Que pasa con Junts?

A semana pasada a esquerda laboralista de Sumar volveu coñecer a derrota. Junts anunciaba que fechaba filas co PP e Vox e votaba contra a reforma para reducir media hora a xornada de traballo. O argumento esgrimido non tiña un pase, pero amosaba ben que Junts hoxe non é máis que un conglomerado de figuras individuais ligadas por unha ideoloxía neoliberal. Lonxe queda o que foi Convergència i Unió (CiU), gran partido hexemónico da política catalá durante todo o que durou o réxime do 78, antes de entrar en crise pola propia acción de CiU.

Para entender o paradoxal argumentario de Junts respecto ao traballo hai que botar a vista atrás e ollar o que supuxo a crise de 2008 para a que aínda era a principal forza política catalá. Gobernaba Montilla e o tripartit (PSC/ERC/ICV). CiU era, porén, o partido máis votado cun 31,52% e 48 escanos, e aínda estaba liderado por Jordi Pujol. No contexto da crise global, Artur Mas tomou o relevo e presentouse como un candidato continuísta disposto a recuperar o poder. En 2010 volveu haber eleccións. Mas gañou sen chegar á maioría absoluta: 38,74% (+7,22%) e 62 escanos. Foi investido polo PSC. Esquerra baixara á quinta posición e perdera
máis da metade dos escanos (obtivo 10, cun 7,00%).

Naquel tempo, CiU aínda desfrutaba dunha reputación como «partido transversal», o que a politoloxía coñece como catch-all party ou Volkspartei. No terreo da constitución material, era o partido das extensas clases medias catalás, cunha ideoloxía catalanista baseada no pragmático «ara no toca» de Pujol respecto á independencia. Nese momento era aínda máis hexemónico, pois o PSC caera oito escanos, cun total de 28 e o 18,32%; o que viña a ser menos da metade de CiU. En 2010 non se pode dicir que soplaran malos ventos.

E, porén, en política, as cousas poden semellar o que non son e mudar repentinamente. En plena crise, Artur Mas tiña un problema de financiamento, pero en Madrid o PP gañara con maioría absoluta e deixaba a Mas sen a ferramenta negociadora de Pujol: fecharlle a maioría ao PP, como acontecera co pacto do Majestic anos atrás. CiU non era necesaria e, no contexto de renegociación estatutario, o PP apostaba por unha dura política de recentralización.

Neste contexto, despois de varias manifestacións da Plataforma pel Dret de Decidir desde 2006 e as eleccións adiantadas de 2012, Artur Mas fixo unha lectura que lle semellou lóxica, pero allea a toda racionalidade política: iniciar a independencia de Catalunya. Non podía ser doutro xeito: en dous anos, ao abeiro da mobilización, ERC renacera recuperando 11 escanos, un máis dos que perdera CiU (daqueal con só 50 e un 30,7%). O independentismo viu a ocasión de presionar e Mas xogou a romper España. Deu así comezo o que se coñece como procés, que cuns orzamentos neoliberais de recortes pretendía acadar a independencia grazas a prometer ás clases medias a chegada da «Dinamarca do Sul».

O resto é historia, pero non de épica nacional, senón de autodestrución absurda. Junts comezou unha transformación interna que non atendía ás transformacións que provocaba coa súa política. A autonomía do político saíulle cara, pois se nun primeiro momento, baixo a cobertura de Junts pel Sí disimulara a súa crise (en coalición con ERC obtiveron 39,59% e 62 escanos), nas seguintes eleccións tivo que recoñecer o desgaste: perdeu a primeira posición no Parlament (21,65% e 34 escanos) perante unha forza antagonista que non deixara de medrar ao abeiro do procés: Ciudadanos.

A cousa non mellorou en 2021, cando quedou de terceira logo do PSC e Esquerra, cun 20,07% e 32 escanos. Como adoita pasar, en Catalunya non quen gaña é quen goberna, polo que non quedou outra que investir a Pere Aragonès. En 2024, o independentismo perdeu a hexemonía fronte á «normalización» de Salvador Illa: Junts medrou levemente ata ser a segunda forza cuns 35 escanos (21,56%) e cunha candidatura por Puigdemont. Mais no camiño perdera Catalunya.

Durante o procés Catalunya tamén mudou, pero non como esperaba o independentismo. Hoxe os independentistas son moitos menos. Boa parte da perda atópase, no terreo da constitución material, na merma de Junts provocada pola deserción do proxecto orixinal de CiU. As palabras de Míriam Nogueras para xustificar a posición de Junts tentaban recuperar un proxecto welfarista, pero carecían para isto dunha mínima consistencia logo dunha década e media de recortes neoliberais. Por se fose pouco, agora ten que competir co equivalente catalán de Vox: Aliança Catalana. Na primeira enquisa logo da negativa a votarlle a lei a Díaz, aínda caeu máis, a 25 escanos, e o que é máis sintomático: o subidón de Aliança Catalana a 14 escanos. A crise de identidade está servida.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail