Operación Sabela

Hà mulheres que lamem as latas como gatas

se nom che chega este mundo fai-te astrounauta

ai mulheres valentes que ensinam os dentes

ai mulheres que se pintam de caolim na Costa de Marfim di Rita

Riveiro; ai mulheres altas, redondas, coloradas

se nom che chega este mundo fai-te astronauta.

«Tris-Tras». Marful

 

A imposición do galego ten estas cousas. O ano pasado, un vídeo en Twitter de Miriam cantando «Tempestades de sal» (himno oficioso de #DefendeAGalega, apertas Ovidio Fernández!) fixo que me mergullase no proceloso mundo de Operación Triunfo e acabase bancando pola de Pontedeume por motivos que agardo que fosen máis aló do simple sentimento de tribo.

Picar o anzol dous anos seguidos era complicado. Falamos dun concurso musical monopolizado por ritmos de Despeñaperros para abaixo, horteradas pop que case sempre descoñezo («Eu non, déixame oíla!», é a resposta estándar da miña parella) e reguetoneos dos que –si, teño que facelo- só salvo a «Lo malo». Nada de guitarras, nada de cristas, nada de distorsión (agás aquela cousa dantesca na que María converteu o «Voy en un coche» de Christina Rosenvinge…).

Estaba convencido de que acadara unha inmunidade que me permitiría acender a tele en plena gala sen risco de engancharme de novo. Pero a vida tende trampas e, no mesmo arranque do concurso, nominan a Sabela e á cabrona non se lle ocorre outra cousa que tentar salvarse cunha canción en galego. Nada de cantala destrangis no salón da academia, non; nada diso: Sabela pensaba cantala en prime time na tele –na outra tele– que pagamos todos. E salvouse. A tomar por saco a miña suposta inmunidade.

A partir de aí, todo foi caída, empezando por baixar a app do programa e votar para salvala cada día mentres estaba nominada.

-Lembrácheste hoxe…?

-Que siiiii –respondía mentres buscaba a aplicación para facelo nese mesmo intre (a familia que vota unida, permanece unida).

Sufrín como un fan calquera as supostas aldraxes que foi vivindo: esas cancións que nos foros vían pensadas para botala, que non tivese frase propia no himno deste ano… sufrín pola súa afonía e sorprendinme unha e outra vez de como se ía sobrepoñendo aos problemas sen perder o sorriso. Then polka!

Así chegamos a outro momento decisivo: o de meterse na final, e Sabela volve optar por cantar en galego. A semana anterior abraiara a audiencia con El cuarto de Tula, improvisacións incluídas, tras unha polémica viral arredor de Noemí Galera pola suposta prohibición de volver empregar a lingua de Rosalía (da boa, a de Padrón). A directora da Academia negouno rotundamente e evitou que pensásemos que, para OT, «música en gallego» era un único xénero.

O «Negro caravel» de Rosalía (a boa) arrasou e meteuna de cabeza na final. Xa está, pensei, ata aquí chegamos. Pero non. O mércores é a derradeira traca do programa, e que tirou ela da manga…? «Tris-tras». A de Marful, unha banda que nunca reivindicaremos dabondo. «Esta canzón, como tantas outras, foi cantada sempre sentindo a CONA», escribiulle Ugia Pedreira acompañando un vídeo caseiro no que interpretaba a capela ese retrouso final que xa vai ser historia viva de tele: «Se nom che chega este mundo fai-te astronauta». Ou ministro de Ciencia. Imaxino os Javis preguntándolle que significaba a palabra escrita en maiúsculas…

Pase o que pase o mércores, Sabela xa gañou, e coido que con ela gañamos todos. Na súa contra pesaba o seu perfil, tan pouco comercial para os que ven OT como unha fábrica de estrelas; pero ela vai poder volver a casa tendo asegurado algo máis que un nicho de mercado. Sabela é o relevo, a posibilidade de enganchar cunha xeración á que –agás, seguramente, Ses– lle falten estes referentes capaces de competir co mainstream sen risco de que os acusen de apropiación cultural.

Non sei como funcionarán as carreiras dos triunfitos fóra da Academia –«cando saias busca un avogado, un asesor e un psicólogo», di Anawar que lle recomendou Soraya–, pero aquí vai a miña proposta: un disco de duetos de Sabela cos nosos grandes-grandes. Si, todos eses –e esas!– que estades pensando. Ata con Pucho Boedo, holograma incluído, como se fosen Celine Dion e Frank Sinatra. Como lo petaría, neno

Non sei, algo hai que buscar agora que o Xabarín quedou para o que quedou (os neófitos que busquen o Luzes #63).

E veña! Vou votar pola miña gañadora, que hoxe aínda non o fixen. E, para sacudirme todo isto, porei Eskorbuto a todo volume. «Antes de las guerras, podrían regresar, volver a sus casas, volver a empezar…».

Non podo quitalos da cabeza dende o espectáculo do Leo e Isaac Xubín na Casa de Rosalía. A boa, claro.

Tra, tra.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail