A alianza antifranquista de nacionalistas e esquerda na Eurocámara cumpre dez anos de loita contra a impunidade

Bruselas.- O Grupo de Memoria Histórica Democrática do Parlamento Europeo, formado por deputados e deputadas de oito partidos nacionalistas e de esquerda pertencentes a catro grupos da Eurocámara, cumpriu este ano unha década de traballos destinados a construír conciencia antifranquista na Unión Europea e a trasladar ás súas institucións as demandas das vítimas da ditadura.

O colectivo, que o pasado martes celebrou en Bruxelas unhas xornadas sobre a pervivencia do legado autoritario de Franco medio século despois da morte do ditador, nas que participaron decenas desas vítimas xunto a expertos en varias disciplinas e portavoces das organizacións memorialistas, converteuse nun exemplo de fronte transversal, no territorial e no ideolóxico, contra o auxe da ultradereita.

«A transición española construíuse sobre un pacto de silencio inaceptable, e seguiremos sendo as voces que garantan verdade, xustiza e reparación», defende a eurodeputada do PNV Oihane Agirregoitia. «Pasaron 50 anos desde a morte de Franco, pero hoxe, máis que nunca, temos presente a súa figura porque os totalitarismos, os extremismos, os ataques que recibe a democracia e a extrema dereita recuperaron máis forza que nunca», advirte.

Impunidade do franquismo

O Grupo, do que hoxe forman parte o BNG, Compromís, Comúns, EH Bildu, ERC, Podemos, PSOE e Sumar, iniciou os seus traballos no outono de 2015 cunha conferencia sobre a impunidade do franquismo e sobre as carencias de mecanismos efectivos para garantir o desenvolvemento íntegro das leis de memoria histórica e democrática, así como o dereito á tutela xudicial efectiva por parte de quen padeceu os crimes da ditadura.

Desde entón, o colectivo desenvolveu periodicamente iniciativas similares; promoveu a comparecencia das vítimas diante a comisión de peticións do Parlamento Europeo para denunciar, por exemplo, o roubo de bebés; canalizou o apoio institucional á súa querela en Arxentina e trasladou á UE o debate memorialista, promovendo visitas institucionais de eurodeputados e eurodeputadas de toda a Unión a lugares que simbolizan a pervivencia do franquismo, como o val de Cuelgamuros, nel Escorial (Madrid); o Pazo –hoxe de novo as Torres– de Meirás, en Sada (A Coruña); e a Basílica da Macarena, en Sevilla, onde se conservaron ata fai tres anos os restos do genocida Gonzalo Queipo de Llano.

O grupo tamén visitou con outros eurodeputados o Fossar da Pedrera, en Montjuic (Barcelona), onde foron sepultadas máis de 4.000 persoas asasinadas polos fascistas, incluído o president da Generalitat Lluys Compayns; as fosas de Paterna, en Valéncia, tamén con miles de vítimas do período 1936-1956 enterradas en fosas comúns, e a sede do Gobierno Vasco no exilio, en París (Francia), nun edificio que foi incautado pola Gestapo durante a invasión nazi de Francia e entregado posteriormente ao réxime de Franco, e que non foi devolto ao PNV ata o ano pasado.

Simboloxía

«En calquera outro país do mundo cosas así serían impensables», lembra Miguel Urbán, exeurodiputado de Podemos con Anticapitalistas e un dos principais impulsores do grupo, e quen xa en 2018 sinalaba o estupor que lle mostraba algúns colegas doutros países ao constatar in situ a pervivencia da iconografía franquista e das honras que as institucións españolas seguían prestando por acción ou omisión ao ditador e a quen participou e apoiaron a represión fascista, a través de títulos honoríficos, medallas, rúas, estatuas, placas e demais simboloxía.

Para Carlos Babío, cuxa investigación xunto a Manuel Pérez Lorenzo permitiu fornecer ao Estado a base probatoria precisa para que a xustiza obrigase ao Franco para devolver as Torres de Meirás, a situación de impunidade na que se mantén aínda boa parte da herdanza simbólica e ideolóxica da ditadura resulta «un anacronismo democrático» no Estado.

Babío lembra que o proceso sobre o espolio do inmoble representou a primeira e ata o de agora única vez en que a democracia española ha podido sentar ao franquismo nun banco para debater sobre os seus crimes fronte a un xuíz. Pero advirte de que o caso aínda está pendente de que o Tribunal Supremo decida se os herdeiros de Franco sustentaron «de boa fe» a propiedade de Meirás desde que Franco morreu en 1975, e teñen, por iso, dereito a ser indemnizados polo Estado. Cando os membros do Parlamento Europeo visitaron as Torres en 2018, quen guiou a súa visita foi Carlos Fernández Barallobre, exmilitante de Forza Nova e cabaleiro de honra da Fundación Francisco Franco, á que a familia do tirano encomendara a xestión das visitas obrigadas tras a declaración do inmoble como ben de interese cultural.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail