A esquerda alternativa busca espazo na Galicia do PP entre o auxe do BNG e o declive do PSOE

A Coruña. A esquerda alternativa, que durante a segunda metade da década pasada liderou en Galicia o espazo electoral progresista e que chegou a arrebatarlle o poder nalgunhas das cidades máis grandes do país ao PP de Alberto Núñez Feijóo, mantense en proceso de reorganización un ano despois das eleccións autonómicas que certificaron o fracaso definitivo daquel proxecto, xunto ao auxe do BNG e o declive do PSOE.

Nos comicios do 18 de febreiro de 2024, catro anos despois de quedar fóra do Parlamento de Galicia, a coalición de Sumar e Esquerda Unida quedou en 29.000 votos,seis veces menos que os que a formación de Yolanda Díaz obtivera nas xerais de 2023. Podemos obtivo 4.400 sufraxios, case cen veces menos que os máis de 408.000 que a súa alianza con EU, Anova e En Marea levou nas de 2015, cando lograron seis escanos no Congreso. Un deles foi o da propia Díaz, o da súa estrea como deputada estatal.

«Aquel espazo foi transcendental e fundamental para conseguir un Goberno alternativo no Estado, funcionou como garantía fronte á dereita e a extrema dereita. Pero agora esa fortaleza transformouse en debilidade, e o risco é precisamente o contrario: que esa debilidade permita o ascenso da ultradereita», explica Martiño Noriega.

Martiño Noriega

É o portavoz nacional de Anova, a formación fundada por Xosé Manuel Beiras e quen o acompañou na súa saída do BNG en 2012, e cuxa estratexia pasa agora non pola reconstrución daquel espazo de unidade coa esquerda estatal, senón por fortalecer o ascenso do nacionalismo que lidera Ana Pontón.

Noriega arrebató ao PP en 2015 a Alcaldía de Santiago con Compostela Aberta, que mantén hoxe na capital galega dúas dos dez concelleiros que chegou a ter nesa lexislatura, e que sosteñen xunto ao PSOE o Goberno en solitario do BNG da rexedora Goretti Sanmartín.

Compostela Aberta é a única das grandes formacións locais daquel movemento de mareas de esquerda alternativa que entre 2015 e 2019 gobernou tamén na Coruña e en Ferrol. As que aínda quedan con alcalde, como nas localidades coruñesas de Sada e Rianxo, ou con influencia nos gobernos locais, tamén están vinculadas a Anova.

Precisamente, a aproximación de Anova ao BNG pasa por resolver a cuestión local desas mareas en vilas medianas para os comicios de 2027. Noriega asegura que non hai posibilidade de recuperar a sociedade con Podemos, EU e Sumar, e si «cooperación, sintonía e liña aberta» co Bloque para tratalo ao longo deste ano.

Sen liña de comunicación entre Podemos e Sumar

Entre Podemos e Sumar, por contra, non existe liña de comunicación máis aló da cortesía, nin os seus responsables cren que poida habela nun futuro próximo. Ambas as formacións presentáronse por separado ao 18F, cuxa campaña electoral coincidiu coa ruptura do grupo parlamentario no Congreso e a saída das deputadas de Podemos ao Grupo Mixto.

«En Galicia demos un salto adiante constíundonos como organización, con presenza sostida no ámbito local, capilarizando o Movemento Sumar Galicia», explica Paulo Carlos López, secretario xeral da formación, que preside a deputada Verónica Martínez Barbero, exdirectora xeral de Traballo no ministerio de Yolanda Díaz e portavoz de Sumar na Parlamento español.

Paulo Carlos López, no centro, nunha rolda de prensa en Santiago / Foto: Sumar Galicia

«Temos tempo para fortalecernos», destaca Paulo Carlos López, quen cre que ese proceso de construción do partido debe confirmar a Sumar como «o núcleo da articulación do espazo da esquerda alternativa en Galicia, é dicir a súa organización referencial».

Nese sentido, o secretario xeral destaca tamén a necesidade de reforzar o liderado de Martínez Barbero difundindo o seu traballo no Congreso e visibilizando os logros do Goberno do Estado en coalición co PSOE, para convencer ao elector que vota a Sumar no xerais pero que opta polo BNG nas autonómicas, como sucedeu en 2024, de que manteña o seu apoio á formación. «Hai unha evidencia empírica: concentrar o voto non garante o cambio político», sostén.

Reorganización de Podemos

Paulo Carlos López tamén avoga por restablecer «pontes» que permitan reiniciar a relación con Podemos, aínda que na formación de Ione Belarra se toman con cautela esa posibilidade, porque aseguran que elas tamén están a reorganizar e reconstruíndo o partido en Galicia, e que ata que ese proceso non termine, non se exporán novos escenarios.

«Ademais, temos moi claro que as fórmulas anteriores fracasaron e que non ten sentido repetilas», di Isabel Faraldo, nova coordinadora nacional de Podemos Galicia, quen advirte de que «a Podemos non se lle poden dar leccións de traballo pola unidade da esquerda». «Se algunha virtude tivemos nestes últimos anos foi a de ser moi xenerosas con todos os nosos socios», lembra.

Isabel Faraldo, no centro / Foto: Podemos Galicia

Faraldo sostén que, á marxe do proceso de reconstrución e reorganización interna, Podemos ten un proxecto propio para Galicia e para combater, aínda desde fóra do Parlamento autonómico, a perda de dereitos e servizos públicos derivados dos gobernos do PP na Xunta, que están a deixar, ao seu xuízo, «un país invertebrado e atacado», contra a súa lingua, o seu territorio e a súa riqueza natural, como sucede con plans industriais como os da celulosa de Altri ou os parques eólicos das grandes compañías eléctricas.

«Despois de que nos desen tantas veces por mortos, demostramos outra vez que estamos aquí para quedarnos, e que sen Podemos non hai cambio. E non nos importan tano as fórmulas electorais como os programas. Facemos falta porque somos esa forza transformadora que non ten medo a cumprilos con valentía», conclúe.

Tanto Podemos como Sumar e como Anova aseguran que apenas existen contactos con Esquerda Unida máis aló dos que sosteñen de cando en vez aqueles cadros que o fan a nivel persoal porque estreitaron relacións durante a epoca da unidade. Luzes-Público tentou obter unha valoración da coordinadora nacional desa formación, Eva Solla, pero á hora na que se terminou de redactar este artigo non obtivera resposta ao ofrecemento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail