Desconcentrar para federalizar

Após o inapelábel fracaso do procés, o federalismo volve a estar de moda. Ese, porén, é o seu maior problema: non pasar de ser unha moda. Ao cabo, ao ideario federal pásalle (e non por casualidade) o mesmo que aos idearios democrático, republicano e socialista: cargan co peso dunha longa historia de derrotas. Antes de 1978, a súa foi unha traxectoria espasmódica: breves períodos de progreso intercalados nunha liña de tendencia conservadora, cando non reaccionaria.

Vexamos. O federalismo é unha das catro opcións dispoñíbeis para conformar a estrutura territorial do Estado. As outras tres son voltar ao Estado centralista, manter o status quo e a secesión. Nótese que a confederación non aparece entre estas opcións. Isto debería ser obvio: desde un Estado unitario e descentralizado, á confederación (unha asociación de Estados que manteñen a súa soberanía) só se pode acceder previa secesión. A confederación fica, xa que logo, subsumida na independencia.

O acordo dun financiamento singular para Catalunya, agora baixo liderado exclusivo ma non troppo do PSOE/PSC, espertou o recurso ao federalismo retórico. Que isto aconteza baixo a centralidade socialista non é boa nova. A estratexia de Sánchez, logo de sobrevivir á tentativa de defenestración pola vella garda, caracterizouse pola restauración dos equilibrios do réxime. E, porén, o Estado autonómico fora pensado máis nun horizonte federal que como un proxecto definitivo. A súa crise institucional, expresada polo procés, fala hoxe máis dun imperativo federal que non de aspirar a restaurar o status quo (abonda lembrar a precariedade das maiorías parlamentares).

Aquí é onde aparece a cuestión de fondo no debate público: abonda cun acordo de financiamento bilateral entre os executivos central e catalán nos límites do Estado autonómico ou este mesmo acordo só é viábel nun horizonte federalizante? Descartadas as opcións centralista (mesmo se a recentralización é un proxecto das dereitas españolistas) e independentista (mesmo se o fracaso procesista non erradica a aspiración secesionista), estas son as marxes nas que se moven as correlacións de forzas. A cuestión daquela é se Sánchez consigue avanzar na súa liña restauradora ou se precisa desprazar o marco autonómico á federalización.

Noutras palabras: romperá o PSOE/PSC coa traxectoria lampedusiana ou apostará por algunha modalidade de reforma federal para poder conservar a centralidade que lle confire a maioría parlamentaria? Neste caso, é a revisión do sistema de financiamento (orientado a priorizar a federalización pola vía fiscal) a que mellor pode rematar coa crise institucional? Ou é preciso abordar a federalización desde outro punto de vista que considere prioritario resolver a cuestión nacional? Non existe hoxe o risco de que a percepción subxectiva que se orixina na cuestión nacional agrave os síntomas que aspira a resolver o «financiamento singular» para Catalunya?

O certo é que nunha grande medida o Reino de España é un Estado nacional fallido. Primeiro polo xeito en que se rompeu co absolutismo (guerras carlistas incluídas); despois polas limitacións dunha idea xacobina de España que non soubo articular a construción nacional liberal-democrática. As resistencias inevitábeis ao asimilacionismo fixeron que desde as matrices do provincialismo, o foralismo e o propio federalismo remataran xurdindo os rexionalismos, primeiro, e nacionalismos despois. Pretender federalizar pola vía fiscal sobre a falsa premisa dunha cuestión nacional resolta pode ser de utilidade para quen non pensa alterar o status quo. Mais dificilmente poderá servir á federalización.

Máis aínda: a recepción da proposta para Catalunya amósase xa como apertura dun horizonte de rivalidade e pugna competencial que reforza a tendencia á crise do Estado autonómico; moi en particular nas expresións políticas máis reaccionarias. Sen o recoñecemento das asimetrías, porén, dificilmente poderá avanzar a federalización, xa que cómpre desprazar a cuestión nacional do terreo da problematización ao do deseño institucional. Do contrario non hai xeito de producir consensos para a reforma.

Este é o punto no que entra en xogo a desconcentración do Estado, isto é, deconstruír Madrid como centro de poder. Pénsese nun dato sinxelo: nun Estado centralista coma Francia, unha de cada seis persoas mora na rexión de París; nun Estado federal coma Alemaña, un de cada vinte e dous vive no Land de Berlín. No Reino de España, un de cada sete habita na comunidade de Madrid. Namentres París ou Madrid concentran todo o poder estatal, na Alemaña a capital financeira é Frankfurt; a xudicial, Karlsruhe; a política, Berlín, etc.

Hai tempo que defendemos a desconcentración como paso previo á federalización: favorecería unha rearticulación do poder que atacaría o maior obstáculo institucional a un Estado federal: Madrid (todo sexa dito, o propio concello de Madrid tamén é un problema para a comunidade autónoma).

En definitiva, desde a desconcentración do Estado, no recoñecemento das asimetrías nacionais, é onde devén posíbel pensar a federalización que os anos dourados do réxime do 78 deixaron en suspenso ao clausurar o que daquela era un horizonte federalizante amplamente consensuado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail