Matar o home do tempo

Miña nai preguntoume como é que agora hai tanta xente coma min. Entendina antes de que acabara a frase. A súa candidez ata me fixo sorrir. Sempre houbo inconformistas e gais, pero antes puníanos no calabozo e botaban a chave ao mar. Estaban aí, pero sen estar. Ninguén os oía, entón non existían. Os fascismos teñen a tradición de matar o primeiro que fai ruído. O primeiro que fala de máis é o primeiro a quen lle cortan a lingua. Fan o mesmo cos mensaxeiros pesimistas que turban a paz da súa terra. Non hai Casandra que non perda a cabeza cando as novas que trae non soan como os paxariños preñados nos que cre o gañán ditador. Nas democracias travestidas, ou nos fascismos disfrazados de democracias, que son a nova forma política, falar a verdade vai sendo case un crime. É dicir, hai terras onde denunciar as verdades é ilegal e matar o denunciante case vai sendo unha resposta esperada e condonada.

Ás veces traballo para unha compañía que fai libros para as escolas do estado de Florida. Neses libros hai temas e palabras que son tabú. Están prohibidas. Esa península é un exemplo dun dos males máis maquiavélicos que estamos a sufrir nestes tempos. O gobernador, Ron DeSantis, un republicano gañán e trapalleiro, ten prohibido o uso das frases «climate change» e «global warming». Dálle o mesmo que Florida tivera os furacáns máis grandes da historia nos últimos meses. Os teitos e os carros voan polos aires. O mar inunda os áticos das vivendas. A xente morre, perden todo, os animais foxen se poden, un fulano tivo a sorte de ser encontrado a 44 millas da costa apertado nun anaco dunha neveira. O home levaba flotando alí uns días mentres o furacán Milton varría o mango da tixola, como lle chaman a Florida (panhandle).

Ata agora o goberno de Florida e moitísimos cidadáns din que iso de que o clima cambia e a terra quece é unha tolería. Dicilo nas escolas está prohibido. O caso é que, dende o Milton, os meteorólogos do estado están no punto de mira dos rifles e da chaladura negacionista dos republicanos. Nas últimas semanas, media ducia de «profesionais do tempo» recibiron ameazas de morte. Se din que a xente ten que fuxir do lugar porque é perigoso, o correo electrónico éncheselles de insultos e burradas. Os tolos mentireiros pensan que as tormentas e os furacáns son feitos polo goberno.

Isto non é unha broma. A ignorancia e a falta de educación do país reino dos paradoxos ponme a pel de galiña. As teorías trumpistas xa superaron o mesmo Trump. Hoxe din que é o goberno o que está a fedellar co clima. Mañá poden dicir que é deus que está anoxado con tantos gais na Florida. A Terra veña a falar ben alto. A Terra veña a levantar o mar, veña a fuxir os ventos cunha forza nunca vista. A pobre Terra veña a desbocar os ríos, veña a secar lagoas, veña a facer morrer a xente e os animais por acá e por acolá. A Terra desesperada xa non sabe como poderá facer máis ruído. Pero a maioría…, xordos coma pedras. E algúns aínda andan convencidos de que a solución é matar o home ou a muller do tempo. Morto o can, acabouse a rabia. En fin.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail