Aínda que a guerra en Madrid beneficia a súa imaxe moderada o presidente da Xunta teme que o verdadeiro beneficiado sexa Vox
A Coruña.- Alberto Núñez Feijóo reemerxe como o maior beneficiario da guerra aberta entre Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso. Porque se as acusacións que veñen lanzando as contornas do presidente do PP e da presidenta madrileña son certas e chegasen a demostrarse, o futuro de ambos pode verse seriamente comprometido.
Se o caos de espionaxe, corruptelas e traizóns do PP acaba devorando a Casado e a Ayuso, o presidente da Xunta parece agora mesmo a única figura capaz de asumir o liderado do que para entón poida quedar do partido.
Feijóo pronunciouse este xoves sobre o asunto simulando certa equidistancia, aínda que cargando entre liñas contra a xestión que Génova fixo da guerra con Ayuso. «Chove sobre mollado e levamos varios meses diante dun asunto que debería estar resolto polas canles normais orgánicas do partido e non por informacións moi sorprendentes», dixo Feijóo ao mediodía ao termo do Consello semanal do Goberno autonómico.
«Se hai problemas orgánicos dentro do PP en Madrid, téñense que resolver de forma intelixente e non provocando un incendio», advertiu Feijóo, quen reclamou a Casado que estea «á altura das circunstancias». «Tranquilidade, análise obxectiva e intelixencia creo que son materias necesarias para xestionar calquera incidencia», engadiu.
Feijóo mostrou morneza coa presidenta madrileña, restou importancia ao feito de que o seu irmán poida cobrar unha comisión por intermediar nunha concesión pública da Comunidad de Madrid á empresa dun amigo íntimo da súa familia, e mesmo reprochou que se lancen «dúbidas ou sombras de dúbidas» sobre un contrato que a propia Comunidade colgou «no seu portal de Transparencia».
Podería parecer que con esas declaracións Feijóo se posiciona no bando de Ayuso. Pero non o é se ten en conta que, no contexto do seu propio Goberno, son centos os contratos que a Administración galega ten colgado no seu portal de Transparencia e que poderían ter unha lectura similar. E que os casos de enchufismo, nepotismo e clientelismo están en Galicia á orde do día. Que ao presidente galego non lle chame a atención nin vexa nada inmoral ou ilegal na actuación de Ayuso non significa que a apoie nas súas pretensións políticas fronte a Casado.
Desde o PP galego, fontes próximas á dirección desmenten con rotundidade que Feijóo estea en «ningunha batalla» sucesoria, e aseguran que, de ter algunha aspiración para liderar o PP, a exporía «ao seu debido tempo, seguindo os tempos orgánicos e respectando a todos». «Xamais trataría de aproveitarse dunha situación así», sosteñen.
O que si recoñecen é que un enfrontamento tan aberto e descarnado como o desatado en Madrid, polo que supón de desgaste entre os líderes dos dous bandos enfrontados, realza a imaxe de Feijóo como «gobernante sensato e moderado». Pero engaden que nin sequera iso compensa «o dano e o espectáculo» que está a dar o partido, e que o gran beneficiado, en realidade, é Vox.
O que lle preocupa a Feijóo, aseguran esas fontes, é precisamente que a descomposición do PP alimente aínda máis o auxe da ultradereita, que Galicia se contaxie e que Vox acabe entrando nunha comunidade onde aínda é unha forza extraparlamentaria e sen presenza en institución ningunha. «O de Castela e León foi un aviso moi serio. Podemos fartarnos de gañar eleccións, pero se para gobernar temos que botar man de Abascal, estaremos nun escenario que Feijóo detesta», afirman.