Lei de liberdade sexual

O pasado maio de 2022 aprobouse no Congreso, á espera do seu paso polo Senado, a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, cos únicos votos en contra de Vox e PP. Na explicación de voto, a deputada Toscano (Vox) negaba a violencia de xénero e lamentaba a desaparición dos piropos na rúa, mentres González (PP) mostraba non tanto desacordo co contido da lei como rexeitamento do seu grupo a apoiar unha «arenga» electoral de Podemos.

1 Os motivos do cambio lexislativo. No texto exponse a necesidade de adaptar a lexislación a diversos convenios asinados por España sobre dereitos sexuais, como os de Varsovia (2005), sobre trata de seres humanos; Istambul (2011), que amplía a definición de violencia de xénero a agresións fóra do ámbito da parella e a tipos como (entre outros) a mutilación xenital ou os matrimonios forzados; e Lanzarote (2007), sobre a protección da infancia contra a explotación e o abuso sexual. Son compromisos que superan os establecidos na lei de 2004. Tamén se fai referencia explícita como motivo ás masivas mobilizacións do movemento feminista dos últimos anos rexeitando o tratamento xudicial ante casos de agresións sexuais polas «manadas». Preténdese incorporar esa condena social das violencias sexuais e simbolizar o máximo rexeitamento público do Estado.

2 Os obxectivos da nova lei. Declárase como obxectivo a erradicación de todas as violencias sexuais. Un término propio dunha linguaxe maximalista, ben intencionada e moi centrada no efecto simbólico, que pretende coa esaxeración expresar o máximo rexeitamento. Pouco realista sobre a posibilidade de cambio social que unha lei pode xerar: polo arraigada que está a violencia sexual historicamente na sociedade, polo descoñecemento (recoñecido na propia lei) das dimensións do problema e a necesidade de estudalo… Corre o risco de crear expectativas que minimicen outros obxectivos máis realistas presentes tamén no texto como a sensibilización, prevención, detección e sanción das violencias sexuais e protección das vítimas: mulleres e criaturas. Coñecer mellor o problema e paliar os seus efectos serían expresións máis axeitadas como obxectivo que erradicar (facer desaparecer definitivamente). E non serían pouco logro de acadarse.

3 Cambios na socialización dos varóns. É un lugar común, cando se fala de violencia de xénero ou da violencia sexual, ouvir que «o problema está na educación». Concretando un pouco máis, está na socialización dos varóns. Así que deberiamos empezar a cambiar algo aí se queremos reducir o número de agresores. A escola é o lugar privilexiado para o Estado intervir, máis que na familia ou os grupos de iguais. Porén, déixase pasar a oportunidade de facer algo que non se limite a recomendar protocolos, formación do profesorado e inclusión do tema nos programas educativos, campañas de sensibilización e formación en xénero de profesionais de policía, xustiza, sanidade, limitar as imaxes de violencia na publicidade e na Internet. Non é pouco, pero non abonda. Logo de case vinte anos da lei de 2004, e con datos preocupantes de violencia de xénero e sexual, deberiamos tentar facer cousas diferentes, por se funcionan mellor. Nada sobre programas de reeducación dos agresores, case inexistentes na actualidade. Tamén é un espazo para a educación no que o Estado pode intervir. É verdade que se precisan medios e que son escasos. Mais, sobre todo, precísase a idea de que os varóns agresores non son casos perdidos, que os podemos recuperar para a civilización, que vale a pena investir na súa reeducación, tamén para evitar a reincidencia.

4 Protección das vítimas. O lema «eu créote» foi manifestación do sentimento social de empatía coas vítimas das «manadas», da comprensión do calvario da revitimización. Un sentimento que está moi presente neste texto. Esta é a orientación dos cambios na lei de axuizamento criminal para mellorar a protección da intimidade das vítimas nos procedementos, incluíndo os contidos en Internet. Establécese o dereito á reparación do dano por medio da responsabilidade civil, mellorando moito a lei de 2004. Compromete ampliar os recursos humanos e económicos das oficinas de atención ás vítimas (veremos como aparece nos orzamentos). Estas melloras e recursos están ligados á vía penal, a vítima que non denuncia queda fóra, non é vítima para a Administración. Pensemos que a maioría das agresións sexuais non se denuncian, e hai recursos sociais (sanitarios, educativos, de acompañamento…) que deberían estar dispoñibles tamén para as que non queren iniciar a vía penal.

5 Máis castigo. A sanción ocupa a maior parte do texto, consecuentemente co obxectivo declarado da lei de aumentar a sanción. Faise cambiando o código penal. Porén, esta vía non ten funcionado noutros delitos como elemento disuasorio, nin para a poboación en xeral nin para evitar a reincidencia, limitando o seu efecto a apartar ao delincuente temporalmente da sociedade, lonxe da orientación á reinserción á que obriga o artigo 25 da Constitución Española. E hai que lembrar que máis sanción pode provocar un efecto rebote: en España en 2016, dous terzos das suspensión de condenas foron por delitos de violencia de xénero. O cambio máis soado é a desaparición da figura do abuso sexual (non hai consentimento, pero tampouco violencia, con menor pena) diferenciada da agresión sexual (cando se usa violencia ou intimidación, con maior castigo). Até agora, o mesmo acto pode ser considerado un ou outro delito se quen sentencia entende que hai ou non hai intimidación. Haberá un só delito, a agresión: «Calquera acto que atente contra a liberdade sexual doutra persoa sen o seu consentimento» con máis abano de penas. Xa non haberá que valorar se houbo violencia ou intimidación, chega con que non haxa consentimento.

6 Definición do consentimento. O debate sobre o consentimento naquelas polémicas sentenzas das «manadas» daba conta da indefinición do termo na lei, e o novo texto fai un esforzo por concretalo para evitar a impunidade e dar un criterio aos tribunais: «Só se entenderá que hai consentimento cando se manifeste libremente mediante actos que, en atención ás circunstancias do caso, expresen de xeito claro a vontade da persoa». Un cambio crucial, que limita o espazo para interpretación e arbitrariedade. Mais sería iluso pensar que o elimina completamente. É imposible que unha lei penal teña definida toda a casuística que pode darse na realidade e, na parte argumentativa que xustifica as decisións das sentenzas e autos, é inevitable que transluzan as crenzas e ideoloxía de quen xulga. Nada impedía no pasado que os tribunais entenderan que o consentimento debe manifestarse libremente e expresarse claramente, e nada impedirá que nalgún caso no futuro interpreten nesgadamente o novo literal, aínda que sexa forzando a interpretación.

7 A avaliación dos resultados da lei. Os cambios que se introducen, sobre todo no Código Penal, seguen, en termos xerais, a liña da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, en vigor dende 2004, e pendente aínda dunha avaliación de impacto (dos resultados) con algo máis de fondura que a relación de medidas que aparece nos informes actuais. A efectividade dunha lei que pretende un cambio social de tal envergadura, non pode medirse só pola cantidade de medidas ou recursos que mobiliza, senón, sobre todo, polo cambio que produce nos actos concretos da poboación e pola orientación dese cambio. Unha avaliación crítica dos efectos da lei permitirá reorientala se fora preciso, para facela máis efectiva, superando o dogmatismo de pensar que a letra da lei ten o poder máxico de cambiar a sociedade. Ese tipo de avaliación segue pendente na lei de 2004 e non está prevista neste texto. Os obxectivos que marca esta lei son as propias medidas que establece esta lei, a avaliación que propón é unha conta das actuacións que se realicen cada ano. Sexan ou non eficaces, cambien algo ou non. Confúndese obxectivo con instrumento. É verdade que para ter un obxectivo hai que coñecer a realidade aínda que sexa aproximadamente. Se a dimensión do problema se mide pola percepción social, igual é consecuencia lóxica que se pretenda «erradicalo» no mesmo escenario da percepción social.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail