Baltar chega ao Senado pendente de xuízo por un delito de tráfico e denunciado por falsidade e suplantación de identidade

A Coruña.- O expresidente da Deputación de Ourense e presidente do PP desa provincia, Manuel Baltar, ocupará hoxe o seu escano de senador por designación autonómica, pendente de xuízo por un delito contra a seguridade viaria e denunciado diante da Fiscalía polos partidos da oposición galega, que lle acusan de varias irregularidades e ilegalidades.

Entre elas, utilizar a funcionarios da Deputación para que asumisen multas atribuídas a quen conducía os vehículos do seu parque móbil oficial, como el mesmo.

Baltar, quen herdou do seu pai a presidencia do PP de Ourense en 2010 e a da Deputación en 2021, renunciou en xullo pasado a repetir á fronte do organismo acosado tanto pola súa imputación penal como polas acusacións de prácticas corruptas.

Especialmente polo uso irregular dos coches oficiais que el conducía en exclusiva; a negativa a facilitar á Dirección Xeral de Tráfico a identidade de quen os conducía en varios expedientes sancionadores que se saldaron con multas polo triplo da súa contía inicial e que tiveron que ser abonadas con diñeiro público; os gastos irregulares do chofer que el mesmo tiña asignado e que pasou á Deputación facturas de agasallos e comidas do presidente, e sobre todo, polos audios e mensaxes de texto desvelados por LuzesPúblico nos que o seu irmán recoñecía a existencia de mordidas, comisións e financiamento ilegal do PP nas adxudicacións de obras da Deputación.

Por designación

A pesar de todo iso, o partido decidiu apenas un mes despois convertelo en senador por designación autonómica do Parlamento de Galicia, o que converte a Baltar en aforado. É dicir, que as súas causas só poderán ser xulgadas polo Tribunal Supremo ou os tribunais superiores de xustiza das comunidades autónomas onde se lle acuse de delinquir, previa remisión ao Senado do correspondente suplicatorio.

O VW Passat de 280cv no que Baltar foi cazado a 215 km/h.

O pasado 23 de abril, axentes da Garda Civil de Tráfico detiveron o vehículo oficial de Baltar tras detectar mediante un radar láser que circulaba a 215 quilómetros por hora pola autovía A-52 na provincia de Zamora. Tras constatar que se trataba dunha infracción tipificable como delito, procederon a trasladar o caso ao xulgado, que ordenou o procesamento do aínda presidente da Deputación. Apenas cincuenta minutos antes, outro radar de Tráfico o capturou a 173 por hora na mesma vía na provincia de Ourense.

Baltar atribuíu os feitos a un «descoido» e tentou e conseguiu atrasar a súa declaración diante a xuíz, primeiro, e a vista oral, despois. Con todo, aos poucos días coñeceuse que os vehículos oficiais que usa acumulaban máis expedientes por exceso de velocidade, e que polo menos dúas multas foran atribuídas á filla e á muller do seu chofer. A primeira obtivo meses despois praza fixa como funcionaria da Deputación.

Antes da súa dimisión, Baltar mentiu ao pleno da institución cando dixo, falando dunha das sancións, que fora imposible identificar quen conducía o vehículo detectado noutra ocasión circulando a máis velocidade da permitida. O portavoz do PSOE e hoxe tamén senador Rafael Rodríguez Villarino, mostroulle na súa intervención a foto da DXT na que aparece o propio Baltar no asento do copiloto xunto ao condutor do vehículo.

«É evidente que mentiu»

«É evidente que mentiu porque quedou acreditado que el sabía quen conducía o vehículo e aínda así negouse a informar a Tráfico, polo que foi a Deputación a que tivo que asumir con fondos públicos aquela sanción que ademais pasou de 500 a 1.500 euros», sostén Rodríguez Villarino. Poucos días despois, o PSOE denunciou na Fiscalía que noutras dúas ocasións nas que o condutor do coche oficial si foi identificado quen foi sancionadas foron a filla e a muller do chofer do presidente.

Rueda abraza a Baltar nun acto electoral / Foto: PPdeG

Tamén acudiu á Fiscalía o BNG para esixir unha investigación sobre o contido dos audios e as mensaxes nos que José Luis Baltar, irmán do expresidente provincial e hoxe senador, xáctase do procedemento mediante o que supostamente ambos e o PP reciben comisións das construtoras adxudicatarias de obras da Deputación.

«Confiamos en que a Fiscalía actúe e que se esclarezan os indicios de que na provincia de Ourense existe unha mafia vinculada á familia Baltar e ao financiamento ilegal do PP», asegura Bernardo Varela, portavoz nacionalista na Deputación.

Luzes-Público contactou co PP no Senado para obter a súa valoración das acusacións contra Baltar, pero fontes da formación indicaron que non desexaban ofrecela. Tamén tentou sen éxito obter as de Baltar e as da Deputación de Ourense.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail