O peche de camas e servizos nos hospitais e as listas de espera levan aos enfermos a acudir aos centros de pago para asegurarse a atención médica que necesitan.
A Coruña.- A estratexia de desinversión e depauperación da sanidade pública que executou a Xunta de Galicia desde que Alberto Núñez Feijóo a preside pódese constatar con cifras e con estatísticas. Pero tamén cos casos individuais de pacientes que foron desatendidos e que, nalgúns casos, tiveron que optar por tratarse en centros privados para asegurarse a atención médica que necesitan.
Para a oposición, os sindicatos e as asociacións de defensa da sanidade pública da sociedade civil organizada, esa é precisamente a intención do Goberno galego: minar aos poucos a confianza no sistema público de saúde para favorecer a deriva de doentes aos hospitais de pago e a contratación de seguros privados.
Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), nos hospitais de Galicia había no ano 2008 9.919 camas en funcionamento, das que na actualidade quedan 8.906,. É dicir, que entre o 2008 e o 2019 elimináronse o 10,2% das camas que había antes de que Feijóo chegase á Xunta.
Se no 2008 había 3,6 camas por cada mil habitantes, no 2019 eran 3,3, a pesar de que nese mesmo período a poboación de Galicia caeu en preto de 85.000 persoas. A Organización Mundial da Saúde recomenda un mínimo de entre oito e dez camas hospitalarias por cada mil habitantes.
O mesmo sucede coas listas de espera cirúrxicas: creceron en preto de 6.000 persoas desde o 2009, segundo o IGE. Máis dun 17%. Esas son as estatísticas, pero os números teñen un reflexo real na vida das persoas que se ven afectadas por este proceso.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago -a xerente da área sanitaria é Eloína Núñez Masip, curmá carnal do presidente da Xunta- recolleu para Luzes-Público algúns casos recentes que dan testemuño da gravidade da situación.
Como o de M.M.R, afectado por unha escoliose, unha desviación de columna A con prioridade 2, é dicir que debía ser sometido a unha intervención cirúrxica nun prazo máximo de noventa días. Despois de varias denuncias, foi operado este ano transcorridos 387 días desde que lla diagnosticaron.
Este mesmo ano, a unha muller en tratamento contra o cancro de mama indicáronlle que a primeira consulta de seguimento faríanlla once meses despois de iniciado o proceso. Os protocolos do Servizo galego de Saúde (Sergas) indican que as consultas de seguimento para casos como o seu deben facerse cunha cadencia de entre catro e seis meses durante o primeiros cinco anos tras o diagnóstico, e só a partir de entón con carácter anual.
Tamén este ano, un neno que precisaba unha intervención cirúrxica -máximo de 180 días de espera- e que foi incorporado a lista de espera o 5 de abril, aínda non fora citado para o preoperatorio a principios deste mes. É dicir medio ano despois. Aos seus pais tampouco lles ofreceron outra alternativa de asistencia, a pesar de que a normativa autonómica establece que o Sergas ten a obrigación de facelo transcorridos 140 días.
Hospitais sen médicos
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS tamén denuncia que o centro de saúde de Conxo, nun barrio da capital galega, estivo ata maio deste ano sen persoal fixo, o que provocou suspensións «periódicas e aleatorias» do servizo que deixaron os nenos de cero a catorce anos «privados de atención pediátrica» durante semanas. E que o Sergas despediu dous radiólogos do servizo central de radioloxía do hospital a pesar de que había case 7.000 pacientes en lista de espera para unha proba radiolóxica e centenares máis «con doenzas graves e invalidantes que precisan un control periódico do seu estado de saúde».
«A decisión resulta aínda máis inaceptable desde o punto de vista do interese xeral, pois continúanse solicitando continuamente estudos á sanidade privada nun alarde claro de precarizar os servizos de titularidade pública en favor dos operadores económicos privados», di Fernando Abraldes, portavoz da asociación.
En Galicia hai moitos pacientes que optan por acudir á sanidade privada para recibir atención. Como lle sucedeu a unha muller de 93 anos do Barco de Valdeorras cunha lesión cutánea que, dixéronlle, non podían tratarlla no hospital público da localidade porque alí non hai dermatólogo. Tiña que ir a Ourense, a tres horas no traxecto de ida e volta por por estrada, polo menos tres veces.
A súa filla, que prefire gardar o seu anonimato e o da súa nai, explica que a familia convenceu á muller para que desistise e acudise a un dermatólogo privado local. Fíxoo e pagou 90 euros polas consultas e o tratamento. Se fose a Ourense, gastaría o dobre nunha soa viaxe en taxi á capital provincial. Non é un caso illado. O xenro da mesma muller tivo que esperar dous anos e medio para un tratamento de rehabilitación de xeonllo. O mes pasado, Luzes-Público fíxose eco do caso doutra paciente do Barco de noventa anos de idade cunha lesión no pulso, á que o Sergas lle deu cita para decembro do 2022 para retirarlle a escaiola.
No hospital de Valdeorras non hai dermatólogo, e só un traumatólogo. Hai quen di que nin sequera se lle pode chamar propiamente «hospital». «O que están a facer é ir reducindo a actividade hospitalaria para convertelo nun pequeno centro de especialidades. Non é unha opinión política, non hai máis que ver os datos», sinala Aurentino Alonso, tenente de alcalde da localidade e deputado provincial.
A prima ascendente
O pleno do Barco aprobou hai unhas semanas unha moción de Jesús Vilasánchez, do Bloque Nacionalista Galego, en defensa do hospital e en apoio das concentracións que todos os mércores ás doce fan os veciños da vila. A moción denuncia que polo menos unha vintena de médicos adscritos ao centro local foron «prestados» a outros hospitais, o que o deixou, na práctica, sen facultativos adscritos a varias especialidades que hoxe non poden atenderse por falta de persoal.
«A destrución do hospital público de Valdeorras non comezou recentemente, senón coa prima do presidente Núñez Feijóo», di a moción de Vilasánchez. Eloína Núñez foi nomeada xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense en maio do 2009, poucos días despois da primeira investidura de Feijóo. A Xunta acabaría integrando o hospital de Valdeorras na área sanitaria de Ourense, da que ela tamén foi xerente.
Feijóo ascendeuna no 2017 a xerente da área de Compostela, e vén de incluíla como vogal no Comité Executivo do PP de Galicia, a dirección política do partido na comunidade, durante o congreso que a formación celebrou o pasado mes de xullo. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afiliouse ao PP poucos días antes desa cita, da que saíu co cargo de coordinador de Sanidade do mesmo Comité Executivo. Feijóo nomeóuno tamén recentemente coordinador dos populares de Vigo.
Segundo a patronal da sanidade, a satisfacción co funcionamento do sistema sanitario público caeu en máis de doce puntos só desde o 2012
Segundo o informe Diagnóstico da Sanidade en Galicia 2019 da Asociación de Hospitais Privados de Galicia ( Ahosgal), hai unha «crecente percepción de que a sanidade galega empeorou» nos últimos anos. Segundo os seus datos, extraídos de fontes oficiais, a satisfacción co funcionamento do sistema sanitario público caeu en máis de doce puntos só desde o 2012, mentres a percepción de que o sistema necesita «cambios fundamentais» creceu outros doce puntos.
Ao mesmo tempo, a preferencia pola atención sanitaria privada aumentou desde o 15,9% ata o 21,68% para a atención primaria, e desde o 26,5% ata o 32,9% na atención especializada. O informe de Ahosgal tamén sinala que cada vez son máis os galegos e galegas que prefiren ser hospitalizados en centros privados ou atendidos nas urxencias dos hospitais de pago.