Vilalba estuda retirarlle a Manuel Fraga os títulos honoríficos que lle outorgou durante o franquismo

A Coruña.- O Concello de Vilalba (Lugo), o pobo natal de Manuel Fraga Iribarne, gobernado polo PSOE en coalición cunha marea progresista local, estuda retirar os títulos e distincións que lle foron concedidos durante a ditadura ao exministro franquista, expresidente da Xunta, relator da Constitución Española e fundador do Partido Popular. Entre eses elementos simbólicos figura un busto de bronce situado nunha céntrica praza do pobo, na que o PP adoita celebrar actos de homenaxe ao que considera a súa figura histórica máis relevante.

A retirada de honras a Fraga abriu un debate en Galicia despois de que as organizacións memorialistas lograsen que se eliminase do rueiro a céntrica avenida á que daba nome en Cariño (A Coruña), nunha moción apoiada polo PSOE e o BNG coa abstención do PP, que goberna a localidade. A iniciativa aludía á súa participación activa no franquismo como ministro dos gobernos de Franco e Arias Navarro, e lembraba que a lei de memoria democrática obriga ás administracións para retirar as distincións concedidas durante a ditadura a persoas que formasen parte do seu aparello de represión.

Fillo predilecto

Ese é o principal argumento que manexan tamén os partidarios de revisar os símbolos que honran a Fraga en decenas de municipios de Galicia e especialmente na súa vila natal, que o declarou fillo predilecto o 19 de xullo de 1949, un día despois do 13 aniversario do golpe de estado de 1936. O busto de bronce que lembra a Fraga na praza Basanta Olano, sufragado en parte cun peditorio popular, foi inaugurado en 1970. Dous anos antes, a corporación local había bautizado co seu nome ao conxunto de instalacións denominado Cidade Cultural, que inclúe un colexio, un instituto, as antigas vivendas de docentes e a biblioteca municipal.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco (PSOE) / Foto: Concello de Vilalba

«Revisar as distincións aprobadas durante o franquismo non é unha cuestión de opinións persoais ou partidarias, de se unha persoa nos gusta máis ou menos», sostén a alcaldesa socialista de Vilalba, Marta Rouco: «Trátase estritamente de cumprir a lei». Rouco goberna con cinco concelleiros en coalición cos tres de Vilalbaberta e o apoio do edil do BNG, fronte aos oito escanos do Partido Popular, que mantivo a Alcaldía ininterrompidamente desde a ditadura ata 2019.

Manuel Fraga, fillo dun alcalde do pobo durante a ditadura de Primo de Rivera, foi ministro de Información e Turismo entre 1962 e 1969 e responsable da censura exercida contra os medios de comunicación e contra a liberdade de expresión de creadores de obras literarias e culturais. Entre decembro de 1975 e xullo de 1976, xa falecido o ditador, ocupou a vicepresidencia do Goberno e tiña baixo o seu mando ao Ministerio do Interior na época na que se produciron, entre outros sucesos, as matanzas de Vitoria e Montexurra. En resposta a quen protestaron entón pola intensificación da represión policial, Fraga acuñou en resposta a frase «A rúa é miña» de renovada actualidade agora que se discute sobre se retirar ou non o seu nome dos rueiros.

O PP defende a súa figura

O PP entrou de maneira contundente no debate defendendo a súa figura. Desautorizou de inmediato á alcaldesa de Carril e aos seus concelleiros ao día seguinte de que se abstiveron na moción de hai dúas semanas, e en Vilalba, onde organiza unha misa anual en honra de Fraga, propuxo que, no canto de retirar o busto, se lle engada unha placa que o lembre como pai da Constitución, xefe da oposición no Congreso democrático durante varias lexislaturas e presidente da Xunta de Galicia entre 1990 e 2015.

Os detractores, por contra, insisten en que se debe cumprir a lei de memoria retirando todas as distincións, e que se o PP quere que Vilalba honre ao Fraga postfranquista, o que debe facer é presentar unha nova proposta ao pleno municipal. «Eu levo a área de urbanismo do Concello, e non creo que ningún veciño poida entender que nos saltásemos a lei do solo. Por que habemos de facelo coa de memoria?», pregúntase Modesto Renda, portavoz de Vilalbaberta.

O tamén tenente de alcalde destaca que o cumprimento desa lei e a revisión dos símbolos franquistas do pobo foi «un compromiso esencial» do seu acordo de Goberno co PSOE. «Se o PP non está dacordo con a lei de memoria, debe cambiar o marco normativo na institución correspondente, que é o Congreso dos Deputados Pero mentres tanto, aquí debemos cumprila», sostén.

O tenente de alcalde de Vilalba, Modesto Renda, de Vilalbaberta / Foto: Vilalbaberta

«O Partido Popular sostén que somos revanchistas e que isto é unha represalia. Pero non, do que se trata é de cumprir coa legalidade», insiste o concelleiro do BNG e autor da primeira proposta para retirar o busto, Constantino Alvite, quen engade que a figura de Fraga «ten as mans manchadas». «Non imos permitir que se lave a súa imaxe», indica, «e non é só unha posición do BNG, é a lei».

O pasado outono, a alcaldesa de Vilalba delegou nunha comisión de estudo na que están representadas as catro formacións do consistorio a análise da valoración do catálogo de todas as distincións e honras outorgadas durante o franquismo no municipio, para avaliar a súa adecuación á legalidade vixente. Dado que as formacións que apostan por retiralas, tamén as de Fraga, son maioría no pleno, parece evidente que sacarán adiante a proposta.

«Revisar as distincións aprobadas durante o franquismo non é unha cuestión de opinións persoais, trátase de aplicar a lei»,

De feito, a rexedora encargou un informe ao secretario municipal para valorar mesmo se sería legal que o pleno se manifestase en contra de cumprir a lei de memoria. Sobre a posibilidade de que, unha vez retiradas as distincións do franquismo, se homenaxée posteriormente a Fraga con outras mencións ou símbolos pola súa actividade tras a ditadura, Marta Rouco mantense na mesma posición: «Haberá que ver a proposta, estudala e debatela».

Antes da publicación desta peza, Luzes-Público se dirixiu en varias ocasións ao Partido Popular para obter unha valoración dos seus portavoces locais en Vilalba ou dos seus representantes provinciais en Lugo, sobre a intención de retirar o busto e as honras locais rendidas a Manuel Fraga, e para que expuxesen os valores da súa figura política que consideran merecedores das distincións que ostenta na súa vila natal. Á hora na que se terminou de redactar este artigo o PP non respondera ao ofrecemento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail