Dous mozos denuncian unha agresión homófoba en Vigo tras bicarse nunha céntrica praza da cidade

A un deles fracturáronlle o tabique nasal e ao outro rompéronlle unha moa e mancáronlle un cóbado na madrugada do domingo na praza de Portugal

Dous mozos de vinte e dous e vinte e tres anos residentes en Vigo denunciaron o pasado domingo na policía unha agresión homófoba nunha zona de copas da cidade. Os mozos aseguran que se atopaban con outras catro amigas nun banco da praza de Portugal preto das catro e media da madrugada cando, tras bicarse, foron asaltados e golpeados a puñadas e patadas.

A un deles fracturáronlle o tabique nasal, desgarráronlle unha orella e deixáronlle varios hematomas no rostro e no corpo. O segundo sufriu a rotura dunha moa por mor dunha puñada e tamén padece un traumatismo nun cóbado.

Segundo narra Iván Lomba, un dos agredidos, el e un amigo atopábanse nun banco da praza de Portugal xunto á súa parella e outras tres amigas, cando adoptaron unha actitude cariñosa e decidiron bicarse. Poucos segundos despois, un mozo que estaba con outro grupo dunhas sete persoas nun banco contiguo achegouse a eles mentres empezaban a increpalos.

«Cando lles respondín ‘que pasa?’, un deles golpeoume na cara e tiroume ao chan. Entón o meu amigo [o segundo agredido prefire gardar o seu anonimato] levantouse e tamén se lanzaron sobre el, déronlle dúas puñadas e tentaron patealo na cara e na cabeza cando caeu ao chan», engade.

Sara Paz, a parella de Iván, de dezasete anos, dá testemuño desa versión. «Eran un grupo de sete persoas, cinco mozos e dúas mozas. Cando Iván e o noso amigo se bicaron, decateime de que os de atrás empezaban a murmurar. Pouco despois achegáronse para golpealos. Non me cabe dúbida de que foi unha agresión homófoba», engade.

Segundo denunciaron na policía, un dos agresores era de orixe latina co pelo curto tinguido de louro e a cara redonda. Outro era louro cos ollos claros. Ao parecer, tras a agresión dirixíronse a un aparcadoiro subterráneo que dispón de cámaras de seguridade, grazas ás cales a policía podería identificalos.

Iván asegurou este luns pola mañá que se atopaba ben, aínda que dorido, e que apenas puidera durmir. Está pendente dunha revisión médica para avaliar os danos na moa que lle romperon. En canto ao seu amigo, foi derivado a un cirurxián plástico para avaliar se pola gravidade da lesión no tabique nasal precisa dunha intervención cirúrxica.

Trátase da segunda agresión homófoba denunciada en Vigo no últimos cinco meses. O novembro pasado, o actor coruñés Alberte Bello denunciou que outro mozo lle dera unha brutal malleira mentres lle gritaba «maricón de merda!» cando regresaba de cear co director da obra de teatro que preparaba na cidade.

Hai tres días, o grupo de beat-punk Amor denunciou nas súas redes sociais que o venres anterior un dos seus membros sufrira outra agresión tras participar nun festival en Ourense. Tras o concerto, un home achegouse a el nunha rúa da cidade e rompeulle o nariz dunha puñada, deixándoo inconsciente tras chamarlle «puto maricón».

O domingo 20 de marzo, en Xirona, outro home que regresaba á súa casa de noite cunha máscara coas cores do arco da vella recibiu outra malleira por parte de dous homes que lle chamaron «maricón de merda».

O 30 de xaneiro, a familia dun mozo de 23 anos cunha discapacidade intelectual denunciou que seis homes o agrediran entre insultos homófobos á saída dunha discoteca de Xerez da Fronteira.

A semana pasada sóubose que a Fiscalía chegara a un acordo coa defensa de dous menores de idade que participaron na brutal malleira que acabou na Coruña coa vida de Samuel Luiz, entre insultos homófobos, segundo corroboraron varias testemuñas. O acordo, do que non transcenderon os detalles nin o grao de participación dos mozos na morte de Samuel, contempla que só cumprirán tres anos e medio de internamento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail