Patricio Guzmán: «Sen a experiencia de Allende non existiría Chávez»

[Patricio Guzmán finou o 15 de setembro do 2026. Publicamos, en aberto, esta entrevista incluída no primeiro número da revista Luzes, alá polo 2013]


Figura emblemática do cinema documental de intervención política, Patricio Guzmán (Santiago de Chile, 1941) pasa por ser un activo explorador da memoria. Alterna filmes poéticos e persoais coa docencia. Non se somete á tortura da rutina nin aos automatismos. Sería impropio de quen concibe a súa obra como práctica do coñecemento, unha mestura de ética, subxectividade radical e sentido da procura. O autor da monumental La batalla de Chile (1973-1979), historiador das liortas centrais no acontecer do seu país, foi testemuña da efervescencia dunha época.

Foto: Erik

Escoitarte é escoitar a voz en off que nos contou o acordar do proceso chileno ao socialismo hai corenta anos e o tráxico desenlace de Salvador Allende. Canto pesa ese tríptico, La batalla de Chile? É un fardo que nunca che sae do lombo, para ben e para mal. É fodido, tamén o foi daquela. Aos franceses parecíalles un filme pouco revolucionarista. Pensaban que se podía facer a loita armada en Chile. Era mentira, pero os franceses son así, moi gauchistas aínda que logo non saian da Sorbona. Tamén foi duro economicamente. Os compañeiros que distribuían cinema militante quedaban cos cartos ou pagaban moi pouco. Debían crer que viviamos do aire. A miña familia estaba ben alimentada en Cuba, pero eu non. Tecnicamente non era un exiliado, saíra cun pasaporte legal. Era un francotirador.

Faille sombra á túa filmografía posterior? Ao mellor si, pero xa non me preocupa. Non son nada nostálxico. Amólame a empanada, faime mal o pastel de choclo, non sei bailar cueca… Son un pésimo chileno. Non me gusta o guitarreo. Tolero a Inti-Illimani e a Quilapayún porque son amigos, e ademais bos. Ángel Parra gústame, a Violeta tamén. Pero nunca botei de menos o terruño. O viño tinto, si, confésoo, pero nada máis.

Como hai que pensar politicamente, dende o presente, o proceso da Unidade Popular que retrataba aquela película? Allende puxo en marcha un proceso para modernizar o estado e eliminar a pobreza. E creou algo que non existía: participación e solidariedade. Sen a experiencia de Allende non existirían Chávez, Kirchner, Lula da Silva ou Evo Morales. Todas son revolucións pacíficas, todas tratan de transformar as cousas sen pasar pola guerra civil. Era o gran soño de Allende: evitar a guerra. Detestaba a ditadura do proletariado e o partido único. Era o que tiña de orixinal.

Tanto en La batalla de Chile como logo en La memoria obstinada (1997) circula unha certa idea de inevitabilidade, coma se a Unidade Popular, como a Comuna de París, estivese abocada a caer vítima da súa indefensión. É unha traxedia grega. Plena Guerra Fría, Nixon e Kissinger no poder… Era imposíbel. Hoxe os Estados Unidos están debilitados, por iso América Latina pode abrir procesos de transformación social sen guerra, pero daquela non. En canto Allende gañou, Nixon puxo en marcha un boicot sistemático. Aínda din que a Unidade Popular era minoritaria. Tiña máis votos que Merkel!

Pasaxes de ‘La memoria obstinada’ (1997).

«El poder popular», a terceira parte do filme, adquire hoxe un significado novo tras o 15M e outros fenómenos similares. Igual que na guerra civil española había unha fronte de batalla e unha retagarda na que se facía a reforma agraria, en Chile, sen ter o poder, había xente a traballar, por exemplo, na unión de obreiros, campesiños e estudantes. Cando os cubanos se achegaban á moviola a ver La batalla de Chile —demorei seis anos na montaxe—, moitos quedaban pensativos. A súa fora unha revolución militar, tiñan o inimigo demasiado preto. «Vostedes puxéronse a filosofar, a construír ideoloxía, a pensar se o sindicato debía apoiar ou non ao presidente Allende», dicíanme. Na URSS, nos primeiros tempos, deberon discutir tamén, pero con Stalin acabou todo. En Praga igual, e na Italia dos tempos de Gramsci, Berlinguer e Togliatti. Foron os momentos lúcidos nos que o marxismo puido ter atopado vías distintas do leninismo, que foi o que fodeu a historia. «El poder popular» proxectouse hai tres meses en Chile, a iniciativa dun historiador que considera que é hoxe o que está máis vivo. Tomar coas túas mans o que o estado debería facer, contra a lei pero amparado nunha necesidade social irrefutábel. En Europa é posible crear eses arquipélagos de autonomía. Non podemos seguir tolerando unha clase política corrupta que non conecta coa base. Temos que defender nós o que non defenden eles.

Ten que vir de aí a reacción? Que remedio, porque a resposta non aparece por ningunha outra parte. Imos comparar a Durão Barroso con Jacques Delors? Delors creía en Europa, era un profeta, pero estoutro é un burócrata, un señor que anda de banquete en banquete e non serve para nada. A segunda forza en Francia é Marine Le Pen, a Fronte Nacional. O laborismo inglés está disperso. Vivimos unha época complexa. Hai unha falta de cohesión alarmante. Unha asemblea ponse de acordo máis rápido que os poderes públicos.

Que esperas dos novos procesos políticos en América Latina? Se continúa a profundización e o chavismo sae do seu caudillismo, se as forzas democráticas adquiren madurez e continúan con reformas realmente estruturais e non populistas, se Roussef segue por unha vía de cambio, se Evo segue a facer o que poida… Mal que ben, estamos mellor ca nunca. Hai un avance enorme. Os pobres non o esquecerán nunca.

E Chile? Fóra do inmobilismo nos partidos tradicionais hai unha sociedade en ebulición. A xente está farta. Eu son optimista. Creo que vai chegar un momento no que se equilibre o problema da memoria, aínda que o golpe de estado vaia durar cen anos. A explosión foi tan grande e a represión tan desproporcionada que iso crea un trauma de cen anos. É o que dura a memoria.

«A memoria arrástrase, avanza, mingua, esquécese, volve aparecer, pero nunca se detén. Ten a forza da gravidade»

La memoria obstinada (1997) proba até que punto se impuxo o discurso da dereita sobre a memoria, como na transición española. A transición chilena tivo moitos asesores, e un dos principais foi Felipe González. Houbo dúas persoas importantes que se opuxeron á detención de Pinochet: Fidel Castro, porque temía que lle fixesen o mesmo cando abandonase o poder, e González. Parecíalle inoportuno e contraproducente ter a Pinochet en Londres, dicía que o ía converter nun heroe e iso non era bo para unha transición pacífica. Vaia disparate. A transición en Chile comezou precisamente cando Pinochet caeu preso. Foi entón cando se encheron os xulgados de acusacións contra os militares que cometeran abusos. Até entón, a xente tiña medo.

As causas contra os torturadores do franquismo tamén se abren agora, e dende Arxentina. Oxalá prospere. Chile é o país das tarxetas de crédito, dos rañaceos, dos empresarios, do neoliberalismo, do investimento estranxeiro, pero non xoga ningún papel no concerto latinoamericano internacional. Os que seguen a xogar un papel son Brasil, México e Arxentina. España tamén tería un papel moito máis importante en Europa de ter saldado o tema da memoria. Porque a memoria non é un concepto universitario, de eruditos. A memoria impregna toda a vida cotiá. Un país que ten boa memoria, escribe mellor, ten mellores diarios, fai mellores negocios, ten mellor turismo, forma mellores empresarios, forma mellores científicos. Inflúe en todas as esferas da vida. Non hai un só alemán que non sinta ata o fondo da médula o que aconteceu. Asúmeno. Uns máis, outros menos, uns ambiguos, outros non, pero asúmeno. E o Estado tamén. E a Constitución. E a partir de aí Alemaña volta a reflotar. E iso é o que España non fixo aínda. Pero vaino facer. É cuestión de tempo. A memoria é un elemento extraordinariamente lento. La batalla de Chile vaise pasar pola televisión chilena cando eu e todos os implicados esteamos mortos. A memoria é un proceso que se arrastra, avanza, mingua, esquécese, volve aparecer, pero nunca para. A memoria ten a forza da gravidade. Atrae e non podes eliminala.

Estreouse nas salas españolas No, de Pablo Larraín. O filme sostén dalgún xeito que Pinochet, nun momento determinado, deixou de ser necesario. O sistema económico neoliberal xa estaba asegurado. Segue a ser así? Sempre hai resquicios de esperanza, moitos, porque temos un verdadeiro arquipélago da memoria. A universidade, Villa Grimaldi, centos de clubs, asociacións, sindicatos repartidos por todo Chile, as mulleres que reclaman polos desaparecidos. Pero falta liderado, e sobre todo un goberno que asuma a cuestión central da memoria. Bachelet di que a arquitectura da historia radica na memoria. É unha frase bonita, non sei se dela ou dalgún asesor. Espero que faga algo. O neoliberalismo devorou o país, a influencia norteamericana é descomunal. O país que eu coñecín xa non existe. Tratan de borrar da historia tanto a Allende como a Pinochet. De borrar cen anos de loita obreira, porque Allende foi a culminación dun ciclo de traballo paciente dos partidos obreiros, non o esquezamos. Non xurdiu só. O Partido Comunista, o Partido Socialista, o MIR, o MAPO, o Partido Socialdemócrata, todos loitaron por unha república liberal progresista. Chile tivo unha Fronte Popular, xunto coa española e a francesa, unha fronte avanzada. A mocidade está farta de que nin os seus pais nin os seus profesores lles conten o que pasou. E como é que ninguén di onde están os mortos, que son 3.500, entre executados e desaparecidos? Alguén os enterrou. Hai moita xente que sabe onde están. Se Bachelet non cambia a Constitución, que segue a ser pinochetista, que distingue amigos de inimigos —agora o inimigo interno son os mapuches, aos que se lles aplica a lei antiterrorista—, vaise producir unha revolta. Porque a saúde funciona mal, a educación tamén, o transporte colectivo non é suficiente, os contratos son precarios, os salarios son baixos. En Chile trabállase moito, hai unha disciplina de traballo grande que non sei de onde vén. Anterior a Allende. A xente érguese cedo, pon a gravata e vai traballar, pero está farta. Xa aguantamos vinte anos de transición. Case todas as cousas que se foron descubrindo proveñen de xornalistas, de xuíces honestos, ONG, familias, non dos deputados e senadores. Hai un divorcio entre a clase política neoliberal, de esquerdas, de dereitas ou de centro, e o pobo.

Dous fotogramas de ‘La batalla de Chile’ (1975-79), o tríptico sobre o proceso de Allende.

O teu cinema tamén é produto dese golpe de cen anos, e ti sabes que o ciclo da memoria é inesgotábel. Até que punto é unha obsesión? É unha paixón. Un non pode abordar as obras de arte con obrigas e deberes. Interésame a memoria porque me apaixoa. É coma un campo arqueolóxico inzado de anacos de cerámica que hai que recolectar. É un achado. Por iso seguimos a facer películas. Por iso existen Pablo Larraín ou Pablo Perelman. Por iso oito dos trinta documentalistas activos en Chile traballan na memoria. Hoxe estou eu, mañá haberá outro. O límite da memoria é a túa saúde, a túa vida. Non hai outro. A memoria forma parte da vida da humanidade. Está aí, coma a cova de Chauvet despois de 38.000 anos. A miña próxima película fala sobre a agua como fonte de vida. Nacemos nun océano materno. Nunha pinga de auga hai miles de millóns de seres, e talvez esa pinga chegase cos cometas do espazo exterior, porque foron os cometas os que formaron os océanos. Chile é un país de auga. O maior arquipélago do mundo é a Patagonia. Hai miles e miles de canais sen explorar. Hai illas, rochas, pequenos montículos que non están nin sequera nos mapas. É infinito. E todo iso está relacionado coa memoria. As rochas teñen a marca das ondas. O noso oído é un caracol. A omoplata ten forma acuosa. Aínda temos no corpo as pegadas de termos sido animais mariños. O filme titúlase El botón de nácar, pero non podo dicirvos por que. É o truco da película.

Cando ti estudas na Escuela Oficial de Cine (EOC) hai profesores como Berlanga ou Borau, pero unha escasa predisposición ao documental. Chile tampouco tiña tradición. Como acabas ti aí? Sempre fun un grande observador. De neno, no colexio, saía ao recreo e sentaba a mirar. Adoito preguntarlle aos meus alumnos que clase de película quererían facer. Un fálame de Hitchcock. Outro, do cinema histórico. Outro da psicoloxía humana. E sempre hai algún que di: «Quero facer unha película sobre a árbore que hai no patio da miña casa». Aí hai un documental. Sempre é unha minoría a que descobre que na realidade hai un plan dramático constante, que ve aí unha materia artística. É por iso que o documental é a música de cámara do cine.

Cando fas Primer año (1971) ou cando inicias o proceso de La batalla de Chile, que referencias manexas? En Chile viviamos nun illamento groseiro, pero tiñamos contactos. Circulaban algunhas copias de La Jetée de Chris Marker, de Noche y niebla de Alain Resnais, de El gabinete del Dr. Caligari, circulaban copias de Hans Richter, algo de Joris Ivens sobre as minas de Bélxica. Mala calidade. O British Film Institute tiña copias dos documentais da posguerra feitos polos ingleses, de John Grierson, pero moi pouco, moi pouca cosa. Logo recibiamos a revista de cine cubano e moitas publicacións do ICAIC, onde ti podías ler o documental. E punto final. Fixen Primer año porque cría que a realidade era o máis importante que había que filmar. E aí foi onde aprendín para facer La batalla de Chile, que ten moito máis peso. Comecei a facer cine directo sen saber o que era. A cámara ao ombro e o magnetófono sincronizado crean un estilo. O vehículo técnico crea o estilo. De modo que La batalla de Chile nace nun contexto universal grazas ao adianto técnico, non a un estilo persoal. O que ten esa película é que profundiza tanto no tema que transcende o xornalismo e comeza a somerxerse nun proceso social até chegar ao fondo. Ninguén filmou iso en Chile. Era a primeira vez que se filmaba un proceso revolucionario paso a paso en América Latina. Os cubanos non o fixeron, Evo non o está a facer, Chávez non o fixo, Kirchner non o fixo. É inexplicábel.

Como traballo de intervención política, desvincúlase do cinema directo estadounidense, que aspira a ser neutro. Eu nunca militei en ningún partido, pero estaba comprometido co proceso de Allende. Os suecos, que foron os primeiros en ver La batalla de Chile, dicíanme que a película estaba desequilibrada. «Debería ter un 30% de opinións de esquerdas, un 30% de centro e un 30% de dereitas». Irracional.

Iso equivale a pedir equidistancia entre un proceso emancipador e un golpe de estado represor. Si, pero eles querían unha película neutra sobre un golpe de estado fascista. Esa é a gran deformación das televisións públicas e a gran mentira da obxectividade. A obxectividade sempre é unha arma da dereita. Nós somos os subxectivos, os desequilibrados, os apaixoados. Eles non, eles son os donos da verdade.

Cal foi o papel de Chris Marker en La batalla de Chile? O meu encontro con Marker foi moi divertido. Primer año estreouse en seis salas en Santiago de Chile. Marker viuna por casualidade, averiguou o meu enderezo e veume ver á casa. Coñecíao por un par de fotos do Festival de Leizpig. Era moi delgado, coas orellas como Mr. Spock, e vestía raro, típico do gauchismo francés. Andaba como disfrazado de obreiro, pero polos seus modais e o calzado —o calzado delata— sabías que non o era. Falaba un castelán rarísimo, tiña os beizos moi finos. Díxome: «Vin aquí a facer unha película sobre o que está a pasar. Como xa a fixo vostede, mércolla». Esa conversa cambiou a miña vida. Neses vinte minutos pasei de ser un principiante a ter un película en París, Bruxelas e Zürich. Foi a primeira película chilena que saiu ao estranxeiro. Pasou un ano, eu metinme a facer unha fita de ficción que afortunadamente non fixen, chegou a gran folga de outubro e paralizouno todo. Botáronnos de Chile Films. Un grupo de amigos —Bernardo Menz, Federico Elton, Jorge Müller, o español José Juan Bartolomé— reunímonos nun parque e preguntámonos que facer. Ocorréusenos enviarlle unha carta a Marker. Catro páxinas a máquina, unha carta enorme, explicándolle todo o que estaba acontecendo e as nosas ambicións de facer un filme muralista, coral, polifónico. Ao cabo dun mes chegou un telegrama que dicía: «Farei o que poida». Nada máis. Pasou outro mes e chegou ao aeroporto un caixón. Eran 18 horas de película en 16 mm. Para facer tres obras era pouco pero para nós era un mar de celuloide. Fixémonos o propósito de filmar dúas latas diarias. A escasez deunos a distancia necesaria. O día do golpe quedábannos catro, así que acabaron ao mesmo tempo o proceso político, o proxecto cinematográfico e a película virxe. A amizade con Marker rematou coa película. Non quería ser padriño, non quería fillos adopivos. Era un home estraño, un marciano. Recordo que aquela primeira vez que o vin, tomando té na casa, estaba moi nervioso. Agora penso que debía ter mal aparcado o ovni [ri].

La batalla de Chile tamén ten secuencias poéticas. Un pensa que outra filmografía podería ter feito Patricio Guzmán sen a urxencia histórica? Non teño nin idea. A min empurráronme a unha sala de baile e bailei. Aterrei en Santiago, cheirei a revolución e abandonei a miña familia. Na Unidade Popular todos os matrimonios se viñeron abaixo.

Detalles do filme de Guzmán chamado ‘Nostalgia de la luz’ (2010).

Nostalgia de la luz (2010) non deixa de ser outro filme sobre a memoria histórica en Chile, pero introduce un elemento novo: a ciencia. É o teu traballo de madurez? Hai algunhas obras que se coñecen pouco nas que xa tocaba ese tema: La cruz del Sur (1991), sobre a relixiosidade americana, e Pueblo en vilo (1995), a microhistoria dunha vila remota que fixen en México. Pero sen dúbida, Nostalgia de la luz vai máis lonxe. Quería facer unha película sobre o deserto como espazo de pegadas. Pegadas humanas, pegadas do espazo, meteoritos, animais petrificados, pegadas de dinosaurios, exploradores que se perderon, oitenta minas de sal abandonadas… Todo intacto, conservado pola sequidade. Todo o que alí hai —a xeoloxía, a arqueoloxía, a astronomía, as minas, que son a historia obreira de Chile— é o pasado. O deserto é un gran cofre do pasado. O arqueólogo ten un horizonte de cen mil anos. O astrónomo, dun millón. E as mulleres, só corenta anos, dende que mataron os seus familiares. Pero é a mesma búsqueda nos tres casos. Exactamente a mesma. En Alemaña merquei un libro fantástico de fotografías do Sistema Solar, e descubrín que os asteroides non teñen forma. Non son circulares, son amorfos. Algúns semellan ósos. Coma os restos dun desaparecido que alguén guindara no espazo. Logo, no observatorio Las Campanas, coñecín un tipo maior, un norteamericano chamado George Preston, que vai todos os anos dúas noites a mirar unha constelación pola que sente unha atracción total. «Atráeme porque ten calcio. Ten moito máis calcio que ningunha galaxia desta zona», díxome. E aí está el, buscando o calcio nesa constelación mentres a vinte quilómetros as mulleres buscan os ósos dos seus desaparecidos e alá arriba os asteroides parecen tamén anacos de óso. Aí aparece a coincidencia. A ciencia estase transformando nun excelente campo para o documental, como o foi a política nos anos 60 e 80. Sen esquecer a memoria, claro. Toda a miña obra está na memoria. Non vou saír nunca de aí, non podo abandonar ese rancor.

Botas de menos a ficción? Prefiro un álbum de fotografías a un decorado de cartón pedra.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail