O Xacobeo 2021, en suspense e coa hostalería en guerra

Feijóo presentou en xuño un plan de reactivación económica baseado en explotar o Xacobeo e recuperar a través do turismo e cultura as perdas do 2020. O Ano Santo está supeditado á pandemia e nada máis empezar Galicia xa chegou ao seu récord de contaxios.

A relaxación das medidas para «salvar o Nadal» trouxo os números de contaxios máis altos de toda a pandemia en Galicia que se sitúa xa en risco medio-alto e extremo (47% da comunidade) con récords de contaxios. O plan de reactivación da Xunta nútrese do Xacobeo 2021 para a recuperación do turismo e cultura os próximos anos, pero descoñécese con exactitude como se desenvolverá pola terceira onda que golpea á comunidade.

Pasaron 11 anos desde o último Ano Santo e a pandemia frustrou os plans do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. De momento, a Santa Sede comunicou o 31 de decembro que a celebración se estenderá ata o 2022, despois das múltiples peticións que chegaron tanto de sectores políticos como empresariais. Feijóo, temendo perder a masa turística que move cada Ano Santo, demandoullo expresamente a Felipe VI para que os peregrinos poidan visitar a capital galega adaptándose ás condicións que esixe a situación epidemiolóxica, do contrario, os devotos terán que esperar seis anos ata que a festividade de Santiago Apóstolo, o 25 de xullo, volva coincidir en domingo. Este aprazo do xubileu só ocorreu dúas veces na historia, a última coincidiu coa Guerra Civil Española, e o Vaticano permitiu abrir a Porta Santa de Santiago ao longo de dous anos para conceder indulxencia plenaria a todos os que visiten a catedral.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

O medo da Xunta foi máis aló e por iso anunciou a tramitación dun seguro sanitario para turistas e peregrinos para promocionar Galicia como un destino seguro, e o Goberno galego destinará para iso unha cantidade de 1,2 millóns de euros. Desta maneira, no caso de que os visitantes se contaxien de coronavirus e se aloxen nun establecemento hostaleiro da comunidade, a Xunta cubriralle os gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización, con bonos que van dos 500 euros ata un máximo de 15.000, tanto para turistas do Estado como internacionais.

Impacto económico e orzamento

O Goberno autonómico esperaba este Xacobeo 2021 un impacto de máis de 600 millóns de euros nos catro exercicios económicos seguintes, crear 11.500 postos de traballo a tempo completo en 4 anos, un impulso adicional do 0,9 acumulado de PIB e máis de medio millón de peregrinos con motivo do Ano Santo (en 2019 chegaron a 327.342, 56% poboación estranxeira). A volatilidade do contexto actual impide coñecer o impacto real que terá o coronavirus no Xacobeo, e o abanico é tan amplo que o propio documento do plan de reactivación dos sectores turístico e cultural do Executivo autonómico contempla dous posibles escenarios, un positivo e outro negativo. En calquera deles pérdense miles de empregos. Por exemplo, no sector cultural estímanse unhas perdas de 100 e 120 millóns de euros e uns 11.000 profesionais no peor dos casos, debido ao parón polos confinamentos e pola imposibilidade de realizar espectáculos grandes, como é o caso das orquestras galegas, que suman un ano sen traballar.

A Xunta desembolsará para este Xacobeo 77,79 millóns de euros, 18,72% máis que o último en 2010. O Goberno de Feijóo, que xa permitiu a peregrinación a Santiago de Compostela no verán, aínda que os municipios lindeiros estivesen pechados perimetralmente, vende a Galicia en momentos de pandemia como territorio seguro ante o covid-19 ao non ser un territorio masificado e ao contar con «grandes recursos ao aire libre». Feijóo fuxiu deste discurso e non o recoñeceu tan abertamente ao longo de toda a pandemia para explicar a diferenza de incidencia do virus en Galicia en comparación co resto do Estado, e pola contra, achacou os datos á súa boa xestión.

Neste plan de reactivación dos sectores culturais e turísticos (que custa á Xunta 28,8 millóns de euros), a Consellería de Cultura, dirixida por Román Rodríguez, inclúe ao Xacobeo como un «catalizador de oportunidades para unha recuperación transversal». De momento, descoñécese o programa detallado das actividades previstas para os próximos meses. A trazos xerais promoverase a descentralización do Camiño, aínda que o punto final sexa a cidade de Santiago, e Cultura potenciará a actividade dos municipios que compoñen a ruta (máis dun terzo dos concellos da comunidade). De momento, 60 municipios de Galicia están pechados perimetralmente, entre eles, Santiago de Compostela.

A hostalería en guerra

O sector hostaleiro xa protagonizou varias protestas en contra das medidas da Xunta de Galicia. Feijóo anunciou despois das festas do Nadal e de recoñecer en Cadena Ser que «tería sido mellor non facer ningunha aproximación familiar», unha serie de novas restricións para encarar e frear a terceira onda en Galicia. Os bares, cafeterías e restaurantes pecharán en toda a comunidade ás 18.00 horas e aqueles establecementos de municipios co nivel alto (incidencia acumulada de máis de 250 contaxios para cada 100.000 habitantes), como Santiago, só poderán ocupar o 50% das terrazas. No nivel medio-alto (>150), os locais poderán abrir a maiores un 30% do seu interior. As perdas alcanzan o 80% para os hostaleiros, que organizaron xunto con traballadores unha protesta diante da residencia habitual do presidente da Xunta de Galicia: «Queremos traballar» «Plan de rescate xa» «Non é a hostalería, non somos nós, a hostalería é segura».

Reprochan que o Executivo autonómico obrigue a pechar os seus negocios sen un plan de rescate para axudar á súa crúa situación, e unha das organizadoras, a Asociación Hostalería Compostela, anunciou que iniciará accións legais contra a Xunta de Galicia. Cre que as decisións adoptadas polo Goberno autonómico «ocasionaron un evidente prexuízo ao sector que, consideran, constitúe un claro suposto de Responsabilidade Patrimonial da Administración autonómica». Ademais, sosteñen que «o contido e as circunstancias nas que se adoptaron estas decisións, ocasionaron un real e efectivo dano, economicamente avaliable e perfectamente individualizado, que os establecementos do sector non teñen o deber xurídico de soportar».


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail