A Coruña.- A Xunta de Galicia entregou o ano pasado preto de dous millóns de euros en axudas directas ás grandes empresas de comunicación que publican e emiten en castelán na comunidade autónoma, é dicir, dez veces máis que o que destinou aos medios en galego.
Case a metade dese diñeiro levouno o editor coruñés Santiago Rey, propietario de La Voz de Galicia, a través das empresas que editan ese diario, a súa versión web e a súa emisora de radio. Obtivo 4,5 veces o que todas as publicacións periódicas en galego con dereito a axudas.
Así se desprende da repartición de subvencións á prensa do ano 2022 da Secretaría Xeral de Medios, que dirixe Silvia Valdés Díaz de Freijo e que depende directamente da Presidencia de Alfonso Rueda.
As subvencións directas que a Xunta entrega ás empresas xornalísticas órzanse á marxe das cantidades que as mesmas sociedades reciben por outros conceptos, como a publicidade institucional e os convenios subscritos cos distintos departamentos da Administración autonómica. Durante os trece anos de mandato de Alberto Núñez Feijóo, esas axudas sumaron conxuntamente 44,7 millóns de euros.
Segundo unha resolución da Secretaría Xeral de Medios publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado venres 30 de decembro, a Xunta entregou o ano pasado 1.255.000 euros a oito periódicos escritos en castelán propiedade de cinco empresas de comunicación; outros 450.000 euros a esas mesmas compañías polas súas publicacións na internet, e outros 266.400 euros a varias emisoras de radio con programación maioritaria no mesmo idioma. Suman máis de 1,97 millóns de euros.
Fronte a esa cifra, unha trintena de publicacións integramente en galego propiedade doutras dezaoito empresas repartíronse 198.385 euros, segundo outra resolución da Secretaría Xeral de Medios publicada tamén no DOG o último día hábil do ano 2022.
«A lingua propia de Galicia» por Lei Orgánica
O artigo 5 do Estatuto de Galicia, que ten rango de Lei Orgánica –o segundo nivel na xerarquía normativa do Estado só por baixo da Constitución– establece que o galego é «a lingua propia de Galicia», e obriga aos poderes públicos da comunidade a potenciar a súa «utilización en todas as ordes da vida pública, cultural e informativo». O artigo 27 do mesmo texto dita que é competencia exclusiva da Xunta «a promoción e o ensino da lingua galega».
Na súa convocatoria da liña de axudas aos medios en galego do ano pasado, a Xunta recoñecía a «situación de marxinación e confinamento» dese idioma, pero só destinaba a palialo 40.000 euros, posteriormente ampliados a 200.000, a repartir entre aqueles diarios que empregasen «integramente» o galego, e ademais en réxime de concorrencia competitiva, é dicir, puntuando as ofertas e excluíndo a parte dos solicitantes.
A liña de axudas á prensa en xeral, con todo, realizouse por dez veces esa cantidade e en réxime de concorrencia non competitiva, é dicir, sen comparar as ofertas de cada medio e sen excluír a uns por outros. A exposición de motivos da convocatoria destacaba a necesidade de financiar aos medios que «defendan a identidade de Galicia e (…) a súa lingua», pero admitindo que o 90% das súas publicacións sexan en castelán, no caso dos diarios dixitais e de papel.
No caso das emisoras de radio, enténdese que defenden o galego se emiten nese idioma un 50% non da súa programación total, senón de desconexións locais e rexionais. En ningún deses casos se establece mecanismo algún de control do uso dese idioma máis aló da declaración das propias compañías.
A empresa matriz de La Voz de Galicia, o diario de maior tirada da comunidade, levou o 45% das axudas aos medios en castelán: 893.961,2 euros, sumando as subvencións ao diario de Santiago Rey –586.564,37 euros–, a súa web –280.969,11 euros– e a emisora Radiovoz –26.427,72–. Séguena con 366.074,54 euros o grupo Prensa Ibérica, da familia Moll, que acaba de adquirir El Correo Gallego e que tamén posúe Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, a través dos que obtivo o ano pasado 316.676,24 e 49.398,3 euros, respectivamente.
La Región de Ourense e Atlántico Diario, de Vigo, propiedade do editor Óscar Outeiriño, recadaron en axudas directas da Xunta 146.796,27 e 80.028,14 euros –226.824,41, en total–. El Progreso de Lugo –166.196,36 euros– e Diario de Pontevedra –41.651,36–, ambos do grupo empresarial que preside Branca García Montenegro, sumaron 207.847 euros.
SER, Cope e Onda Cero e La Capital
As emisoras locais vinculadas á cadea SER obtiveron en conxunto 197.973 euros; Cope, 68.914,81 euros, e Onda Cero, 67.036,63 euros. A Editorial A Capital, propiedade do empresario do xogo José Collazo e que edita El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños e o deportivo DxT, levou 30.029,32 euros.
O único xornal editado integramente en galego na comunidade, Nós Diario, obtivo da Xunta 33.862,28 euros, 30.000 polas subvencións aos medios que utilizan integramente o galego e o resto polas axudas á prensa convencional.
O mes pasado, o Instituto Nacional de Estatística (INE) alertou do retroceso do uso do galego na comunidade e da perda de habilidades dos seus habitantes para entendelo, falalo, lelo e escribilo, fronte ao incremento desas mesmas capacidades lingüísticas con respecto ao castelán. A pesar de que, segundo o INE, case un terzo dos galegos menores de 20 anos teñen dificultades para expresarse no idioma do país, o seu presidente, Alfonso Rueda, celebrou a «cordialidade lingüística» que, asegura, promove o seu Goberno.
A oposición galega denunciou en reiteradas ocasións o uso partidista das axudas aos medios e a súa intención de condicionar as súas liñas editoriais a favor do Partido Popular, vinculando, no caso dos convenios a dedo, a publicación de propaganda institucional coma se fose información. No caso das axudas directas, Rueda segue xestionándoas como facía Feijóo, quen chegou mesmo a conceder subvencións a medios estatais con sede en Madrid cando estaba en funcións tras anunciar a súa candidatura á presidencia do PP o pasado inverno.