Ecuador de lexislatura

As recentes tribulacións do PSOE apuntan a unha crise que non lles vai saír gratis aos partidos de esquerdas. O certo é que o vello partido protagonista de corenta anos de bipartidismo non se acaba de atopar na nova situación. Logo da defenestración do fiscal xeral, o partido socialista atópase atado de pés e de mans nos procesos legais que, alén de afectar a cargos do partido, afecta máis directamente na súa propia figura. O lawfare xa non é unha palabra da xerga legalista.

O novo contexto das dereitas europeas, fortemente influído pola chegada de Trump á Casa Branca, non vai deixar prisioneiros. Por todas partes as antigas forzas socialdemócratas, de xenealoxía obreira, esmorecen na Europa posfordista. O que un día fora a promesa europea dun ascenso das clases medias, hoxe preséntase como un ermo marcado polo descenso social. Mesmo se na inmediatez das análises contextuais semella todo moi recente, en realidade este é un lento proceso que se iniciou cando o SPD alemán gañou as eleccións en 1972.

Primeiro foi un lento declive que as alternancias cos partidos de centrodereita e as leves recuperacións permitían disimular, mais no último par de décadas xa non hai quen poida agochar que as relacións entre as representacións de esquerda e o electorado son moi problemáticas. En moitos países, de feito, foron desprazadas a terceiras forzas, mesmo despois de gobernar unha efémera lexislatura. Nas últimas eleccións europeas, isto fíxose patente con rotundidade, incluso a pesar de que países coma España, onde aínda queda un partido socialista no poder, disimularon o resultado final.

A irrupción da extrema dereita non é un fenómeno nin tan recente, nin tan brusco como podería ser. De feito, preséntase como a rehabilitación do fascismo desde ideoloxías en certo modo antagónicas coa vella formulación mussoliniana: «tutto nello Stato, niente al di fuori dello Stato, nulla contro lo Stato». A extrema dereita actual non regresa desfilando con uniformes marróns, negros ou azuis; pola contra, desenvólvese coma o seguinte estadio natural do neoliberalismo: o necroliberalismo. Pénsese que Vox comezou a medrar cando se presentou para a campaña na escollida praza Margaret Thatcher, de seu toda unha declaración de intencións.

Nestas circunstancias, todas as esquerdas deben afinar as súas estratexias, pois o labor de todos estes anos pode durar bastante menos do que pensan cando a dereita volva ao goberno. Certo é que non a todo o mundo se lle impón unha mesma reflexión. Así, as forzas nacionalistas vasca e galega téñeno máis cómodo. No caso de ERC, a emerxencia do liderado de Rufián nos últimos tempos apunta unha variábel moi interesante (por vez primeira supera a Yolanda Díaz e leva medrando desde o 1 % do xuño pasado até o 8,2% do último CIS, superando a Díaz con 6,6%).

O éxito recente de Rufián, pola natureza dos seus argumentarios, interpela os socios do goberno central. No caso de Sumar, a negativa do PSOE a facer cambios no goberno, máis alá das pequenas alteracións do ciclo electoral en curso (por exemplo, Pilar Alegría para Aragón), colócao nunha posición particularmente complicada. Que Lara Hernández non fose clara á pregunta de se ante o inmobilismo socialista van abandonar o goberno é a mellor proba dunha política da impotencia.

Situémonos en contexto: desde que Podemos irrompeu en 2015 non se volveron mellorar resultados. Asistimos sempre a unha lenta caída e fragmentación do espazo. O que no 2014 era un fervedoiro de forzas diversas (populismo de Podemos, municipalismo das mareas, esquerda tradicional de IU, etc.), hoxe é un conxunto uniformado sobre falsas bases políticas: sobrevivir no poder. Renunciouse á institucionalidade que pregonaba o código ético, simplificouse a oferta ideolóxica, substituíronse os liderados naturais pola lealdade aos xefes. Acontece así hoxe que ninguén se atreve a dicir que non a Sánchez.

Mais unha vez estamos perante a subalternidade eurocomunista dos socialistas no réxime do 78. O que foi a promesa de medrar a unha idade adulta con Podemos, hoxe é pouco máis ca unha sombra con cinco deputados. Volver medrar debería ser o obxectivo prioritario de Sumar nestes momentos. De non ser así, vai comprometer o seu futuro. Igual que Cayo Lara comprometeu o seu.

Confeso que logo de toda unha vida vendo, como compañeiro de viaxe, desde dentro e desde fora, a evolución do que fora aquel PCE heroico do antifranquismo, non sei hoxe que pensar sobre a súa capacidade de innovar. Cónstame que foi Beiras quen iniciou un ciclo no que non se soubo escoitar os seus consellos. Séguese sen entender o que podería ser un proxecto con xenealoxía en Castelao, un proxecto verdadeiramente federal asimétrico, o único posíbel a día de hoxe. Que mire a 2040 co compromiso de celebrar un referéndum con acordo de claridade e sen abrir a discusión sobre a independencia ata entón. Sobre esa base política poderíase relanzar hoxe o proxecto dunha esquerda capaz de plantar cara á dereitización galopante na que estamos inmersos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail