Votar!

Agora si. Malia a sensación que os medios transmiten de que estamos en campaña continua, e a que as enquisas nos dan de que estamos decote a decidir quen merece gobernarnos, é agora, o vindeiro 28 de maio cando de certo podemos facelo.

Podemos decidir, deberiamos poder decidir, debemos decidir. Tres perspectivas diferentes sobre o acto de votar. E sobre o acto de non facelo. Porque non todas as sociedades democráticas coinciden na regulación deste elemento básico da propia democracia. En España o artigo 23.1 da Constitución fala do dereito a votar: «Os cidadáns -incluso as mulleres, digo eu- teñen o dereito para participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos en eleccións periódicas por sufraxio universal» e desenvólvese na LOREG, que protexe a liberdade do exercicio do dereito e os requisitos para o acceso, nomeadamente a inscrición no/s censo/s CER, CERA, CERE. Non é algo complicado porque esa inscrición é automática para as persoas residentes con cidadanía española, os concellos fano de oficio ao empadroármonos. Para que non o esquezamos, recibimos antes de cada proceso unha tarxeta censual recordatorio dos nosos datos e do colexio electoral que nos corresponde. Malia todas estas facilidades, a crecente abstención debería preocuparnos porque resta lexitimidade ao resultado. Por exemplo, segundo a información oficial da Xunta, a abstención nas Galegas de 2020 foi dun 51,3%, en 2016 un 46,37%, en 2012 (45,09%), en 2009 (35,57%), en 2005 (35,8%). Medra de maneira sostida a cidadanía «apática» que diría a lei electoral española de 1907.

Se o comparamos co tratamento doutro elemento central da cidadanía como é a participación no sostemento económico do estado (os impostos) vemos unha grande diferencia. O artigo 31.1 da CE fala dun deber: «Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo con a súa capacidade económica…». Mais non é acaso tan importante a nosa contribución ao bo goberno como ao seu financiamento? Debería ser tamén un deber votar? Aínda que poda parecer extravagante, cinco países da UE manteñen o sufraxio obrigatorio, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Grecia e Luxemburgo. En Bélxica, por exemplo é un tema que está en continuo debate social mais continúa a ser obrigatorio votar, e a abstención non regulada castígase con multas. A participación da poboación belga nas eleccións federais en 2019 foi a «menor» dende 1979, do 88,47% , cunha abstención inferior ao 12%. A media da participación nos países da UE ese ano foi dun 50,66% e baixando. Non vos parecen datos para abrir un debate?

Non sería a primeira vez que España é obrigado votar. A mencionada lei electoral de 1907, feita a imaxe da lei belga de 1896, establecía esa obriga no seu artigo 2: «Todo elector ten o dereito e o deber de votar en cantas eleccións fosen convocadas no seu distrito. Quedarán exentos desta obrigación os maiores de setenta anos, o clero, os xuíces de primeira instancia nos seus respectivos partidos e os notarios públicos no territorio do Colexio notarial onde exerzan as súas funcións». Claro que daquela só tiñan dereito a voto os varóns maiores de 25 anos. Os incumprimentos estaban penados con recargas de impostos e a aparición nun rexistro público de infractores. Parece que nunca se chegaron a aplicar.

E é esa dificultade ou falta de vontade política de aplicar as sancións o que limita o efecto da obrigatoriedade na abstención. Imaxinade que non houbera inspección de facenda ou garda civil de tráfico. Pagaríamos impostos? Correríamos no coche como Baltar?

Nesta democracia de audiencia que nos toca vivir, atribúese aos partidos políticos o traballo de «animar», mobilizar a votante, convencela da necesidade do seu voto, con espectáculos que compiten na mesma franxa horaria. Medo e ilusión son as principais tramas de guión. Búscase votar como en Eurovisión, a quen faga o mellor espectáculo. E desvinculamos a política resultante da nosa elección, porque non é unha obriga colectiva, só un dereito individual. E se ningún programa é do noso agrado apagamos logo dun refacho de zapping e a outra cousa.

Banal e nada banal ao tempo. Porque viviremos uns anos co resultado e sen poder cambiar de canal (e aínda menos apagar) por desagradable que sexa o que mostre a pantalla. Que non sexa por non tentalo. Ao menos malo, co nariz tapado, superando resentimento ou desilusión polas promesas incumpridas, esquecendo por uns minutos agravios e rifas. Como facemos a declaración do IRPF e levantamos o pe do acelerador aínda cando non nos presta.

Entendo que non se pode obrigar a votar en España sen cambiar a Constitución, e pode que non estean os tempos para este debate. Se cadra é unha manía miña de señora maior e aburrida pensar que a xornada electoral non é festa ningunha da democracia. Festa? A quen se lle ocorrería símil tan desafortunado! A festa é para divertirse e votar é un traballo. É o traballo da democracia representativa. O que lle dá o nome. O que nos toca facer a nós, o pobo soberano.

É a nosa obriga malia non estar recollida na lei. O que toca o 28 de maio é votar!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail