O emérito busca agora pasar desapercibido en Sanxenxo

A Coruña.- Da regata de vela ao caneo aos españois e á credibilidade da monarquía, Juan Carlos de Borbón tenta agora aparentar que quere que a súa presenza en Sanxenxo pase máis desapercibida que durante a súa anterior viaxe á localidade galega. Alí, fai menos dun ano, regalouse fronte á ría de Pontevedra un baño de adeptos e de cámaras e ofreceu a máis campechana e insolente das súas afirmacións recentes: «Explicacións, de que?».

Segundo as fontes consultadas por Luzes-Público na Delegación do Goberno en Galicia, no Concello de Sanxenxo e no Real Club Náutico da vila, non está previsto ningún dispositivo especial de seguridade, dado o carácter «privado» que, aseguran, ten o seu periplo, máis aló do que poidan decidir os expertos da Garda Civil.

Tampouco haberá recepción con photocall na porta do Náutico, nin o emérito interactuará co público que poida reunirse na contorna do club, cuxos responsables tampouco acreditarán á prensa nin habilitarán ningún espazo para que os xornalistas poidan esperalo, tomar imaxes e facerlle preguntas.

A segunda regata do V Circuito Liga Española 2023 clase 6m na que pretende participar non se celebrará ata o sábado pola mañá, pero o exjefe do Estado ten previsto chegar mañá a Sanxenxo. Aterrará ao mediodía desde Londres a bordo dun avión privado no aeroporto de Peinador, en Vigo, desde onde viaxará por estrada ata o chalé do seu amigo Pedro Campos, en Nanín, a uns dous quilómetros do porto deportivo, onde está atracado o Bribón, o buque no que regatea.

Partido da Liga de Campións

O emérito pasou o luns pasado na capital británica, onde xantou con Carlos III, e este martes ceou con amigos nun exclusivo club da cidade. Ao peche deste artigo tiña previsto asistir pola noite nun palco VIP do estadio de Stamford Bridge ao partido de volta da semifinal da liga de Campións entre o Chelsea e o Real Madrid.

Non é probable que Juan Carlos se achégue ao Náutico de Sanxenxo nada máis chegar este mércores, como si fixo o ano pasado. Aínda que nun principio especulouse coa posibilidade de que se lle habilitase alí mesmo un apartamento con despacho, todo parece indicar que finalmente pernoitará no chalé de Campos.

Se o mesmo mércores ou o xoves decidise saír a navegar, nin sequera pasaría polas instalacións do club, segundo confirmou a Luzes-Público o responsable de Seguridade do Concello: «Irá en coche ata o espigón, onde está atracado o barco nunha zona pechada ao público e á prensa», asegurou.

Juan Carlos de Borbón, en Sanxenxo

Tampouco está prevista unha recepción oficial do alcalde, Telmo Martín (PP), quen fai unha semana mostrouse outra vez «encantado» da visita do emérito e quen abundou na clave de que o seu municipio converteuse na «capital da felicidade» para persoas como el: «O éxito de Sanxenxo pasa pola discreción», dixo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén defendeu en días pasados que o antigo monarca ten «dereito» a volver a España, e que se escolle de novo Galicia, pois mellor aínda. Sobre o feito de que o anterior xefe do Estado defraudase impostos, que fose acusado de cobrar mordidas polo seu labor de intermediación nos intereses de España e doutras cuitas varias, Rueda asegura que non lle corresponde a el valorar eses «condicionantes».

Á marxe do PP, a oposición galega recibe a presenza do exjefe do Estado de maneira distinta. O novo delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, mantén o perfil baixo que o PSOE e o Executivo de Sánchez manteñen sobre o tema e que desvela certa molesta distancia con Juan Carlos.

A candidata socialista á alcaldía de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, pola súa banda, explicou a Luzes-Público que a repercusión mediática da visita «é positiva para o pobo» e engadiu que se ela é elixida alcaldesa tras as próximas municipais, non dubidará en recibir ao emérito tal e como fixo noutras ocasións o rexedor do PP: «Faría o mesmo con Angela Merkel e con calquera outro mandatario ou exmandatario dun país democrático», apuntou.

«O Borbón fuxido da xustiza»

As maiores críticas proveñen da contorna do nacionalismo. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou en Madrid que a súa formación «rexeita de forma tallante a visita do Borbón fuxido da xustiza» e subliñou que non é benvido en Galicia porque os galegos non queren que o seu país «dea acubillo á corrupción do Estado».

«Parece coma se fósemos un paraíso xudicial para os corruptos: Juan Carlos de Borbón non pode ir a ningún sitio salvo a Abu Dabi e a Sanxenxo», di o responsable local do BNG

Para o portavoz nacionalista en Sanxenxo e candidato á Alcaldía, Francisco Leiro, a imaxe da localidade que deixan as visitas do rei é moi negativa. «Parece coma se fósemos un paraíso xudicial para os corruptos: Juan Carlos de Borbón non pode ir a ningún sitio salvo a Abu Dabi e a Sanxenxo», sinala o candidato do Bloque. «É certo que a certo segmento social pode gustarlle, pero a maioría senten vergoña», asegura.

«Quedamos mal como sociedade», engade Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, as mocidades do Bloque, que o ano pasado organizaron protestas contra a presenza do emérito en Galicia e que non descartan repetilas agora. «Todos os sucesos que rodean a figura do rei emérito non fan máis que demostrar que a monarquía española é unha institución corrupta que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo», asegura Gómez, quen expresa tamén o seu rexeitamento a que a visita «quede impune e pase coa complicidade da Xunta, do Goberno do Estado, do PSOE e Unidas Podemos e tamén co beneplácito do Partido Popular».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail