cando me mudei a Berlín pensei que esta era a cidade máis libre de Europa. Centos de españois e de estranxeiros europeos pensabamos que aquí podíamos ser o que quixésemos. Os alugueiros eran moi baratos. Podías ter o teu atelier de arte e mais o teu pisiño. Podías dedicarte a facer o que máis che gustase sen ter que hipotecar a túa alma. Podíase ir a manifestacions e a policía respectaba o dereito a protestar. Podíase facer todo iso. Despois de todo, a capital do país maís poderoso de Europa fora tamén a capital do inferno. E ninguén nesta Europa nosa coñece o inferno coma os que deseñaron e levaron a práctica o Holocausto. Eles, sempre tan organizadiños, numeraron a cada vítima, tiñan todo anotadiño e procuraban sacarlle o maior partido ás cámaras de gas, aos fornos e á xente que escravizaron e exterminaron por ser diferente a eles. Unha pensa que se unha nación fixo todo iso, ten que ser imposíbel que apoie a outra nación que hoxe está a facer o mesmo. Alemaña apoia a Israel, sen importarlle se o goberno sionista está a levar a cabo unha solución final como a que cometeran os ancestros de estes alemáns de hoxe.

Dáme vergoña residir nun barrio do leste dunha cidade que hai anos estaba cheo de punks, okupas e loitadores antifascistas, mentres que agora non hai un edificio onde poida verse unha bandeira de Palestina. A intimidación que exerce a Polizei cos cidadáns berlineses é un comportamento criminal. Hai uns días celebrouse o 8º aniversario da fin da Segunda Guerra Mundial, pero o goberno alemán parece que non entendeu nada. Null. Cero. Por unha parte, din que o xenocidio non pode volver a pasar nunca e, despois da guerra, defenderon con orgullo a inclusión das palabras «respecto á dignidade humana» no artigo 1 da súa Constitución, pero, mentres, por outro lado, din que a razón de estado do pobo alemán é a seguridade de Israel. Ou sexa, que se Israel quere non respectar a dignidade humana, como está a facer, o que pesa máis para o goberno teutón é o que eles mesmos fixeron con Israel. O problema moral deste goberno é unha escusa imbécil que dá noxo. As boas palabras de «respecto á dignidade humana» converténse nunha broma macabra fronte ao apoio que dan ao xenocidio que comete Israel. Non se entende. Que parte do respecto á dignidade humana apoia o goberno alemán cando soporta os crimes cometidos por Netanyahu? Onde deixou Alemaña o seu respecto pola dignidade humana?

Este venres 15 de maio, celebrouse unha manifestación en Berlín para recordar os 70 anos da Nakba. No último momento, a administracion berlinesa non deixou que a manifestación fose en Neukölln, un barrio onde reside a maior concentración de palestinos en Europa. Deron permiso para que a xente se concentrara en Südstern, pero non para que os millleiros de persoas se movesen de alí. É dicir, podían estar alí, pero non saír e percorrer parte do barrio. O que pasou foi algo moi parecido a unha emboscada. Centos de persoas rodeadas pola Polizei, que aproveitou o momento para repartir violencia de maneira indiscriminada. A Polizei converteu unha mani pacífica nunha batalla campal. Non intentan «desdescalar» as confrontacións, senón o contrario. Os membros da Polizei berlinesa van ás manis a pegarlle á xente, van cubertos coma robocops. Din que algúns levan luvas que conteñen area de cuarzo, cousa que parece que é ilegal. Pero, segundo a Constitución, tamén e ilegal non respectar a dignidade humana.  Nas imaxes desta mani pódese ver como moitos Polizei enredan a puñadas cos manifestantes, mulleres e homes de tamaño e vestimenta humana. Non coma eles, que parecen saídos dunha película dun fascismo futurista. Pódese ver como catro ou cinco destes robocops están enriba dunha persoa que non se sabe se está morta ou viva.

Dende hai uns meses xa non vou a manifestacións. As imaxes dos golpes, empurróns e puñadas que reciben estes cidadáns heroes prodúcenme moitísimo respecto, rabia e medo. Logo, cando leo as noticias, dánme noxo os titulares: «A policía sofre a violencia dos manifestantes», «Un policía no hospital en Berlín», etc. Hai tempo que a prensa alemá desapareceu, dando apoio a Israel sen importar o que fagan. Non sei como é posible que este país se poida comportar desta maneira. Non entendo como esta cidade, que hai uns anos foi un modelo de liberdade e tolerancia, se converteu nun lugar no que a Polize ten dereito a boxear coa cidadanía, só porque estes apoian o estado palestino. «From the river to the sea, Palestine will be free. Viva, viva Palestina» son cánticos que están prohibidos porque, segundo as autoridades, son antisemitas. A complicidade xenocida de Alemaña é unha vergoña. Pero que se pode esperar dun país que asasinou milleiros de persoas? Que cabe agardar dunha nación europea que agora defende o dereito de Israel a asasinar palestinos e que para activar unha economía fundida nun sistema que non soubo subirse aos avances tecnolóxicos quere basear a súa recuperación económica na industria armamentística? Non sei se é que estamos cegados polo fascismo trumpista ou que non temos a coraxe de ver o que está a pasar no centro de Europa. Como aquel canto nazi que está prohibido, pero é permitido, «outra vez Deutschland vai estar enriba de todos».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail