O truco da Casa Cornide

A cantería máis nobre dun desaparecido hospital benéfico na Coruña tivo destinos diverxentes: conformar uns soportais de uso público e dar lustre á fachada dunha mansión privada. Estas dúas obras de restauración foron pagadas con fondos municipais. O orzamento da obra de uso público foi aprobado en sesión plenaria do concello; os pagos pola rehabilitación privada foron adiante na comisión permanente do goberno municipal. O concello da Coruña pagou obras na Casa Cornide mesmo despois da morte de Franco.

O Hospital da Caridade, fundado en 1791 a partir de fondos e bens legados por Teresa Herrera, nace con tres departamentos: hospital para pobres, Casa de Expósitos e Cuarto de Partos Secretos. Cando foi demolido –finais de 1958–, estaba organizado en dúas áreas: un hospital municipal para a veciñanza sen recursos e a Casa de Misericordia, un orfanato-centro de formación profesional para rapaces (escola de primeiras letras; escola de música; talleres de madeira, zapatería, metal, imprenta e encadernación) e rapazas (escola de primeiras letras; talleres de costura, bordado; tarefas de fogar e coidado de nenos).

Os soportais

«Cumprindo quen subscribe as ordes recibidas da Superioridade», o arquitecto municipal tiña redactado, en abril de 1958, o proxecto para trasladar os piares e os arcos do patio cuberto do Hospital de Caridade aos novos soportais que irían cubrir a traseira do Instituto–Escola Infantil Eusebio da Guarda. Este proxecto nacera coa demolición do hospital, consecuencia da necesidade de terreos para emprender a urbanización do actual barrio de Zalaeta. O arquitecto buscaba darlle «o mellor aproveitamento útil e estético a algúns elementos de cantería labrada que hai no edificio». A día de hoxe, os 9 arcos máis próximos á rúa Modesta Goicouría proceden dos soportais existentes no hospital que fundara Teresa Herrera. Os 27 arcos que foron precisos para rematar o paseo cuberto saíron da pedra de cantería que aínda había no inmoble.

En sesión extraordinaria, de 9 de maio de 1958, o pleno municipal acordaba aprobar o proxecto do arquitecto municipal «y que la ejecución de las obras se realice por la Administración, para lo cual se destinará la cantidad de ochenta mil pesetas».

Arquivo Municipal A Coruña

 

Rúa Veedoría

A Casa Cornide que Pedro Barrié de la Maza adquire, en 2 de agosto de 1962, por 305.000 mil pesetas, medía na fachada de Rúa Veedoría –seguindo a literal descrición do prego da poxa –«7,65 metros el edificio principal –a construción orixinal– y 7,75 metros el anejo de planta baja». Este anexo era «una pequeña edificación de planta baja, con una superficie total de 68,10 metros cuadrados». Na acta do pleno da adxudicación, por poxa pública da finca de propiedade municipal, con fachada ás rúas de Damas, Porta de Aires e Veedoría, pódese ler: «en el aludido escrito de tal adjudicatario, se manifiesta su deseo de transmitir la finca adquirida en la subasta a la Excma. Señora doña Carmen Polo y Martínez Valdés». Tamén quedou constancia «del alto honor que significa para nuestra ciudad el hecho de que La Señora elija la misma como sede de una de sus residencias».

A casa Cornide antes da intervención do Concello e no seu estado actual

A día de hoxe, a fachada da Casa Cornide na rúa Veedoría loce como unha compacta construción de 15, 40 metros de fronte; planta baixa, dúas alturas e faiado. Isto é grazas, exclusivamente, a que os elementos máis nobres da fachada do Hospital da Caridade (dúas pilastras e a porta con lintel) substituíron aquel anexo de planta baixa.

No expediente de «Reparación General de Edificios Monumentales», consta que, para a rehabilitación da Casa Cornide –identificada como nº 25 da rúa de Damas– asignouse un orzamento de 1 millón de pesetas. Neste mesmo expediente, constan 5 pagos municipais que suman un total de 779.124, 84 pesetas, «quedando por executar 56.263,04 pesetas».

Arquivo Municipal da Coruña

Nunha redacción calcada para as cinco facturas, «el teniente de alcalde, presidente de la Comisión de Obras Públicas, ha visto la adjunta certificación … y no teniendo reparo alguno que oponer a la misma… que el importe se satisfaga con cargo a la correspondiente partida que figura en el vigente presupuesto». Sempre, aos poucos días do escrito do presidente da Comisión de Obras Públicas, «la Comisión Permanente acordó prestar su aprobación al anterior escrito y proceder de conformidad con cuanto en el mismo se propone».

Vén de vello

Ao evidente non paga o tempo darlle voltas: un ben público, de valor histórico e de calidade arquitectónica (os soportais do, entón, Hospital Municipal de Caridade) acaba nas arcadas duns soportais públicos; esta obra pública é pagada con fondos municipais; o acordo destes pagos faise en sesión plenaria do Concello. Pola contra, un ben público, de valor histórico e de calidade arquitectónica (a fachada do, entón, Hospital Municipal de Caridade) acaba nunha casa privada; a rehabilitación desta casa é pagada con fondos municipais; o acordo destes pagos faise en Comisión Permanente.

Fariña que precisa volver pasar pola moa é a insubstancial repercusión destas evidencias nos medios de comunicación, malia seren feitos sabidos e publicados. De vello. En 1999, a historiadora Amparo Hernández, no artigo «Arquitectura y Urbanismo en el barrio de Zalaeta» (Abrente, nº 31) divulgaba os actuais emprazamentos das mellores pezas arquitectónicas do Hospital de Caridade: «As arcadas do patio interior érguense na beirarrúa interior do novo paseo Orzán–Riazor, ás costas do Instituto Eusebio da Guarda. A portada do Hospital, rebaixada en altura, e a cantería de ventás e outros elementos, incluída a escaleira interior, forman parte da Casa Cornide». En 2007, o historiador Alfredo Vigo Trasancos reafirma que a Casa fora reedificada con materiais do Hospital, «o que xustifica a presenza da porta alintelada, de sendas pilastras dóricas monumentais que atan a composición ata a cima e toda a cantería con que está construída».

 

 

Arquivo Municipal A Coruña

Que a Casa foi rehabilitada con fondos municipais era un feito publicado (La Opinión, 26 de novembro de 2017) por J. Pedrido e A. López, nunha reportaxe sobre as pegadas da presenza coruñesa na Real Expedición Filantrópica da Vacina. No nadal de 2018, o arquitecto Xosé Manuel Casabella (Real Academia Galega de Belas Artes. Informe sobre a Casa Cornide) detalla as cinco certificacións dos pagos, no ano 1964, polas obras executadas na Casa Cornide, cun importe de 779.124, 84 pesetas. En xullo de 2020, Arturo Abad Pardo, xefe de departamento municipal de Intervención Urbanística, achega un feixe de facturas (Informe histórico sobre o proceso de permuta e poxa da ‘Casa Cornide’. Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses) para documentar que, aínda despois da morte do xefe da sublevación militar, o concello coruñés continuou pagando obras de reparación na vivenda privada de La Señora: «unha segunda fase de arranxos internos, custeados polo Concello, abrirase en agosto de 1971 ata outubro de 1976, con ata un total de 23 actuacións que engloban desde traballos de vidrería, fontanería, material eléctrico ou baixo o epígrafe de ‘reparaciones varias’ ou ‘diversos suministros’. O custe total rexistrado (sumado o importe das cinco certificacións de obra que detallara Xosé Manuel Casabella e tres actuacións máis –localizadas por Abad Pardo– dos anos 1962 e 1963) é de 1.348.682,28 pesetas».

Igual resulta que o país segue apandando cunha das eivas da Transición. De cando, por mor da concordia entre españois, era mellor non mirar ao pasado. De cando falar de Franco era unha mostra de incivismo, falta de educación e mesmo de mal gusto. A día de hoxe, é factible escoitar/ler nos medios de comunicación dominantes –prensa, radio, televisión– noticias sobre «o ditador Franco», un cualificativo que nin sequera ofende aos franquistas. Mentres o debate estea no terreo político, non han de faltar voces e votos que defendan que, contra comunistas e independentistas, non hai outra alternativa que a represión. Cativeiro marxe de debate hai cando o poder, omnímodo e omnívoro, afociña na lama dun vil enriquecemento, acadado mediante o goce ilícito de bens e fondos públicos.

Arquivo Municipal A Coruña

Non foron inventariados no pazo que ocuparon os avós, 697 bens, entre os que están as estatuas de Abraham e Isacc e diferentes mobles procedentes das Coleccións Reais e de titularidade de Patrimonio Nacional? Non foi parada a nai, no aeroporto de Barajas, de camiño a Suíza, con 31 medallas de ouro, brillantes e esmaltes? Vigo Trasancos (Incoación do procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural da Casa Cornide, 20–10–2020), en base ás fotos e o texto do portal de Philippot & Lloyd, a inmobiliaria que xestiona a venda da vivenda, chama a atención sobre dúas portas enmarcadas por embocaduras labradas en cantería. «É case seguro que se trate de dous marcos de portas históricas, de carácter tardogótico e de primeiros do século XVI, moi probablemente traídos do que foi Hospital Real de Santiago e transformado, en 1953, en Hostal dos Reis Católicos, pois estes dous marcos coinciden con outros semellantes que aínda están ‘in situ’ nos corredores dos patios e nos accesos ás antigas enfermerías».

Unha curiosidade. Que sorpresas tería deparado a detención fortuíta, nun casual control de tráfico, da furgoneta que os veciños da Cidade Vella viron entrar e saír da casa que agora ocupan os netos?

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail