Dos cinco proxectos que figuran na web da Consellería de Cultura como medios de promoción da literatura galega no exterior, tres están de corpo presente. É dicir, teñen unha aparencia figurada, pero non teñen vida. Nin autor, quitado o caso do Obradoiro internacional de tradución poética que organiza Yolanda Castaño. A outra que está en funcionamento, as axudas á tradución, está baixo unha dieta cada vez máis estrita
Small Stations Press vén sendo a segunda meirande editora de literatura de España en Estados Unidos durante a década 2008-2018, segundo este artigo de Chad Post, Cando empezamos a editar a literatura galega en inglés en 2009, só había 29 títulos galegos en inglés que saíron durante o periodo 1964-2008. Parecéronnos ben poucos para unha literatura de tres millóns de falantes. A finais de 2019, xa había 104 títulos galegos en inglés, un incremento de 75 títulos en once anos, dos que 46 títulos son nosos. Pódese consultar unha lista dos títulos neste enlace.
Dividimos os títulos de Small Stations en catro coleccións: narrativa adulta (Small Stations Fiction, www.smallstations.com/fiction), narrativa xuvenil (Galician Wave, www.smallstations.com/wave), clásicos da literatura galega (Galician Classics, www.smallstations.com/classics) e poesía (Small Stations Poetry, www.smallstations.com/poetry).
Editamos as primeiras edicións en inglés dos poemarios Cantares gallegos e Follas novas de Rosalía de Castro, en tradución da poeta canadense Erín Moure. Cantares gallegos saíu por vez primeira en 1863, a súa edición inglesa non ata 2013 – 150 anos despois! En total, editamos a obra de 29 escritoras e escritores galegos en tradución de 9 tradutoras e tradutores, e con ilustracións de 7 ilustradoras e ilustradores. Editamos a obra de autoras como Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Paco Martín, Marina Mayoral, Teresa Moure, Xavier Queipo, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Anxos Sumai e Suso de Toro. Este ano temos previsto sacar dez títulos máis de autoras inéditas en inglés como son An Alfaya, Marica Campo, Francisco Castro, Pedro Feijoo, Iria Misa, Xelís de Toro e Martín Veiga.
A xente pensa que axudas á tradución son para a editorial, pero débense pagar integramente á persoa tradutora da obra
Para algúns destes libros recibimos as axudas á tradución que outorga a Xunta de Galicia. A xente pensa que estas axudas son para a editorial, pero débense pagar integramente á persoa tradutora da obra. De feito, a editorial recibe só o 45% da axuda de antemán, debe anticipar o resto ao pagar á persoa tradutora e esperar ata que o proxecto se aprobe para cobrar o 55% restante (que pode ser varios meses ou incluso un ano despois). A editorial funciona como banco de crédito, neste sentido.
A tarifa que outorgaba a Xunta de Galicia era de 25-50 euros/páxina ata 2012, pero en 2013 esta tarifa baixou a 20 euros/páxina, que está por debaixo da recomendada pola Asociación de Tradutoras do Reino Unido (£95/1.000 palabras, aproximadamente 25 euros/páxina). Con esta tarifa, a persoa tradutora só vai poder sobrevivir, non vai poder aforrar. A persoa tradutora tense que manter nunha permanente tensión – só cobra mentres traduce, en canto deixa de facelo non cobra nada. Non conta con seguridade social, pensión, vacacións pagadas.
E nos anos 2013, 2014 e 2019, a Xunta de Galicia chegou a outorgar para algúns dos nosos libros tarefas de 17,80, 17,52 e 15,42 euros/páxina respectivamente. Na convocatoria – por exemplo esta de 2020 – a tarefa dáse como «20 euros por páxina, como máximo», o cal simplemente fixa o límite para a Xunta – debería ser unha tarefa mínima que se garante para a persoa tradutora, é dicir, «20 euros por páxina, como mínimo».
Cando lle escribín á Xefa do Servizo do Libro e Publicacións, Dolores Tobío Barreira, para saber que debía facer coa tarefa de 15,42 euros, a resposta foi que a editorial debía poñer a diferencia. Entón a editorial que intenta exportar a literatura galega, á parte de correr cos gastos de revisión do texto, deseño, impresión e distribución do libro, debe anticipar o 55% da axuda e suplir o déficit cando esta axuda non chega aos 20 euros/páxina.
A partir de 2018, introducíronse axudas para a tradución dos libros, «así como para a súa edición», pero en 2018 non se percibiu ningunha suma adicional e en 2019 foron sumas pequenas e na metade dos casos a tarefa que se pagou pola tradución foi menos de 20 euros/páxina – o que se gañou acabouse perdendo.
A tradución é a voz propia máis alén das fronteiras dun país. Permite o intercambio cultural, a comprensión mutua e debería ser unha prioridade
Small Stations Press está baseado en Bulgaria. Utilizamos o mesmo sistema de distribución ca moitas editoras do Reino Unido (como, por exemplo, Shearsman Books, editora de moitos títulos da poesía galega en inglés), é dicir print on demand ou impresión baixa demanda, o cal permite que os libros se poidan pedir e imprimir nos tres grandes mercados anglosaxóns de Estados Unidos, do Reino Unido e de Australia a través de 39.000 puntos de venda e dende calquera curruncho do mundo. Intentamos que os prezos dos nosos libros, que varían entre 10 e 18 euros, sexan asequibles.
A tradución é moi importante. É a voz propia máis alén das fronteiras dun país. A outra persoa na maioría dos casos non vai chegar a entender a cultura galega sen que haxa tradutor ou tradutora que a traduza. A tradución permite o intercambio cultural, a comprensión mutua, debería ser unha prioridade, pero moitas veces só se nos ocorre despois (e en canto deixa de ser necesaria, adoitamos esquecela). Pero é a voz do outro.
A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia ten unha páxina adicada ás traducións, que a día de hoxe (14 de maio de 2020) conta con cinco iniciativas: as xa mencionadas axudas á tradución; a colección Galician Classics, que foron coedicións entre a Xunta de Galicia e a miña editorial, Small Stations Press, e que consta de sete títulos; unha Anthology of Galician Literature-Antoloxía da literatura galega bilingüe (galego-inglés) que saíu en dous volumes (1196-1981/1981-2011) en 2010 e 2012, da que fun eu o editor e o principal tradutor; un web para a literatura galega en inglés, o Portico of Galician Literature, www.galicianliterature.gal, que coordino e o Obradoiro internacional de tradución poética que organiza a impulsora cultural Yolanda Castaño.
Nótase que tres das cinco iniciativas dependen directamente do meu traballo como tradutor e editor, pero en ningún momento se menciona o meu nome. O tradutor non existe.
A colección Galician Classics é unha colección magnífica – de deseño facilmente recoñecible, cunha foto da autora ou do autor na portada e a ollada da autora ou do autor no lombo do libro, para que nos atraia a atención dende o estante (e certamente é así). Na súa función de coeditora, para os catro primeiros títulos a Xunta de Galicia mercaba mil exemplares, pero a partir da edición de Nimbos en 2014 este número baixou a trescentos exemplares, o cal dificultou moito a edición de Follas novas en 2016 (cando tiven que aportar os meus propios cartos para que a edición saíse adiante e a tradutora recibise a tarefa recomendada), e a partir da edición de Ilustrísima en 2017 non se fixo ningunha outra edición. É dicir, a Xunta de Galicia terminou a súa colaboración nesta colección hai tres anos, a pesar das suxerencias que fixen ao Director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, de sacarmos títulos como Á lus do candil de Ánxel Fole, Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo, Tempo fósil de Pilar Pallarés (obra gañadora do Premio Nacional de Poesía) e Scórpio de Ricardo Carvalho Calero (figura que se celebra este ano no Día das letras galegas, pero do que non se pode ler ningún libro en inglés).
É unha mágoa porque esta colección, ao seren nomes máis facilmente recoñecibles (Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Carlos Casares), tivo unha relativamente boa acepción entre o lectorado anglófono.
Namentres, a Anthology of Galician Literature-Antoloxía da literatura galega en dous volumes (1196-1981/1981-2011) tivo a particularidade de que as cento dez escolmas as fixesen as propias autoras e autores, ou persoas expertas na súa obra. O segundo volume saíu hai xa oito anos, e a meu ver non tiveron a distribución debida – podíanse dar a cada visitante estranxeiro ás institucións galegas e a participantes en eventos, conferencias e festivais organizados en Galicia, como carta de presentación. Ben sabido é que o inglés funciona como lingua intermediaria, e moitas editoras e lectoras do mundo o utilizan para acceder a textos (e culturas) aos que non terían acceso normalmente.
O web para a literatura galega en inglés, o Portico of Galician Literature, www.galicianliterature.gal, conta coa presencia virtual de corenta escritoras e escritores galegos, cunha pequena biografía, a sinopse dun libro importante e unha tradución mostra de 40-50 páxinas. Utílizase nas feiras do libro. Segundo Google Analytics, dende a súa incepción en 2012 recibiu as visitas de máis de 14.000 usuarios dun total de máis de 80 países do mundo. Sen embargo, e a pesar de que lle escribín tres correos electrónicos ao Director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e ao seu departamento nos meses de febreiro e marzo, a Xunta de Galicia este ano non renovou o seu interese.
É dicir, das cinco iniciativas adicadas á tradución, semella que tres pertencen ao pasado (pero mantéñense, anonimamente, na páxina web da Consellería de Cultura); as axudas á tradución e o Obradoiro que organiza Yolanda Castaño, é de esperar que continúen.
Esta é a situación que afrontamos as tradutoras e editoras da literatura galega fóra de Galicia (é dicir, as representantes da cultura galega para toda persoa que non entenda galego, que vén sendo a gran maioría da poboación do mundo).
A semana pasada (7 de maio de 2020), o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou un plan de reactivación dos sectores cultural e turístico
A tradución menciónase na páxina 42: «Apoio ás traducións literarias. Incremento das axudas ás empresas editoras para a realización de traducións do galego a outras linguas e doutras linguas ao galego».
As únicas axudas que eu coñezo son as axudas á tradución que mencionei. A convocatoria de 2019 está resolta. A convocatoria de 2020 está en trámite, pero non se sabe cando se han outorgar. Se se outorgan en xullo ou agosto, como vén sendo habitual, a primeira anualidade das axudas (o 45%) pagarase este ano e a segunda anualidade (o 55%) a finais de 2021 ou principios de 2022. Aínda que se incrementen – entendo que o orzamento será maior e se outorgarán máis axudas, pero coa mesma tarefa de 20 euros/páxina (que está fixada na convocatoria «como máximo», pero que pode ser menos) – ¿que axuda nos dá nesta situación difícil que afrontamos? Cando, á vez, parece que se cancelaron os proxectos Galician Classics e Portico of Galician Literature, e a Anthology of Galician Literature foi editada hai xa varios anos.
Levo vinculado coa cultura galega trinta anos. Traducín obras de Manuel Rivas que están editadas por Penguin Random House. Editei e traducín un suplemento de Contemporary Galician Poets para a revista da Poetry Society británica, a máis prestixiosa revista de poesía do Reino Unido, Poetry Review en 2010. Este suplemento foi enviado en papel aos domicilios das 4.000 suscritoras e suscritores da revista e segue dispoñible na páxina web da revista para calquera que queira descargalo.
Dende hai trinta anos, fixen un esforzo tremendo para que a literatura galega – e, por tanto, a cultura galega – saíse máis alá das súas fronteiras lingüísticas, esforzo que non recibiu ningún recoñecemento oficial por parte das institucións galegas e que nin merece mención do meu nome na páxina web da Xunta de Galicia que está adicada ás traducións.
Veño dende 2009 reclamando unha Oficina de Tradución que se adique a promocionar os títulos galegos noutros idiomas, a establecer contactos cos axentes culturais doutros países
O que necesitamos é un apoio para promocionar os nosos títulos, unha política de promoción. Veño dende 2009 reclamando a creación dunha Oficina de Tradución cun orzamento anual de entre 60.000 e 120.000 euros (o Consello da Cultura Galega, que ten un apartado de «Acción Exterior», conta cun orzamento anual de 2.800.000 euros, segundo este artigo de Galicia Press) que se adique a promocionar os títulos galegos noutros idiomas, a establecer contactos cos axentes culturais dos países de chegada (librarías, bibliotecas, xornalistas, etc.), a organizar actos, a poñer anuncios en revistas relevantes, incluso a organizar un premio de tradución para premiar o labor da persoa tradutora e realzar a obra gañadora. Hai un montón de actividades que se podían levar a cabo para que as traducións entrasen con máis facilidade no mercado de chegada, pero fai falta un orzamento, fai falta un compromiso constante. Levo once anos pedindo e agardando esta iniciativa.
Nunha recente entrevista con Daniel Salgado no xornal Nós Diario, tamén suxiro a creación dunha Escola de Tradutoras con dez postos de traballo para persoas tradutoras, para que as tradutoras poidamos percibir un salario, dignamente. Podíanse dar a persoas tradutoras con probada traxectoria que traballan activamente no eido da tradución co galego. Segundo o mesmo artigo de Galicia Press, a Consellería de Cultura e Turismo conta cun orzamento anual de 157.200.000 euros. Podíanse crear vinte-cinco postos de traballo cun salario anual (pagado de antemán e cunha duración mínima de cinco anos) de 25.000 euros – a literatura galega chegaría moito máis alá, as tradutoras teriamos certa estabilidade en vez de ir de proxecto en proxecto, e levaría o 0,4% do orzamento. ¿Non é apto para unha Consellería de Cultura e Turismo?
E se o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, realmente quere axudar ás persoas tradutoras, debe non incrementar as axudas, senón incrementar a miserable tarefa de 20 euros/páxina a 25 euros/páxina como mínimo. Isto pódese facer co mesmo orzamento, outorgando axudas a menos libros – corenta en vez de cincuenta, por exemplo.
Afronto serias dificultades para sobrevivir simplemente polo feito de ser tradutor – porque creo que debería haber persoas tradutoras que se adiquen á tradución a tempo completo. A tradución é unha práctica, apréndese na práctica, pero as tradutoras corremos o risco de convertermos en pezas arqueolóxicas.