O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cre probado que cando acudiu ao Sergas tiña un 91% de posibilidades de supervivencia, que caeron ao 20% cando llo detectaron dezaseis meses despois
A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de condenar o Servizo Galego de Saúde a indemnizar con 130.000 euros a familia dunha muller á que tardaron máis dun ano en diagnosticarlle o cancro de ovarios do que acabou falecendo.
Baseándose no informe do oncólogo, os xuíces consideran probado que a muller tiña un 91% de posibilidades de supervivencia cando acudiu ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que caeron ao 20% cando lle anunciaron dezaseis meses despois que o tumor era en realidade maligno e que derivara en varias metástases.
Os feitos tiveron orixe en febreiro do 2016, cando a paciente, que tiña entón 56 anos, acudiu ao servizo de consultas externas do hospital tras serlle diagnosticado un quiste nun ovario. Dous meses despois, tras ser intervida para extraerllo, informárona de que se trataba dun tumor benigno.
Afectada de novas molestias, a muller volveu varias veces ao CHUS, ata que en xuño do 2017 foi sometida a unha tomografía axial computerizada (TAC) que detectou evidencias de novos tumores no fígado e na pelve «altamente suxestivas de enfermidade metastásica», segundo a sentenza. O Sergas volveu analizar as mostras que tomara máis dun ano antes e confirmou que o tumor era canceríxeno.
Sometida a novas probas, os médicos do Sergas diagnosticaron á paciente un adenoarcinoma seroso de alto grao en estadío IIIC, a etapa número once das trece que miden a gravidade e invasividad do cancro de útero. No MC Anderson Cancer Center de Madrid elevárona ao último banzo desa escala. A muller morreu oito meses despois.
Segundo os xuíces da Sección Primeira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG, «quedou claramente demostrado o erro» do Sergas, que permitiu «que a enfermidade seguise progresando sen o tratamento adecuado, pasando dun estadio inicial IB (tumor limitado a un ou ambos os ovarios, ou tumores con cápsula intacta e sen afectación superficial dos ovarios e trompas e lavado negativo) ata que en xuño de 2017 achábase, polo menos, nun estadio IIIC, que en outubro de 2017 xa foi informado como un estadio IV no MC Anderson Cancer Center».
Non é a primeira vez que os tribunais condenan ao Sergas por atrasos e erros diagnósticos que as asociacións de pacientes achacan aos recortes e á falta de recursos materiais e humanos que derivan na morte de pacientes ou en lesións ou secuelas graves.
Só no últimos dezaseis meses, os mesmos que se atrasou o diagnóstico da muller, os xuíces impuxeron ao servizo de saúde da Xunta sete condenas por neglixencias similares, con indemnizacións que superan os 650.000 euros.
– En outubro do 2020, o TSXG condenou á Xunta a pagar 168.000 euros á parella e os tres fillos dun home de 68 anos a quen diagnosticou un cancro de vexiga con dous anos e medio de atraso.
– En abril do 2021, o mesmo tribunal estableceu unha indemmización de 70.000 euros polo dano neurolóxico causado a unha muller pola anestesia epidural que recibiu durante o parto do seu fillo.
– Apenas quince días despois, en maio, o TSXG ordenou indemmizar con 32.000 euros á filla doutra muller á que se lle diagnosticou «demasiado tarde», segundo os xuíces unha perforación intestinal que lle causou a morte.
– En xullo, o alto Tribunal galego condenou ao Sergas a pagar 100.000 euros á familia dunha muller que faleceu no hospital da Coruña por outro atraso no diagnóstico dun cancro de ovario.
– En setembro, o TSXG validou outros 200.000 euros de indemnización a un lucense de 56 anos que quedou en cadeira de rodas e cunha discapacidade certificada do 75% polo atraso na actuación do Sergas cando sufriu un infarto cerebral.
– En novembro, o Tribunal Superior sentenciou que o Sergas debía pagar 50.000 euros á familia dunha paciente de 44 anos que morreu dunha oclusión intestinal no Hospital Universisario Lucus Augusti, de Lugo onde non o trataron, segundo os xuíces «coa celeridade e dilixencia que o caso requería».
– Tamén novembro, un xuíz de Santiago ordenou indemnizar con 40.000 euros un mozo que perdeu un testículo por un diagnóstico equivocado no mesmo hospital compostelán onde faleceu a muller á que afecta a sentenza coñecida onte.
O Hospital Clínico forma parte da área Sanitaria de Santiago e O Barbanza, cuxa xerente é Eloína Núñez, vogal da executiva do PP galego e curmá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Núñez ten recibido críticas de sindicatos, oposición e asociacións de defensa da sanidade pública desde que accedeu á xerencia da área sanitaria de Santiago no 2017 desde a da área sanitaria de Ourense, á que tiñá chegado á súa vez poucas semanas despois de que Feijóo se fixese co poder no 2009.
O portavoz da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Fernando Abraldes, recorda que que a área sanitaria que dirixe Núñez conta coas peores listas de espera de toda Galicia, cuxos datos a Xunta ofrece con carácter semestral.
Segundo o último indicador, máis de 11.000 persoas esperan na área de Santiago por unha proba diagnóstica e preto de 8.000, por unha intervención cirúrxica. En toda Galicia son 125.000 e 37.500, respectivamente. E iso tendo en conta que os datos da Xunta non recollen as listas de espera non estruturais, que, segundo os expertos, duplican esas cifras.
«Cando non se atende aos pacientes a tempo estáselles negando o seu dereito para ser atendidos», lamenta Abraldes, quen lembra que hai enfermos que levan esperando un tratamento ou unha intervención máis de 180 días, que é o máximo permitido pola lexislación aprobada pola Xunta, e mesmo máis dun ano.
O portavoz da asociación explica ademais que os pacientes deban «recorrer a complexos procedementos xudiciais nos tribunais do contencioso-administrativ«», nos que deben pagarse un avogado e un procurador, para conseguir que os atendan. «Se para facer efectivo un dereito tes que acudir ao xuíz, na práctica iso significa que o estás perdendo», afirma. «É coma se ao Sergas aínda non chegase o Estado de Dereito», conclúe.
Luzes-Público tentou obter a versión do Sergas sobre a sentenza da muller falecida polo atraso no seu diagnóstico, pero non ao peche deste artigo aínda non obtivera resposta.