Nunca Máis volve a Bruxelas 20 anos despois para advertir contra os negacionistas do «Prestige»

A conferencia organizada polo BNG no Parlamento Europeo convértese no único acto das institucións comunitarias para conmemorar o aniversario da catástrofe ocorrida en 2020.

Bruxelas.- O Prestige tivo enormes consecuencias políticas, non tanto por mor da errática xestión da crise por parte do Goberno español e da Xunta, senón porque a contestación social articulada a través do movemento Nunca Máis puxo aos executivos de Manuel Fraga e de José María Aznar contra as cordas e obrigounos a reaccionar, aínda que fóra por puro instinto de supervivencia.

Foi esa presión popular a que logrou que finalmente se recoñecese a magnitude da vertedura, que se puxesen en marcha medidas e medios efectivos para combater a marea negra e limpar as praias e as rías, así como axudas para compensar os municipios, as empresas e as familias mariñeiras afectadas pola riada de chapapote que chegou ao litoral da comunidade.

Así se puxo onte de manifesto na conferencia de expertos no Prestige e en seguridade marítima que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) organizou este mércores no Parlamento Europeo, e que constituíu o único acto celebrado nas institucións comunitarias sobre a catástrofe, a peor da historia de Europa causada por unha vertedura de petróleo e da que agora se cumpren 20 anos.

«Na crise do Prestige foi fundamental a existencia do movemento social que advertiu das mentiras dun goberno ausente», lembrou a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, organizadora do evento e quen subliñou que «mentres no resto do mundo estaba a falarse da catástrofe ecolóxica en Galicia, en Galicia as autoridades galegas e españolas negaban a realidade e inhibíanse de combater a marea negra».

Tamén foi esa presión cívica a que, co tempo, e como lembrou a eurodeputada do Bloque, logrou que se modificase a lexislación europea en materia de seguridade marítima, que se acabase cos petroleiros monocasco na UE e que se obrigase aos buques que transportan calquera clase de mercadorías perigosas a navegar por un corredor de seguridade situado a entre 35,5 e 39,5 millas –65,7 e 73 quilómetros, respectivamente– de Fisterra cando atravesan augas galegas.

Camilo Nogueira, primeiro eurodeputado do BNG, no Parlamento Europeo / Delmi Álvarez.

De non ser pola conferencia organizada por Miranda, na que participaron representantes do movemento Nunca Máis –mariñeiros, mariscadoras, escritores, músicos e xornalistas, entre outros colectivos– o aniversario do Prestige pasaría desapercibido en Bruxelas. Unha cidade, por certo, afeita lembrar traxedias e reivindicar causas, e que hoxe, entre outras, loce bandeiras ucraínas e carteis e pasquíns en memoria de Masha Amini, e que homenaxeaba o mesmo día, tamén na Eurocámara, o legado de José Saramago no 100 aniversario do seu nacemento.

Fronte á sede do Parlamento Europeo tamén se concentraron bandeiras galegas sobre fondo negro, como un recordatorio para quen non parecen dispostos a lembrar a traxedia ocorrida no outono de 2002 no Atlántico de Galicia, e que ademais foi unha das catástrofes ambientais máis onerosas da historia.

Segundo algunhas fontes, a suma da reparación de danos, de limpeza do fuel e as manobras para selar o pecio do barco afundido supuxeron máis de 12.000 millóns de euros, só por debaixo dos accidentes nucleares de Chernóbil (1986) e Fukushima (2011), do da plataforma Deepwater Horizon (2010) no Golfo de México, e da desintegración do transbordador espacial Columbia en febreiro de 2003, menos de tres meses despois de que o petroleiro grego tinxira Galicia de negro.

O PP fala do «Prestige» como a «prehistoria»

Este pasado martes, o eurodeputado popular Antonio López-Istúriz afeou a Miranda nun debate nunha canle de televisión en liña que se preocupase por un asunto «da prehistoria». O certo é que cando o Prestige afundiu, López-Istúriz era secretario persoal de José María Aznar na Presidencia do Goberno. Desde entón foi eurodeputado e secretario xeral do Partido Popular Europeo ininterrompidamente durante o últimos vinte anos.

Para Ana Pasantes, unha «orgullosa mariscadora de Camariñas«», tal e como se presentou na conferencia, o Prestige non é para nada a prehistoria, senón a era na que vive, porque os efectos daqueles días nos que «centenares de gaivotas, corvos mariños e araos chegaban cubertos de petróleo á costa», aínda se manteñen: «Pasamos de 80.000 quilos de marisco extraídos en 2002 a 13.000 en 2022», dixo Pasantes, quen asegurou ademais que o número de mariscadores de Camariñas é hoxe a metade do de hai dúas décadas.

Nas xornadas do mércores lembrouse tamén o que varios relatores describiron como unha dolosa intervención dos gobernos de Aznar e de Fraga e a campaña de desinformación e mentiras que tentou ocultar á cidadanía a realidade do que estaba a suceder, e que os galegos e os voluntarios que acudiron a Galicia podían constatar in situ.

É dicir, que a decisión de non levar o Prestige a porto e pasealo de norte a sur e de leste a oeste polo océano no medio dun forte temporal contribuíu a estender a vertedura ata Francia, a que o buque acabase partíndose en dous, e que caladoiros, praias e rías acabasen asolagadas de chapapote porque ninguén proporcionou a tempo os medios necesarios para combater a marea negra e evitar que chegase á costa.

Un momento da conferencia / Xurxo Lobato.

«Hai quen di estes días que o Prestige non tivo consecuencias políticas. E é mentira. O que non houbo foi ninguén que asumise responsabilidades políticas», afirma o xornalista Xosé Manuel Pereiro, quen participou nas xornadas cun relatorio no que alertou de que os responsables daquela xestión e da estratexia de mentiras do goberno non só non as asumiron, senón que mesmo seguen sostendo a día de hoxe que fixeron o correcto e volverían repetilo.

Na conferencia participaron tamén representantes de Nunca Máis, entre eles Adela Figueroa, bióloga; o músico Xurxo Souto e o escritor Suso de Toro, quen se emocionou ao lembrar aqueles días; ademais doutros representantes do sector pesqueiro e marisqueiro e fotoperiodistas que cubriron a catástrofe, como Xurxo Lobato e Delmi Álvarez.

Tamén o político e intelectual Camilo Nogueira, primeiro deputado do BNG na Eurocámara e impulsor do comité sobre seguridade marítima e da resolución do Parlamento Europeo que apenas un mes despois da catástrofe propuxo as primeiras medidas para facer fronte aos efectos do desastre, así como a constitución dunha comisión de investigación sobre as súas causas e as súas consecuencias.

Jacob Terling, representante da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea, recoñeceu a «valentía, a coraxe e o comportamento heroico de quen combateu contra a marea negra do Prestige» e lembrou que o sinistro supuxo unha completa revisión da lexislación comunitaria nesa materia.

Na conferencia participaron tamén o copresidente da asociación ZEA de Francia, Jean-Ronan Le Pen, quen explicou a situación de emerxencia que vive o Mediterráneo; o exvicepresidente da asociación Merci Erika, Alain Bonnec, quen detallou as consecuencias do naufraxio do petroleiro Erika fronte ás costas de Bretaña; Frank de Boer, representante do Partido Frisio dos Países Baixos, quen relatou as consecuencias do accidente do MSC Zoe; e Pierre Karleskind, presidente da Comisión de Pesca da Eurocámara.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail