O Goberno da Infelicidade

Nunha enquisa recente concluíase que a xente máis infeliz da península ibérica era a galega. Saber se a xente está feliz ou infeliz semella unha cuestión crucial de Goberno. Despois de coñecerse a enquisa, a Xunta debería ter convocado un gabinete de urxencia. E Nuñez Feijoo debería comparecer logo na TVG. En Luar, á dereita de Gayoso, para facer a cousa máis solemne, e por unha vez falarlle ao país pan por pan, como un evanxeo: Por que sodes infelices? Que o que quere o pobo galego?

Infeliz ou felizmente, non fixo nada.

Ese debe ser o maior fracaso para un gobernante. Que se pregunte á xente do país que goberna como se sente e que os consultados boten a chorar. Debería crear a Xunta unha consellaría da Felicidade?

O único país onde existe un ministerio da Felicidade é Bután. O Produto Interior Bruto foi substituído polo indicador Felicidade Nacional Bruta. Cada ano faise unha consulta sobre estado de ánimo e a maioría da poboación, case o o 50% declárase “moi feliz”. O 40% di estar “feliz”. E só o 8% maniféstase como infeliz. A maioría da xente de Bután é vexetariana, os indicadores de saúde son óptimos, e a calidade e esperanza de vida son de envexar. Neste país tibetano, de agricultura de alta montaña, está prohibida por lei a caza de animais.  Por suposto, manteñen viva a súa cultura e nas escolas estúdase física, química e matemáticas na lingua butanesa, o dzongkha. Así que neste mundo globalizado, pódese estudar a Táboa de Elementos en dzongkha, mais está prohibido pola Xunta facelo en galego.

Moitas institucións galegas teñen becas, que medran en número cada ano, para enviar estudantes a Estados Unidos. Tal como van as cousas, non sei se non sería de máis proveito ter un convenio con Bután. Volverían con coñecementos de budismo e meditación, con mellores hábitos alimentarios, con conciencia animalista, e talvez algo máis felices.

Estas enquisas, claro, teñen moito de brincadeira. O que abonda en Galicia é a síndrome de Períclates, que estudou a fondo o doutor Rof Carballo. Este rei de Samos (Mar Exeo) sentíase desacougado cando estaba contente, entristecíase co éxito e sentíase infeliz cando acadaba a felicidade. O mesmo Núñez Feijóo é un caso claro de complexo de Períclates: Non botou a chorar cando o nomearon presidente? Mais é na esquerda onde prendeu a síndrome. Que lle lo pregunten aos dirixentes de En Marea. Non son as diferenzas de estratexia ou ideolóxicas o que motiva este estado de crise permanente. A culpa é da felicidade. Nada máis nacer, convertéronse no primeiro partido da oposición, por diante dos socialistas e do Bloque. Demasiado para Períclates.

Volvendo ao comezo, a pregunta de hoxe vai cunha resposta:

Debería crear a Xunta de Galicia unha consellería da Felicidade? Si, sempre que a leve unha persoa infeliz.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail