Madrid e Castela e León, onde máis crece a natalidade a pesar dos agoiros que vinculan aborto e crise demográfica

A Coruña.- Madrid e Castela e León foron as comunidades autónomas españolas onde máis creceron os nacementos entre xaneiro e novembro do ano pasado, segundo os últimos datos sobre natalidade en España que vén de facer públicos este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Tanto Vox como o PP teñen xustificado o protocolo da Junta de Castilla y León que obrigaría ás mulleres que queren abortar a escoitar o latexo fetal e ver unha ecografía do feto vinculando o aborto co descenso da natalidade, un argumento ao que se sumou a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

Sucede, con todo, que Madrid e Castela e León son precisamente os territorios do Estado onde, segundo o INE, máis creceron os nacementos nese período: un 1,81% na primeira e un 1,05% na segunda, por riba do País Valencià (0,39%), a única comunidade onde tamén aumentou a natalidade.

No conxunto de España, os nacementos caeron un 1,95% entre xaneiro e novembro de 2022, con Navarra (-7,3%), Castela A Mancha (-6,97%), A Rioxa (-5,36%) e Estremadura (-5,02%) á cabeza dos descensos máis acusados.

O vicepresidente de Castela e León, Juan García-Gallardo (Vox), vinculou en numerosas ocasións a crise demográfica co aborto e a eutanasia e empregou esas teses para xustificar o seu anuncio do pasado xoves de evitar os abortos coaccionando as mulleres que queiran exercer o seu dereito para interromper o seu embarazo

O pasado sábado, o presidente da Junta, Alfonso Fernández Mañueco, tratou de desvincularse da polémica asegurando que as medidas anunciadas polo seu segundo no Goberno de coalición «non van» de evitar os abortos, senón do «fomento da natalidade».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail