O presidente do Goberno galego explicou onte que a Xunta e as forzas políticas parlamentarias están a traballar nun decreto para suspender as eleccións autonómicas ante a emerxencia sanitaria do covid-19 e prognostica que se celebrarán despois do verán
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, compareceu o pasado martes despois dunha reunión por vía telemática coa representación das forzas políticas galegas (PSdeG-PSOE, Galicia en Común-Anova-Mareas, BNG e Ciudadanos), e informou de que están a traballar nun borrador de decreto para suspender as eleccións previstas para o 5 de abril, propoñendo que non se poidan celebrar antes de verán. Así mesmo, anunciou que puxeron sobre a mesa activalas dous meses despois do estado de alarma e a oposición asumiu que a data se fixará no outono, coincidindo co final do mandato de Feijóo.
O líder do PP galego notificou que a intención é aprobar o decreto hoxe mércores para que entre en vigor o xoves, e publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde que lexitime a suspensión das eleccións autonómicas para que a campaña electoral non se inicie o 20 de marzo. Recoñece que hai cuestións pendentes e «moitos riscos desde o punto de vista xurídico» como a participación das persoas que cumpran 18 anos estes meses, o voto rogado ou por correo, por iso quizais imiten a fórmula vasca e volvan retomar os 54 días completos antes do día dos comicios, con precampaña e campaña incluída.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, comunicou que, ante a opción de iniciar unha nova convocatoria electoral, os socialistas están abertos á idea. Sobre a nova data, Feijóo explicou que as convocará de novo el «oídos os partidos políticos e a Xunta Electoral». Antón Gómez Reino, cabeza de lista de Galicia en Común-Anova-Mareas que este martes anunciaba o seu positivo en coronavirus, esgrimiu que chegado o momento «ten que haber un consenso para buscar a mellor data» e que por agora é «inadecuado» fixar un horizonte para a chamada ás urnas.
En canto á situación actual do covid-19 na comunidade hai 305 persoas contaxiadas, subindo un 27,6% o número nun día e 4 falecidas. Feijóo informou de que o prioritario para Galicia son medidas no ámbito social e económico que xa comunicou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e, moi dispar ao seu compañeiro do PP estatal, Pablo Casado, insistiu en que é «absolutamente comprensivo» co Goberno central e que entenderá que algunhas propostas que lle remitan non sexan contestadas.
Así mesmo, Feijóo tamén pediu a Sánchez que manteña os test do coronavirus «en todo o Estado» xa que interromper as probas, segundo o presidente, «pode dar lugar a problemas». Da mesma forma os partidos están á espera do estudo sobre o comportamento da enfermidade e da previsión do Ministerio de Sanidade para predicir a chegada da fase máxima en Galicia.
Na rolda de prensa tamén notificou que lles parecen «adecuadas» as medidas do luns pasado en canto ao peche das fronteiras e limitar o paso, «Galicia vai apoiar que o Goberno decida blindarnos máis», engadiu Feijóo. Con todo, a candidata á presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, postulou que para ela foi un «erro» non pechar fronteiras. «Dixeron que non había fronteiras, pero pecharon as de Portugal e Francia», sostivo. Insisten en blindar completamente Galicia como veñen de facer nas Illas Baleares.