A dobre competencia

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A pelexa entre Ciudadanos e o Partido Popular pola hexemonía na dereita española provoca unha competencia feroz entre os partidos de Rivera e Rajoy por amosar quen dos dous é máis belixerante co que chaman «linguas vernáculas», termo utilizado no franquismo (e de forma oficial na Lei General de Educación de 1970) para identificar ao catalán, éuscaro e galego. Á ocorrencia de Ciudadanos de que non se lle esixise ás aspirantes a acceder á función pública en comunidades con lingua propia o coñecemento da «lingua cooficial», replicoulle de forma desorbitada o Goberno de Rajoy ameazando, ao amparo da intervención en Catalunya do 155, con rematar co modelo de inmersión lingüística, unha experiencia educativa exitosa, de case vinte e cinco anos de historia, apoiada de forma abrumadora pola sociedade civil catalá. Unha escalada inmoral de dous partidos que utilizan como leitmotiv das súas propostas a da «persecución do castelán en Catalunya»,  unha falsidade de pé de banco desmentida tanto polos datos de usos lingüísticos en Catalunya como polos resultados das probas PISA no que atinxe a consecución das competencias de lectura e escritura en castelán e catalán.

Unha estratexia de confrontación lingüística que ten o seu claro precedente (como tantas outras iniciativas da dereita española) na utilizada en Galicia por Feijóo para desbancar o Goberno de Touriño, cando da man de grupos galegófobos membros destacados do seu partido participaron o 8 de febreiro de 2009 naquela manifestación en Compostela na que publicitaron a falacia da «imposición del gallego». Unha estratexia que continuaría, xa dende o Goberno galego, para xustificar que se dinamitase o consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e se impuxese o decreto de Plurilingüismo que en menos dunha década erradicou a utilización do galego como lingua vehicular na Educación Infantil, converténdoo nunha lingua estranxeira, allea, para o seu alumnado. Unha desfeita lingüística irreversible da que agora ninguén se fai responsable, atribuída ao proceso imparable de substitución lingüística das xeracións nacidas nas décadas de entre séculos. E así quedan tan panchos os responsables políticos e os redactores técnicos deste modelo plurilingüe, vendido como de elección familiar, que fixo retroceder de forma moi significativa e alarmante o emprego do galego no sistema educativo non universitario.

Xaora, tanto no modelo consensuado en Galicia no PXNLG (2004) como no de inmersión lingüística catalán (1993), a adquisición de idéntica competencia na utilización oral e escrita en ambas as linguas cooficiais, ao remate da educación obrigatoria, constitúe o garante do respecto dos dereitos lingüísticos para toda a cidadanía e da súa cohesión social, xa que achega a igualdade de oportunidades no emprego de cada lingua. Eis a trabe de ouro destes modelos que pretenden, ademais, un estatuto de normalidade, que aínda só posúe o español, para o galego ou o catalán, en todos os eidos da vida social, institucional, económica ou cultural.

A lingua de uso habitual no eido familiar non condiciona as aprendizaxes do alumnado en comprensión lectora. Son as desigualdades socioeconómicas entre as familias as que condicionan os resultados

No entanto, a consecución desa dobre competencia para toda a cidadanía, na que tanto insistiu o mestre Agustín Fernández Paz, obriga a deseñar modelos pedagóxicos que contribúan eficazmente á súa adquisición, sendo conscientes, como acreditan os resultados PISA, que a lingua de uso habitual no eido familiar non condiciona as aprendizaxes do alumnado en comprensión lectora, xa que son as desigualdades socioeconómicas entre as familias as que condicionan os resultados. En definitiva, modelos de normalización diferentes baseados na finalidade da dobre competencia, nos que a utilización do galego ou o catalán como lingua educativa vehicular, non vai en detrimento da aprendizaxe do castelán, mais si constitúe requisito indispensable. Modelos que demostran que tanto en Catalunya como en Galicia existe unha soa comunidade de aprendizaxe que emprega (ou debería empregar) na aula tres ou até catro (no caso galego) linguas de forma habitual, sendo a lingua propia a considerada vehicular e preferente en todos os niveis da institución educativa.

Aí radican as bases sólidas para iniciar un debate necesario que permitise a medio prazo volver a forxar o consenso arredor do emprego das linguas no sistema educativo galego.  Con todo, son moi pesimista sobre a viabilidade desta proposta, tanto polo desinterese de Feijóo para acordar  coa oposición e coa sociedade civil cuestións de país (lingua, territorio, demografía, autogoberno, financiamento…), como pola propia evolución dos traballos da subcomisión para un «Pacto por la educación» do Congreso dos Deputados, onde os partidos da dereita española pretenden que a nova Lei Orgánica da Educación, ademais de promover a recentralización do currículo e a consolidación da privatización da rede escolar, contemple o cuestionamento explícito dos modelos de normalización lingüística baseados na adquisición da dobre competencia. Tempos difíciles, sen dúbida, para o futuro do idioma de noso.

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail