Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Coma todos os invernos veu a gripe e coma todos os invernos colapsáronse as urxencias, porque en Galicia goberna a dereita e somos moito de conservar e respectar as tradicións. Como disto non era fácil botarlle a culpa ao que pasa en Catalunya, a xente queixábase e a oposición daba roldas de prensa, non quedou mais remedio que saír dar algunha explicación e mandaron de meritorio o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal que, nun perfecto castelán -porque para que vas falar na lingua propia da administración que che paga o soldo- explicounos que todo era moi típico e normal pero ao mesmo tempo era excepcional malia que todo estaba previsto, as urxencias perfectamente dotadas e que só eran picos illados.
Como os picos illados se ían convertendo en cadeas montañosas e cordilleiras continentais, volveu saír o meritorio a explicarnos que todo estaba ben, pero que a xente tiña a mala costume de vir a moreas xusto cando había menos xente para atendela nos servizos e que así non había maneira e mira ti que mala sorte. De aí pasaron a recoñecer que, ao mellor, había algúns problemas de organización e de xestión porque os xefes de urxencias eran como eran pero que, en todo caso, tampouco era para tanto e eramos uns esaxerados porque de cada cen galegos que van a urxencias menos de vinte acaban ingresados.
Xusto nese momento alguén na Xunta se debeu de decatar que no soe ser boa idea botarlle a culpa aos afectados e saíron matizar que non estaban insinuando que a xente abusaba dos servizos de urxencias, senón que ía menos do que debía aos centros de atención primaria. Cando se lles preguntou por que non iamos como debiamos aos centros de atención primaria a resposta foi –oh sorpresa!- que estaban mal organizados.
Para acabar de clarificar a cuestión apareceuse en rolda de prensa O Noso Alberto e desvelounos cal era a solución: meter máis camas nas habitacións dos hospitais, en aberta contradición co que nos tiñan contado de que as urxencias se colapsan non porque non haxa sitio para ingresalas senón porque van sen necesidade. Cando todo parecía perdido por fin deron co culpable: a vacina, que polo visto este ano non funciona, que tamén é mala sorte.
Así que, a día de hoxe, sabemos que a vacina da gripe non funciona, as urxencias están mal organizadas, os centros de atención primaria están aínda peor, as habitacións dos hospitais están infrautilizadas e os galegos somos moi desordenados cando enfermamos, pero todo está perfecto e todo vai coma un reloxo nunha sanidade galega en mans de contables que, por aforrar cen euros, provocan gastos de millóns e que se sostén en pé grazas ao compromiso e á entrega dos seus admirábeis profesionais. Vivir en Galicia é o que ten, todos os días presenciamos milagres.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán