Gonzalo Pérez Jácome, o histriónico alcalde populista de Ourense ao que Feijóo upou ao poder, xógase outra bala nos tribunais

A Coruña– O balbordo que levantou o auto de procesamento por prevaricación que deixa ao bordo do banco ao alcalde de Ourense e líder único de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome, non é algo novo nunha cidade afeita a convivir desde hai décadas cunha recorrente sucesión de escándalos. De feito, todos os alcaldes que rexeron a cidade nos últimos trinta anos foron investigados ou xulgados, nalgún momento das súas carreiras políticas, en procesos relacionados coa corrupción, ou foron querelantes ou querelados mesmo por delitos violentos. Tampouco é a primeira vez que Jácome (Ourense, 1969) pasa polos xulgados. Desde que asumiu a Alcaldía en xuño de 2019 fíxoo en polo menos media ducia de ocasións, ben como investigado ou denunciante en procedementos xudiciais relacionados coa xestión de fondos públicos, ben como vítima ou presunto autor en causas penais por agresións verbais e físicas.

Jácome é posuidor dun olfacto político só comparable co histrionismo irrefreable do seu cuestionable comportamento en público, que, con todo, lle deu e segue a darlle enormes réditos electorais. Chegou ao poder grazas a unha operación impulsada polo daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para evitar que o PSOE, gañador das municipais dese ano, se fixese co Concello e forzase á súa vez a caída de Manuel Baltar na Deputación Provincial. A fontanaría de quen fora o seu secretario xeral en Galicia e hoxe no PP estatal, Miguel Tellado, impediuno e fíxoo alcalde. Catro anos despois, nas municipais de 2023, Jácome converteuse no candidato máis votado na cidade, medrando máis de 12 puntos e tres concelleiros. Ao ano seguinte, DO obtivo un escano no Parlamento de Galicia, con máis do triplo de votos na provincia que Vox, Sumar, Podemos e Pacma xuntos.

Feijóo e Jácome, nunha foto de arquivo / Foto: Xunta

O alcalde, que ata a súa entrada en política a lombos de Auria Televisión, unha pequena e case artesanal cadea de televisión local, se dedicaba á xestión da tenda de instrumentos musicais da súa familia, defínese como un sinxelo «emprendedor local». O xuíz Leonardo Álvarez, maxistrado do xulgado de Instrución Número 1 e decano dos xulgados ourensáns, impútalle un delito de prevaricación por ter cobrado entre 2020 e 2025 máis de 432.000 euros de soldo como rexedor con dedicación exclusiva, pero sen ter solicitado nunca ao pleno municipal que convalidase a súa actividade profesional privada. Se o xulgan e é declarado culpable, enfróntase a unha pena de até 15 anos de inhabilitación, pero el non oculta no seu perfil público que segue dedicándose aos seus negocios privados. En especial, ao da súa produtora.

139.850 euros ao ano

Sucede que, á marxe da súa nómina como rexedor –74.850,30 euros anuais en 2026, segundo o Concello–, Jácome declara a Facenda outros 65.000 euros por esas actividades privadas. É dicir, 139.850 euros ao ano. Case 30.000 euros máis que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ou 55.000 máis que o da Xunta, Alfonso Rueda, que non declaran ingresos á marxe dos que reciben polos seus cargos públicos.

O de dedicarse á súa produtora de televisión resulta relevante porque, tal e como desvelou Público en 2021, Auria TV tería chegado a facturar entón máis de 259.000 euros das subvencións do Concello e da Deputación por servizos prestados aos propios grupos de Democracia Ourensana en ambas institucións. Varios concelleiros do seu partido acusárono ademais de traspasar até 100.000 euros dese diñeiro ás súas propias contas correntes entre 2015 e 2018. Xa daquela, advertiron de que o alcalde cobraba a súa dedicación exclusiva ao Concello sen ter solicitado ao pleno que aprobase a preceptiva compatibilidade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

O xulgado de Instrución Número 2 de Ourense comezou a investigalo por malversación en 2021 a raíz dunha denuncia daqueles edís, que abandonaron a formación deixando a Jácome cun mini equipo de goberno dun só concelleiro. O alcalde contratou entón como asesora á parella do maxistrado que o investigaba, Luis Doval, que pouco antes de pechar a instrución, en marzo de 2022, solicitou á Audiencia Provincial absterse na causa para manter «a aparencia de imparcialidade».

A instrución de Doval, que hoxe é maxistrado da Audiencia Provincial de Lugo, derivou no arquivo da causa apenas tres meses despois. A súa esposa, Guadalupe Hucha, é a prima de Telmo Hucha, exconcelleiro de DO e quen fora home da máxima confianza do alcalde, pero que tamén acabou abandonando o partido. Precisamente, foi el quen presentou a nova querela que, salvo que prospere o recurso que o avogado de Jácome presentará contra esa decisión, podería sentalo no banco.

Un informe para Feijóo

Aqueles concelleiros díscolos tamén se dirixiron ao PP para intentar convencer a Feijóo de que deixase de apoiar ao rexedor e facilitase unha moción de censura que o apartase da Alcaldía. Enviáronlle un informe no que fundamentaban as súas acusacións, e que incluía as evidencias de numerosas irregularidades. Entre elas, as que publicou este diario coas declaracións ante a Policía Nacional de varios falsos asesores, algúns dos cales nin sequera pisaban o Concello ou traballaban en realidade para Auria. Confesaron ter entregado ao alcalde no seu despacho sobres en man con cantidades mensuais de até o 60% dos seus soldos no Concello como contribución ao partido. Segundo a policía, Jácome non declaraba a Facenda eses cobros. No seu día, o alcalde tampouco aclarou se os ingresaba nas súas contas ou nas de DO.

Aquel asunto tamén quedou en nada. Como tampouco derivou en investigación ningunha o caso aberto polo diario La Región cando publicou durante a campaña das municipais de 2023 unha serie de audios nos que o alcalde, supostamente, se burlaba da corrupción, recoñecía o cobro de comisións ilegais e admitía o uso de diñeiro negro: «A lei permíteche financiar un máximo de 50.000… Oficial ou B, non?»; «¿Vannos pillar con esmolas? Se metes o pau, méteo ao grande»; «¡Estamos na zona cero da corrupción!»… E unha das súas mellores perlas: «¡A nai que me pariu! ¡Puxeron un micrófono na Alcaldía!». Soltouna durante a rolda de prensa na que negou todos os feitos. Daquela dixo que temía que os audios foran montados manipulando frases fóra de contexto editadas mediante intelixencia artificial.

«¡A nai que me pariu! ¡Puxeron un micrófono na Alcaldía!»

Con todo, Jácome gañou con solvencia aquelas eleccións. Non tiña maioría absoluta pero o PP de Alfonso Rueda e a inacción do PSOE galego permitiron que se mantivese no poder, a pesar da sucesión de escándalos mediáticos e xudiciais que o precedía e que o seguiu tras esa renovación: compras de material fotográfico e informático con diñeiro municipal sen concurso público; atribución de sancións de tráfico do coche oficial que conduce o alcalde a funcionarios municipais; agresións a unha sindicalista; denuncia e xuízo por agresión contra o editor de La Región; sanción da Xunta Electoral por facer propaganda de DO desde a web do Concello; inxurias a outro empregado municipal; unha campaña municipal de bonos cidadáns universais de 100 euros para gastar en comercios locais até dous días antes das eleccións…

A opción política favorita dos ourensáns

Pode resultar difícil de entender, pero as enquisas advirten de que DO non deixa de medrar e que a opción política preferida polos ourensáns segue a ser Jácome, que non quixo atender a oferta deste diario para ofrecer a súa versión sobre os feitos que se lle imputan. Tampouco Telmo Hucha, o seu excolaborador e agora querelante.

No seu perfil onde se define como «diletante» e modesto «emprendedor local», o alcalde tamén presume de atleta e de ser o promotor en España da modalidade das carreiras de subida de escaleiras en edificios. De feito, xura que foi o primeiro en participar en 2002 na mítica subida ao Empire State de Nova York. Quizais desa afección derive a dificultade para, máis alá do seu populismo lenguaraz, esaxerado e teatral, situalo no eixe político clásico –«Non son de dereitas nin de esquerdas, senón de Ourense» adoita dicir–. E para saber se agora mesmo sobe ou baixa pola escaleira de escándalos da política ourensá. É dicir, se a causa contra el o fará caer ou se, pola contra, o erguerá un chanzo máis no poder.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail