Feijóo fai coincidir o congreso do PP galego co de Madrid para restar protagonismo a Ayuso

A directiva do PP de Galicia decide celebrar o conclave para nomear como novo líder a Alfonso Rueda nas datas de maio que solapan o congreso do partido na comunidade de Madrid

A Coruña.- A dirección nacional do PP de Galicia acordou este luns por unanimidade o calendario proposto por Alberto Núñez Feijóo para o congreso que decidirá a súa sucesión á fronte dos populares galegos. O conclave celebrarase o sábado 21 e o domingo 22 de maio, solapándose co do PP de Madrid, que estaba previsto desde hai semanas para o venres 20 e o sábado 21. Moitos militantes e altos cargos do PP esperaban que o congreso de Galicia se celebrase unha semana despois do madrileño.

A coincidencia lese en círculos do PP galego como un intento de Feijóo de restar protagonismo á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que será nomeada tamén presidenta rexional do partido, despois de iniciar a guerra interna contra Pablo Casado que concluíu coa caída deste e o ascenso do presidente da Xunta ao liderado dos populares en todo o Estado.

Co Congreso de Galicia Feijóo pretende dar unha imaxe de democracia interna, aínda que o certo é que a súa sucesión xa se decidiu nos despachos. O novo líder será Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968), un dos homes de confianza do presidente do PP desde que asumiu a presidencia do partido na comunidade en 2005. Rueda acompañouno na oposición, foi conselleiro de Presidencia dos seus gobernos en Galicia desde que Feijóo gañou as autonómicas no ano 2009 e o seu vicepresidente primeiro na Xunta desde finais de 2012.

Rueda tamén será o novo xefe do Executivo galego antes mesmo de que o aclamen como líder rexional do partido. Feijóo anunciou que dimitirá do seu cargo «a partir de abril». Desde entón seguirá como presidente en funcións ata que o Parlamento celebre a investidura de Rueda. Feijóo tamén anunciou que non deixará o seu escano ata despois de votalo.

Segundo establecen a Lei Reguladora da Xunta e o seu Presidente e o Regulamento do Parlamento de Galicia, o presidente desta última institución ten trinta días desde a dimisión de Feijóo para consultar cos portavoces dos grupos e propoñer un candidato á cámara.

Dado que o PP goza nela de maioría absoluta (42 escanos, por dezanove do BNG e catorce do PSdeG), ese trámite non debería demorarse. Máis aínda tendo en conta a presión que está a recibir Feijóo desde a oposición por manter paralizado o Executivo en plena crise económica desde que anunciou que aceptaría suceder a Casado. Esa imaxe de Rueda como cómplice dun Feijóo que prefire antepoñer os intereses de partido aos da cidadanía podería debilitar a imaxe de Rueda, cuxo coñecemento e valoración entre os galegos está moi por baixo dos que ten o seu antecesor.

Rueda e Feijóo / Foto: Xunta

Co congreso galego Feijóo non só quere eclipsar a Ayuso e dar ao ascenso de Rueda certa imaxe de lexitimidade e democracia interna. Tamén de normalidade e unidade, aínda que tampouco nisto último está a telo fácil. O presidente da Deputación de Ourense e do PP desa provincia, Manuel Baltar, esixiu unha vicepresidencia na executiva rexional do partido para aceptar que Rueda sexa tamén o próximo candidato ás autonómicas previstas para 2024, e non un mero presidente interino co que podería competir nunhas hipotéticas primarias.

Entregar unha vicepresidencia a Baltar obrigará a Rueda a compensar a balanza nomeando outra vicepresidencia para Diego Calvo, presidente provincial da Coruña e a quen Feijóo acaba de encomendar a dirección do comité electoral do partido a nivel estatal.

Dado que existen probabilidades de que o secretario xeral siga sendo Miguel Tellado, a quen Feijóo acaba de nomear vicesecretario estatal de Territorios -o propio Tellado manifestou que non tería reparos en manter ambos os postos-, Rueda tería que abrirse a nomear máis cargos con nome de muller se non quere unha executiva de baróns encabezada case en exclusiva por varóns.

Nese sentido cobran forza os nomes de Elena Candia, presidenta provincial de Lugo e a quen se lle encomendou a organización do congreso galego, e de Marta Fernández Tapias, persoa de confianza de Rueda e recentemente nomeada por Feijóo presidenta do PP de Vigo, a maior cidade de Galicia.

Na súa intervención de onte diante da executiva nacional do PPdeG, que fixo en español no canto de en galego, como viña facendo habitualmente ata que foi nomeado presidente estatal do partido, Feijóo reclamou para o seu sucesor «o mesmo apoio» que tivo el.

Pola súa banda, Rueda evitou confirmar a súa candidatura ao liderado dos populares galegos «por respecto aos prazos» e en prol dunha sucesión que se está facendo «ordenada e planificadamente».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail