Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Alugar en Madrid é unha auténtica odisea. Levo tres meses rodeada de amigos que buscan casa e contan aventuras que a Rafael Azcona lle darían para unha saga de El pisito (1959). Un compañeiro de choio está pensando seriamente en facer un José Luís López Vázquez e casar con dona Mercedes, solteirona que vai para os noventa e ten piso a vinte metros do traballo. E, entre tanto rebumbio, a miña empresa atopou nova oficina na Gran Vía. O día que lle deron as chaves, Mario Tascón levounos a vela. Esperaba un local ao que habería que darlle encanto, pero ao chegar tremín da impresión: imos mudarnos á Casa Matesanz de Antonio Palacios.
En El día de la bestia (1995) todos lembramos a Álex Angulo, a Santiago Segura e a Armando de Razza colgados do cartel luminoso do edificio Carrión. Pero eu, unha curiosa da arquitectura, quedei cos planos rodados en verdade no portal e nos ascensores da Casa Matesanz. Álex de la Iglesia escolleu esta delicia da Gran Vía 27 como localización da vivenda do profesor Cavan. Non é a única chiscadela a Antonio Palacios que aparece na película, onde tamén gozamos a paisaxe do edificio das Cariátides, sede actual do Instituto Cervantes.
O Palacio de Comunicaciones é a creación estrela do arquitecto porriñés. O NODO non se resistiu a retratalo, pero toda a súa potencia visual achegoulla ao público de provincias a cinta Manolo, guardia urbano (1956), na que Manolo Morán interpreta a un popular axente de tráfico que presta servizo na praza de Cibeles, por onde circulan os grandes actores da época, sempre vixiados pola construción de Palacios. Madrid (1987), de Basilio Martin Patino, súbenos ata a planta oitava do Palacio e ábrenos os ollos ás impresionantes vistas da cidade. E Matías, juez de línea (1995), a comedia negra de La Cuadrilla, rodou tamén diante do edificio que hoxe alberga a casa do concello; ás 18:50, como delata un dos reloxos da praza.
O deseño das primeiras estacións do metro de Madrid e o logotipo do rombo levan a firma de Palacios. Na actualidade, a de Chamberí é unha estación fantasma -a ampliación da Liña 1 obrigou ao seu peche en 1966-, pero conserva todo o encanto trazado polo artista. Barrio (1998), o interesante drama social de Fernando León de Aranoa, mergulla na terminal aos tres adolescentes protagonistas Javi, Manu e Rai. O mapa cos nomes das paradas da liña aporta cor a esa magnífica secuencia, tan demoledora. Afortunadamente, agora está restaurada por completo e aberta ao público como museo. O mobiliario, os primitivos mosaicos brancos das paredes e os orixinais carteis publicitarios -tamén de azulexo- constitúen unha viaxe deliciosa ao metro de 1919 que ideou Palacios.
Non hai película ou serie rodada en Madrid que esquive o rombo, sinal de identidade do metro. Mesmo as singulares cocheiras da estación de Cuatro Caminos, asinadas polo arquitecto, adaptáronse ás da época para a gravación dun capítulo de Cuéntame como pasó.
Beltenebros (1991), de Pilar Miró, é unha das películas que fotografía o Círculo de Bellas Artes. En Una mujer bajo la lluvia (1992), de Gerardo Vera, non pasa inadvertida a escena de Ángela Molina e Antonio Banderas na bonita cafetería do inmoble. E na desafortunada Deception (2008), de Marcel Langenegger, ademais do Círculo, vemos como Ewan McGregor e Michelle Williams entran no edificio das Cariátides.
Palacios tamén atrapou a directores de cine e televisión coa súa obra en Galicia. A Salvador Calvo conquistouno a personalidade das construcións que forman a vila termal de Mondariz. Alí recreou os amoríos prohibidos de Sonsoles de Icaza co cuñado de Franco, o ministro Serrano Suñer, para a serie Lo que escondían sus ojos (2016). Nesta ficción histórica, interpretada por Blanca Suárez e Rubén Cortada, contan que aquela relación clandestina medrou a carón da fermosa Fonte da Gándara.
Agora entro cada día na Casa Matesanz e emociónome como a primeira vez. E o meu compañeiro, o que procuraba piso, xa renunciou a pagar un alugamento cerca do traballo: busca viúva con edificio señorial.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán