As mulleres que en 2007 decidimos fundar a asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA), tomamos a determinación de loitar colectivamente contra a discriminación de xénero no deporte en todas as súas diversas manifestacións. Resultábanos insoportable ver como se mantiñan situacións que viviramos de moi novas e que terían que estar superadas nunha sociedade moderna. A nosa ligazón co deporte decidiunos a enfrontar o sexismo que afecta ás mulleres no ámbito deportivo, onde son tolerables actitudes que en campos como o laboral ou o académico serían hoxe consideradas insoportables.
1 Hai sexismo no deporte? O sexismo ten un carácter tan pandémico que non é doado atopar un ámbito no que non se poida apreciar. É obvio, para calquera que estea informado, que é difícil presentar unha perspectiva de denuncia realmente inédita. Pero, así como noutros ámbitos a situación tende a equilibrarse pouco a pouco, no deporte non parece que a situación mudara de xeito relevante.
Eu acostumo facer algúns experimentos cos meus alumnos e alumnas, por exemplo amosándolles unha foto na que aparecen Cristiano Ronaldo, Messi e unha bela muller loira. Pregúntolles se saben quen é ela e que poden estar pensando eles e recibo as respostas que vostedes poden imaxinar. Logo explícolles que estes deportistas seguramente sentían unha sá envexa de que Stephanie Roche fora candidata ao premio ao mellor gol do ano nos Fifa Football Awards 2014. Amósolles despois os titulares cos que algunha prensa recolleu a anécdota destes premios: «El espectacular gol de una mujer desafía a James y Van Persie», «James, Van Persie y una mujer candidatos al mejor gol del año»… É lóxico que os meus alumnos non saiban o nome desta extraordinaria xogadora innominada e si dos seus famosos colegas masculinos.
2 Cal é a situación das deportistas galegas? A xente, en xeral, tende a realizar actividades que se lles dan ben. As mulleres deportistas galegas saben que teñen talento. E exercítano contra vento e marea. Estas mulleres, a pesar de que están á altura dos seus colegas masculinos e mesmo os superan en títulos e resultados, sofren discriminación. A moita motivación que fai falla para salvar circunstancias adversas, para obviar a falta de recoñecemento e a frustración que as diferenzas de trato lles provocan, non impide que perseveren ata conseguir grandes logros. Os mesmos logros que logo se empregan para xustificar a inercia, a falta de iniciativas que revertan a situación de discriminación existente. As medallas e premios obtidos polas mulleres deportistas acostuman a ser a árbore que oculta a visión do bosque.
3 Cales son as diferenzas entre homes e mulleres no deporte? Os datos son moi reveladores: as diferenzas entre a práctica deportiva feminina e a masculina persisten desde hai máis de trinta anos sen que se experimentara redución algunha deste diferencial e, o que é peor, a sociedade percibe, erroneamente, pois os datos son abafantes, que as diferenzas xa desapareceron; seguen recolléndose novas das distintas contías en premios masculinos e femininos en competicións de diversas modalidades deportivas; o potencial de árbitras, xuízas ou adestradoras está infrautilizado e limitado por normativas moi cuestionables; o reparto de espazos e horarios nas canchas de adestramento prexudícanas a pesar de que os seus equipos, nalgúns casos, teñan maior categoría que os dos seus homólogos masculinos; as mulleres están claramente infrarrepresentadas nos cargos directivos e nos artigos científicos que estudan o deporte e, mesmo, cando se estudian os modelos competitivos de moitos deportes, unicamente se analiza o modelo masculino para logo extrapolalo como modelo universal.
4 Por que estas desigualdades? Os estudos sociolóxicos presentan como evidente a situación de que a sobrecarga de tarefas de coidado de fillos, ascendentes e dependentes, reduce sensiblemente o tempo de lecer dispoñible para as mulleres; a presenza de deporte feminino na prensa do sector é anecdótica; poderiamos seguir… Como experiencia persoal podo lembrar que despois de pasar un ano estudando unha asignatura denominada Historia del Deporte na miña licenciatura, cheguei á conclusión de que a historia do deporte era unicamente unha historia das épicas rivalidades masculinas. Nin unha soa vez se fixo referencia naquel curso a persoas da relevancia de Alice Melliat e o seu ímprobo traballo para acadar que as mulleres foran aceptadas nos XX.OO. e nos campionatos do mundo de atletismo nin ás dificultades das mulleres para acceder á practica deportiva ou ao progreso experimentado neste campo. Afortunadamente os tempos van mudando e na miña ex-facultade hai hoxe un grupo, Muller e Deporte, que fai un traballo meritorio para devolvernos o protagonismo que aqueles programas nos negaban.
5 Como se manifestan na escola? Como profesora de Educación Física teño desenvolvido estratexias múltiples para incorporar as miñas alumnas ás actividades deportivas escolares máis alá do contexto lectivo. Fracasei moitas veces contra un insólito muro de proporcións extraordinarias. As rapazas manifestábanme as súas reticencias a participar en partidos e liguiñas dos recreos porque se sentían «observadas e cuestionadas» polos seus compañeiros que, lonxe de valorar a súa pericia motora ou o seu rendemento, se dedicaban a observalas como meros obxectos sexuais.
Está claro que a percepción é froito non só dos nosos sentidos senón tamén do pasado, da herdanza cultural, das expectativas, das aprendizaxes previas sobre como interpretar o mundo. É un modelo neurobiolóxico: o aprendido vólvese corpóreo, físico, e estes espectadores, que no foron educados axeitadamente, non poden disociar as atribucións de xénero do espectáculo que están a observar. Se non realizan unha aprendizaxe —ou desaprendizaxe— previa non poderán valorar o espectáculo deportivo como tal, illando os rasgos sexuais das xogadoras do seu rendemento na pista.
6 Por que cómpre reverter esta situación? É moi reveladora a lectura do artigo aínda vixente da eurodiputada Izaskun Bilbao «Qué buenas jugadoras versus que buenas están las jugadoras». Neste contexto é lóxico o rexeitamento de moitas rapazas a servir de carnaza, a sentir unha vergoña similar á que outras mulleres experimentamos ao observar a diaria foto de contraportada dun coñecido diario deportivo, unha das escasas referencias ás mulleres que nel se poden atopar, que non garda relación algunha co deporte por máis que o pé da foto intente contextualizala alí.
Estas anécdotas e moitas outras lévanme a unha conclusión que hai tempo me rolda sobre o futuro do deporte feminino. Parafraseando a coñecida frase de James Carville, conclúo: «É a educación, idiotas!». E entón boto de menos iniciativas verdadeiramente audaces que permitan que o deporte escolar sexa un vehículo de construción dunha nova sociedade máis igualitaria e máis xusta. Énchesenos a boca falando dos valores que o deporte transmite á nosa xuventude. Entón teremos que deseñar programas decididos e valiosos que incidan na busca dunha situación de igualdade na que a participación das mulleres no deporte se normalice e rache cos estereotipos que noutros ámbitos xa foron derrubados.
7 Como romper co teito de cristal no deporte? Os retos son aínda moitos, faltan politicas audaces e decididas que promovan a igualdade nas organizacions deportivas, especialmente nos ámbitos técnico e directivo. Pero se hai algo definitivo, é a falta de acceso de rapaces e rapazas en idade escolar a prácticas deportivas que os valoren en igualdade de condicións. Hai que promover a participación en equipos realmente mixtos en todas as modalidades do deporte escolar. Unha medida sen custe económico e que a medio prazo cambiará a percepción sesgada actual do deporte e que lles dará ás nosas rapazas a oportunidade de vivilo de xeito normalizado desde nenas.