Carteira fóra de serie

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A carteira vén sorrindo cara a min cunha postal na man. En cada viaxe compro unha postal bonita, escribo nela algún desexo e o enderezo de casa e, cando a recibo, lembro con simpatía os días de Roma, Sevilla ou París. A miña carteira en Santiago é unha rapaza nova coa que compartín o que ata hoxe era un segredo, en troco de decenas das súas divertidas anécdotas profesionais. Vivo nun barrio de casiñas vellas habitadas por viúvas que matan as horas debruzadas na fiestra. Ela saúdaas polo seu nome con cariño e lévalles, ademais da carta certificada do Concello, o paquete de galletas que lle encargaron, porque coa chuvia, o frío e a idade cústalles pisar a rúa. Ás veces, Inés é a única persoa coa que falan en todo o día. Ela sábeo e anda cun ollo en cada unha. Sente que ese é tamén o seu traballo.

Jesús Guzmán, o carteiro de Crónicas de un pueblo.

Jesús Guzmán conseguiu que mirásemos os carteiros con complicidade. Interpretou a Braulio, sempre coa carteira ao lombo e arrastrando a bicicleta, na serie de televisión Crónicas de un pueblo (1971-1974). Braulio coñecía as lerias do pobo e botáballes un cable aos veciños. Antonio Mercero retratou en 130 capítulos a vida no rural coa que se identificaban tantas familias; sobre todo, as que marcharan buscar traballo á cidade e morriñaban aos seus vendo unha serie que se emitiu pouco antes da volta da democracia pero cuxo impacto aínda perdura.

Juanillo Esteban interpretando o carteiro de Pratos Combinados.

Correos ten boa importancia nas series e películas galegas. A emigración fixo dos carteiros persoas queridas e esperadas, e iso non se esquece. A punzante curta de Chano Piñeiro, Mamasunción (1984), xira arredor desa carta que a muller vai esperar cada día á estafeta.  Os avisos importantes en Pratos Combinados traíaos en man  Juanillo Esteban, o repartidor das boas e malas novas da serie. E Luís Zahera vestiu o uniforme de Correos varias temporadas no Luar. Con Xosé Ramón Gayoso lía algunhas das cartas que chegaban desde calquera punto do planeta e analizábaas con retranca. O carteiro Anselmo era servizo público, non había filtro, e sacáballe as cores ao presentador cando os luareiros desacordaban con el. Incluír este personaxe foi un acerto do director Manuel Abad: se lle escribías a Gayoso, contábano na tele.

Luís Zahera, o carteiro Anselmo, con Gayoso en Luar.

César Cambeiro meteuse na pel do repartidor de cartas de Terra de Miranda (2001-2007). O carteiro Emilio fálalle aos espectadores para explicarlles as aventuras dos habitantes de Miranda, mentres a vida transcorre ás súas costas. É o cronista que asume a carga do relato, unha criatura máis da aventura. «A idea era a dun personaxe de realismo máxico cunqueiriano», conta sobre o peculiar narrador un dos creadores da serie, Xosé Castro. O carteiro Emilio respira a intención dos personaxes do avogado e de Giudizio de Amarcord (1973), de Federico Fellini. Os dous actores falan directamente a cámara e fannos partícipes das súas reflexións. Unha chiscadela enxeñosa dos guionistas de Zopilote a unha película coa que Terra de Miranda tamén comparte fondo: o relato da vida a través das relacións humanas nun pobo.

César Cambeiro como o carteiro Emilio de Terras de Miranda.
O Giudizio de Amarcord (1973), de Federico Fellini.

Quen non se mata empurrando o carro amarelo da correspondencia é Víctor Fábregas na comedia costumista Era Visto! (2011-2018). Quizais sexa Lino o carteiro máis lacazán da televisión: mesmo montou un sistema de reparto centralizado no bar de Puskas, onde afixo os seareiros a recoller as cartas.

Víctor Fábregas no papel de Lino, o carteiro, na comedia Era Visto!.

Para carteiro mítico televisivo, John Ratzenberger, que interpreta ao falabarato Cliff Clavin, un dos clientes habituais do bar de Cheers (1982-1993), a comedia coas situacións mellor creadas da historia da televisión: un grupo de perdedores reúnese no pub de Sam Malone, a ambos lados da barra ule a fracaso, pero todos tentan, entre grolo e grolo de cervexa, atopar unha saída ás súas vidas desafortunadas. Sobre historias cotiás levantan uns diálogos mordaces que aguantan con nota a revisión da serie neste século. Luís Bermejo é o carteiro da versión española de Cheers (2011), que naufragou, como se o mal fado do equipo de perdedores habituais do bar contaxiase os responsables da produción.

Cheers.
Alberto Sanjuán, Luis Bermejo, Pepón Nieto e Antonio Resines na versión española de Cheers.

Con tanto correo electrónico e mensaxes perderemos os carteiros, aos que tantas veces agardei na porta, desexando que a súa carteira agochase unha postal dos meus avós en Alemaña, ou unha carta ao meu nome dalgún mozo. Hoxe sorrío con Inés. Trae a postal do Circo Price de Madrid que escribín antes da gala da Unión de Actores e Actrices: «Cando chegues a casa verás o premio de Morris ao mellor actor  por Fariña (2018) ». E así é: a figura xa loce no salón.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail