Todos os santos de Froilán

En Galicia hai realismo máxico, santeirismo máxico e un borbonismo máxico representado sobranceiramente por Felipe Juan Froilán de Todos los Santos, que non sei como aínda non herdou o título de duque de Lugo nin o cetro e a coroa do Antigo Reino de Galicia. Os enxebristas da raza alegarán na súa contra que Froilán nin sequera naceu en Galicia. Pero non se lle pode botar a culpa. Como todo bo galego sabe, o anterior duque de Lugo, Jaime de Marichalar, era tan snob que non se podía achegar ao país no que agromou a vulgarcísima roupa de Zara. Como ía consentir que o seu primoxénito nacera na terra das batas de guatiné? Conta a lenda borbónica que, nada máis saír á luz deste mundo, Froilán, véndose nacido en Madrid, botou a chorar de morriña prematura. Sabíase nado no exilio. Unha mañá de afouteza, o pai riu del dicindo que non podía sentirse galego un rapaz que nunca pisara unha bosta. O futuro rei de Galicia sacou unha escopeta e pegouse un tiro no pé, para sempre lembrar aquela aldraxe.

Como o Henrique V de Shakespeare, Froilán viviu unha mocidade azarosa, acompañado de Falstaffs pouco recomendables, aínda que moito máis pijos ca o orixinal. As baiucas daquelas épocas non son como as de Madrid ou Marbella da actualidade, pero nelas adóitase facer máis ou menos o mesmo: beber e follar (certo que, daquela, era inconcebible frecuentar dealers con datáfono e máis cocaína rosa: excelencias do progreso). Tampouco, por suposto, existían as influencers, eses modernos animais de rostro polícromo e que son quen de captar a admiración de millóns de persoas falando, a fume de carozo, un trampitán inintelixible para os que algunha vez leron un libro. O noso Henrique V mantivo relacións amorosas, seguramente castas, con algunha delas. As persoas que dedican o seu talento ao ben común é normal que arrexunten esforzos para optimizar os seus denodos.

Foi unha época na que o futuro rei de Galicia tamén protagonizou diversas fazañas militares, aínda que tanto el como a súa familia procuraron que non foran coñecidas pola opinión pública. A heroicidade e a humildade son dúas virtudes que adoitan pasear xuntas pola vida. Unha das súas máis senlleiras epopeas foi un duelo de capa e espada na fortaleza/discoteca madrileña Vandido en decembro de 2022. Nela resultou ferido de navalla o seu caro Falstaff, ao que acompañou fidelmente ao hospital atravesando as procelosas paisaxes do barrio de Salamanca.

Na súa faciana máis quixotesca, compre salientar a súa arremetida contra eses modernos muíños de vento chamados coches. Acompañado da súa irmá Victoria Federica, e quizais inducido por algunha apócema vertida no colacao por algún perverso Merlín da noite madrileña, o meirande heroe galego de todos os tempos empotrou o seu Rocinante de alta gama contra unha fila de vehículos créndoos perigosos xigantes.

Só nunha ocasión se soubo de vergoñante fuxida de Froilán dun campo de batalla. Foi na fortaleza Opium de Marbella, despois dunha pelexa a tiros (dos de pistola) na que resultaron feridas cinco persoas. Eu estou ben certo de que correu para protexer a integridade dunha dama. Canto dano pode facer fin´amors, a doutrina do amor cortés trobadoresco, ás máis nobres reputacións.

O malvado rei de España, sabendo que Froilán é cuarto na liña sucesoria carpetovetónica e celoso da súa fama, argallaba no pazo de Zarzuela o xeito de corromper o ascenso imparable de Froilán. Ademais, abondo tivera xa Felipe VI co secesionismo catalán, que combatira de boquilla. Nin sequera desenvaiñou a espada para liderar as tropas que enviara a bordo da gloriosa fragata Piolín. Demasiado para El Rei combater tamén a consolidación da sona de Froilán como futuro monarca do Antigo Reino de Galicia.

Froilán, sabedor das insidias e conspiracións de Felipe, decidiu facerse un Mio Cid e marchou loitar xunto aos mouros, en Abu Dabi, preto das tarxetas black do seu avó, o vello e tamén afouto rei Juan Carlos.

Coma os épicos contemporáneos tamén gozan de vacacións, regresou hai ben pouco Froilán a rematar a obra que encetara desde ben novo. Xa se lle puido ver asaltando varias discotecas e invadindo prazas co seu exército techno, formado por Todos os Santos do seu nome. Gloria ao rei de Galicia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail