O xeneral Boris Johnson escapa sen a Union Jack

Foi o primeiro ministro británico, Boris Johnson, a Luxemburgo para reunirse con dous políticos dese país e a tournée saíulle mal. Quería conseguir do presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, unha negociación para acabar coa salvagarda irlandesa incorporada ao acordo do Brexit. Non foi quen.

Tentaba, tamén Johnson, que logo o primeiro ministro do Gran Ducado, Xavier Bettel, un home de formas e fondo exquisitos, rompese a unidade de todos os Estados Membros sobre esa salvagarda, deseñada para evitar unha nova fronteira na illa celta que resucite os demos dun conflito enterrado. A aposta saíulle aínda peor.

Ás portas da residencia oficial de Bettel, congregáronse centos de británicos que viven en Luxemburgo. Funcionarios europeos, banqueiros e profesionais do importante sector financeiro ou asegurador do país, traballadores de grandes multinacionais que, como Amazon, teñen a súa sede nese territorio por mor da súa beneficiosa tributación. Todos contra o seu primeiro ministro.

«Shame on you», gritáronlle a Johnson, que vén ser algo así como avergóñese, pero moito máis despectivo en inglés; esixían tamén que o botasen, non se sabe se de Luxemburgo, da UE ou do seu posto como premier do Reino Unido; gritábanlle a Bettel que os salvase e que era mellor que o británico.

O boureo e os berros contra o premier fixeron que Johnson esquivase a rolda de prensa prevista no patio da residencia. Se é certo iso de que unha imaxe vale máis que mil verbas, é unha desas ocasións. Tres bandeiras (a da UE, a Unión Jack e a luxemburguesa), dous atrís e só un político, Bettel. Un símbolo do que representa o Brexit, a ruptura cos socios europeos, unha metáfora do que acontece dende hai meses, uns políticos británicos que non dan conta das súas responsabilidades mentres escapan ao exame dos seus cidadáns, sexa na Cámara dos Comúns, o parlamento máis antigo da democracia, ou nunha rolda de prensa.

«Grazas por escoitarme, as protestas son un dereito nunha democracia, é importante o intercambio e escoitar ao outro», comezou non sen ironía as súas declaracións Bettel, mentres sinalaba o atril baleiro ao seu carón. O balbordo de enfado na outra beira do valado mudou en gritos de ledicia.

En tempos de redes sociais, de retransmisións en directo por Internet, de imaxes que viaxan miles de quilómetros en segundos, a fuxida de Johnson ten moito de lembranza do acontecido hai cincuenta e cinco anos, cando un presidente francés, Charles de Gaulle, provocou «a crise da cadeira baleira».

Para o xeneral que defendera dende Londres a idea de liberdade de todo un continente asolagado polas tropas nazis, a idea dunha maior integración europea, cun mercado agrícola supranacional, financiado e controlado dende Bruxelas, supuña a perda da soberanía gala. Se lle uníamos que o Consello Europeo debatía incorporar a toma de decisións por maioría cualificada e non só por unanimidade, a grandeur de Francia perdería a súa capacidade de veto, unha idea demasiado revolucionaria. Durante seis meses, o goberno de De Gaulle non ocupou o seu asento no Consello, bloqueando calquera política da entón Comunidade Económica Europea.

A cadeira baleira finalmente forzou que o principio de unanimidade se impuxese, aínda segue en vigor para as principais políticas comunitarias, e que a Política Agraria Común (PAC) estivese anos sen se autofinanciar.

En 1967, Charles de Gaulle dixo «Non» á entrada do Reino Unido como membro do Mercado Único.

Sería hoxe posible un bloqueo semellante da integración europea? Canto resistiría, en tempos de redes sociais e tolemia de Internet, un goberno francés ante moreas de fotografías cunha cadeira gala xunto á bandeira da República sen alguén que a protexese nas reunións do Consello Europeo?

Posiblemente ningún goberno sería quen de aturar tanta presión mediática. Mais, ante esa incapacidade, os políticos británicos optan por escapar, incluso un Johnson feliz coa sobreexposición. Primeiro procurárono facer da UE, sen a forza política do xeneral De Gaulle para, primeiro, defender a soberanía do seu país sen romper a UE e, segundo, para ceder e explicarlle á súa poboación os beneficios de estar no clube da UE. Agora estanno a facer coa rendición de contas polas súas decisións. E a cadeira baleira é a británica

Adoita explicar en privado un importante dirixente europeo que a UE avanza sempre en tempos de crises. Nos últimos anos, en conversas con el, son varias as ocasións nas que llo teño escoitado, falando da crise da cadeira baleira ou da crise económica dos 80 que derivou na creación do Mercado Único, do Tratado de Maastricht e o xurdimento do Euro. E responde que malia á gran ferida do Brexit, un pesadelo para Bettel, a UE sairá máis forte ao desprenderse dun socio que frea unha maior integración europea.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail