A Xunta xa deu tres millóns de euros a dedo a diarios afíns ao PP no primeiro ano de Rueda

A Coruña.- A Xunta de Galicia entregou xa 2,93 millóns de euros a cinco empresas editoras de medios afíns ao PP desde que Alfonso Rueda gañou por maioría absoluta as eleccións autonómicas de 2024. A sociedade editora de La Voz de Galicia, o maior diario da comunidade, foi a máis beneficiada con máis da metade de todo ese diñeiro: 1.525.153,92 euros, máis do dobre que a seguinte: Editorial Prensa Ibérica, que tira Faro de Vigo, El Correo Gallego de Santiago e La Opinión da Coruña, e que levou 662.749,52 euros.

Esas cantidades engádense ás que as mesmas compañías editoriais xa reciben por publicidade institucional e mediante as subvencións e incentivos fiscais que obteñen como calquera outra entidade mercantil, e canalizáronse a través de axudas directas e convenios bilaterais sen concurso público subscritos con varias consellerías e axencias da Administración autonómica.

As outras tres beneficiarias foron a propietaria El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra, con 386.719,74 euros; a de La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo, con 281.209,35 euros; e Editorial La Capital, que publica El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol e Diario de Arousa, con 74.242,05 euros.

La Voz de Galicia, que tras o falecemento o verán pasado do empresario Santiago Rey é propiedade da Fundación que leva o seu nome e que preside o xornalista Lois Blanco Penas, leva décadas obtendo axudas millonarias da Xunta. Só nos 13 anos de mandatos de Alberto Núñez Feijóo obtivo 15,8 millóns de euros, sen contar as insercións publicitarias pagas tamén co orzamento autonómico.

Liña editorial axustada á estratexia do PP

La Voz adoita aliñar a súa posición editorial cos intereses do PP en Galicia e en Madrid, como sucede con asuntos de actualidade como o proxecto de macrocelulosa de Altri, cuxa instalación defende e apoia o Executivo de Rueda e que o mes pasado filtrou a ese medio o primeiro informe ambiental favorable á instalación da factoría, ou como o relato de oposición de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno de coalición que preside Pedro Sánchez.

Só no primeiro ano tras as autonómicas de 2024, La Voz obtivo da Xunta 550.545,47 euros do reparto de axudas directas á prensa galega en papel, case a metade dos 1,17 millóns que Rueda distribuíu en exclusiva entre as cinco citadas empresas, e que se publicaron o decembro pasado. Ademais, a editora do diario levou outros 240.723,07 euros para a súa versión dixital e outros 11.430,97 euros para a súa emisora de radio.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto de ‘El Correo Gallego’ tras a adquisición do diario polo Grupo Moll, con Mercedes e Javier Moll / Foto: Xunta

O 16 de maio de 2024, un mes despois da investidura de Rueda tras as últimas eleccións, La Voz recibiu outros 149.510,43 euros mediante un convenio subscrito sen concurso público previo entre Lois Blanco e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para potenciar o uso do galego nas súas páxinas. O diario leva preto de tres décadas recibindo esa mesma axuda todos os anos a pesar de que practicamente a totalidade das súas informacións e a abafadora maioría das súas pezas de opinión séguense escribindo e publicando en castelán.

A lexislación española sobre contratación pública establece os convenios como fórmula de colaboración entre administracións e entre estas e outras entidades de dereito público, como as universidades, pero a Xunta adoita empregalos para camuflar o que en realidade constitúen subvencións discrecionais encubertas en beneficio de determinadas empresas, para evitar así sometelas ás normas de transparencia, publicidade e concorrencia que rexen para o resto de axudas e contratos públicos.

140.000 euros por publicar contidos relacionados con Galicia

En agosto do ano pasado, a Corporación Voz de Galicia, matriz do xornal, obtivo 140.000 euros máis mediante outro convenio coa Axencia Turismo de Galicia, que dirixe Xosé Merelles, para «difundir nos medios do grupo contidos vinculados a Galicia». Só dous meses despois, en outubro, o xornal de Blanco levou outros 139.462 euros da Consellería de Educación, encabezada por Román Rodríguez, grazas a outro acordo cuxo obxecto era o «desenvolvemento de accións de promoción e difusión de programas educativos».

«La Voz de Galicia» recibiuu 140.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia por publicar contidos relacionados con Galicia

O pasado 9 de xaneiro, La Voz recibiu 149.873,18 euros desa mesma consellería para o seu programa de fomento da lectura de prensa entre os escolares. Seis días despois, o 14 do mesmo mes, a Consellería de Economía do Goberno de Rueda, que dirixe María Jesús Lorenzana, entregoulle 143.608,70 euros máis cun novo convenio destinado a elaborar e publicar «información relacionada con estratexias, programas e/o iniciativas da Consellería que resulten de interese para a cidadanía».

Alfonso Rueda, coa conselleira delegada do grupo El Progreso, Blanca de Cora García-Montenegro / Foto: Xunta

Salvo polo convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, que o ano pasado só beneficiou a La Voz, o Executivo autonómico do PP utilizou idénticos mecanismos coas outras catro empresas editoras de diarios a maioría dos cales adoitan axustar as súas liñas editoriais á estratexia política de Rueda.

Prensa Ibérica, cuxo presidente, Javier Moll, é o home máis rico de Aragón e un dos cen máis adiñeirados de España segundo Forbes, levou 360.731 euros en axudas directas aos seus tres periódicos galegos e ás súas respectivas webs, e outros 302.017,82 euros en convenios a dedo subscritos coas consellerías de Educación, de Cultura e de Economía.

Os grupos empresariais de «El Progreso» e «La Región»

O grupo empresarial de Blanca García Montenegro levou 239.150,85 en subvencións da Administración autonómica e outros 147.568,89 euros mediante acordos bilaterais sen concurso público co Goberno de Rueda para publicación de contidos en El Pogreso e en Diario de Pontevedra.

As empresas de Óscar Outeiriño, editor de La Región e de Atlántico Diario, ingresaron 97.272,31 euros por eses mesmos convenios e outros 183.937,04 en axudas, e as de José Collazo, editor de El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa, 33.189,67 euros e 41.052 euros, respectivamente, polos mesmos conceptos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail