Soños que se esfuman

Hai veces que a sociedade de acollida te rexeita de tal forma que acabas volvendo ao teu país de orixe. En Xordania levaban anos refuxiados milleiros de sudaneses fuxidos da rexión de Darfur, onde a súa etnia é perseguida polo goberno, e na que máis de 300 000 persoas foron asasinadas desde 2003. Sen aviso nin concesións, o goberno xordano deportou 800 exiliados que reclamaban os seus dereitos perante a oficina de ACNUR, na capital, Amán. Unha longa loita por melloras no seu status de refuxiados rematou nunha forzada viaxe de volta a Sudán.

Foxes dun país en guerra, chegas a outro e atopas un cúmulo de obstáculos inacabables: falta de axudas sociais, desatención por parte de ACNUR e aínda por riba o racismo da poboación local. Esta é a percepción dos 800 sudaneses que protestaron durante un mes polo que consideraban unha situación de discriminación do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR).

A pesar de que ACNUR os recoñece como refuxiados cun documento que aparentemente os protexía de ser deportados, a decisión do goberno xordano chegou contra todo prognóstico. Cando pensaban que xa nada podía ir a peor, chegou a policía a medianoite e expulsounos a base de silencios e enganos. Ao redor de 800 sudaneses, a maioría procedentes de Darfur, atópanse agora en Khartún, capital de Sudán. Están a buscar a forma de volver fuxir, pero esta vez cara a un país que lles permita soñar.

Moitos destes sudaneses chegaron a Xordania porque legalmente era máis fácil para eles conseguir o status de refuxiado alí. Non imaxinaban todo o que viría despois. «Sufrimos a mesma discriminación aquí que en Sudán. Se soubésemos que nos atopariamos con isto, non viriamos a Xordania», lamentaba un dos refuxiados no campamento de protesta dous días antes de ser deportado por sorpresa.

Un total de 258 tendas de campaña advertían desde mediados de novembro a ACNUR dunha situación que parecía tocar fondo: «Non recibimos suficiente atención. Sentimos que somos o último elo de protección en Xordania. Pasamos tres ou catro anos aquí, esperando, pero vemos que se non facemos algo pasarán sete ou oito anos máis e estaremos igual. Aínda así, no campamento vivimos sen facer moito ruído porque Nacións Unidas espera unha simple razón para sacarnos de aquí», explicaba outro manifestante que resistía as baixas temperaturas.

Debido ao seu status de refuxiados, non tiñan permitido traballar no país, así que dependían das axudas de ACNUR. Ademais, os refuxiados aseguraban que a decisión de acampar indefinidamente chegou despois de que algúns deles non puidesen pagar o alugueiro da vivenda onde residían ata o momento.

As súas demandas consistían no acceso a máis servizos básicos, como soporte económico e sanitario, así como cumprir os prazos de reunión para negociar a súa recolocación noutros países, xa que eran poucos os manifestantes que querían quedar en Xordania, sobre todo debido á discriminación racial que aseguran sufrir a diario. «Temos que oír moitas cousas que outros non aceptarían. Pola rúa chámannos escravos, chocolate, dinnos que temos que volver ao noso país, e ás veces pola noite párannos pola rúa e dinnos que collamos outro camiño. Ata na casa, onde se supón que teriamos que estar libres, os veciños pídennos ás veces que non abramos as xanelas». «ACNUR ignora as nosas demandas sobre os dereitos básicos dos cales deberiamos dispoñer como refuxiados», aseguraban dous mozos nas proximidades do campamento só tres días antes. Lamentaban tamén a falta de soporte doutras ONG ante as súas reclamacións.

A maioría destes refuxiados procede de Darfur, no oeste de Sudán, onde o goberno do país persegue as tribos das cales forman parte a maioría deles. «Esnaquizan pobos, violan mulleres e matan nenos», explicaba un dos manifestantes. Ante a ameaza de expulsión, tamén Amnistía Internacional alertaba sobre o «risco real de sufrir persecución, represión brutal e outras violacións de dereitos humanos a mans do goberno sudanés da rexión».

Nacións Unidas estima que preto de 300 000 persoas foron asasinadas en Darfur desde 2003, cando estalou a guerra civil que aínda segue activa. Outras fontes apuntan que a cifra de mortos podería ser maior.

ACNUR aconsellaba ao goberno xordano non deportar os refuxiados. «Apelamos e seguiremos apelando ao goberno para que deteña as deportacións de nacionais sudaneses que están rexistrados con ACNUR como refuxiados e solicitantes de asilo», explicaba unha portavoz deste organismo a The New York Times. Durante o mes de protestas, a organización mantivo a súa postura de tratar os problemas destes refuxiados un por un, negando estar discriminando a comunidade sudanesa. «Din que a nosa situación non é tan urxente como os refuxiados sirios e iraquís», lamentaba un dos manifestantes.

Inesperadamente, todo cambiou. «Ás catro da mañá, uns 400 policías e soldados chegaron con 20 autobuses, rodearon o campamento e empezaron a berrar que nos levantásemos e nos puxésemos en liña. Non nos deixaron coller nada de abrigo, só o pasaporte», conta un sudanés que conseguiu burlar a policía e escapar da deportación. «Dixéronnos que nos levaban a un campo de refuxiados pero despois descubrimos que aquela estrada conducía ao aeroporto. Como poden enviarnos a un país onde nos queren matar?». Para xustificar esta decisión, o portavoz do goberno xordano alega que os sudaneses foron acollidos no país só para recibir tratamento médico, negando así o seu status de refuxiados.

Ao chegar ao Queen Alia International Airport e ver o embaixador de Sudán diante, xa non quedaba ningunha dúbida. «Foi unha gran sorpresa. Empezamos a chamar os compañeiros que viñan nos outros autobuses para advertilos de que o embaixador sudanés estaba alí e de que nos mandaban para Sudán». Ao longo do proceso de deportación, que durou preto de tres días, a policía utilizou gas lacrimóxeno e bateu naqueles que ofrecían algunha resistencia, segundo testemuñas e fotografías que o proban. A xente berraba: «onde están os dereitos humanos? A nosa vida está en perigo, imos morrer», lembra o refuxiado que conseguiu escapar.

De volta á capital de Sudán, algúns dos deportados foron detidos polo Goberno «nun sitio descoñecido» e outros foron liberados. «Quero ir a outro país, teño que encontrar a maneira de saír ou organizacións que me axuden», conta por Whatsapp desde Khartún o que foi portavoz do campamento de protesta. Este mozo de 20 anos asegura que unha vez subidos ao avión de volta retiráronlles os documentos de ACNUR que os acreditaban como refuxiados. El garda, non obstante, as fotocopias de distintos compañeiros no seu teléfono móbil.

En total, ACNUR ten rexistrados uns 3 500 sudaneses en Xordania, comparado coa estimación de 938 000 sirios e 57 140 iraquís. «Sentímonos uns sen teito aquí. Somos xente con dignidade e humanidade, non animais. Sentimos que en Xordania temos prohibido soñar», dicía un dos refuxiados fronte á oficina de ACNUR en Amán dous días antes de ser deportado.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail