Os amigos galegos de Picasso. Un máis da tribo

Din que a arcadia primeira dos  artistas é o lugar onde sempre nace a creación de xeito constante. Picasso vive cinco anos en Galicia a finais do século XIX. Unha cidade aínda industrial onde aquel neno pasaba o tempo entre cores, costa e mar. O pintor nunca deixaría Galicia na súa cabeza,  igual ca xente da súa época como a actriz María Casares. A súa casa e el mesmo foron nexo entre a Galicia do exilio e aquela Galicia da cultura e das artes que procuraba un luminoso máis alá para o seu país.

Contraportada de Meu ben dorme, de Juan Pardo. Colección Ventureira / Pardo.

A sala onde Picasso estaba castigado na Coruña aínda é obxecto de debate na actualidade. Fontes do instituto no que cursou estudos de 1891 a 1895, o actual IES Eusebio da Guarda, antiga Escola de Artes e Oficios, din que era unha sala hoxe empregada como sala de baile e deportes, con grandes ventanais, mais outras derivan a localización a un «calabozo» con pouca luz, onde aquel xenio bosquexaba para evadirse do castigo por non estudar. A estadía de Picasso na Coruña foi breve pero os modos e costumes da cidade herculina acompañárono toda a súa vida. Conta Rubén Ventureira, co-autor xunto con Elena Pardo de Picasso azul y blanco, el nacimiento del genio.

Aquel Picasso sentaba preto do mar para escoitalo e tamén para pintalo. As obras do neno brillante amosan a escuma rompente e o litoral roto dunha Coruña que aínda se recoñecía no tecido fabril das porcelanas e dos zapatos, tamén nos cristais dunhas vidreiras e dunhas galerías aínda en construción. Aquel rapaz empregaba o carbón e a plumiña como ferramentas para acadar cadros de luz notable, como Torre de Hércules, no que Picasso recolleu a perspectiva que os coruñeses empregan para ver os solpores, dende o Campo da Rata, un dos puntos concéntricos da historia desta península deleitosa onde é difícil distinguir os límites entre as rochas da praia ou aquelas que están mergulladas entre as algas e as aves que pescudan o seu alimento polas calas e pozas.

O pintor malagueño estudaba tamén, no limiar dunha cidade que pouco máis coñecía fóra das lindes da casa de baños La Salud, en Riazor, e onde unha burguesía ilustrada reconstruía un protonacionalismo, un rexionalismo de matices republicanos, en tertulias, cafés e salóns privados. Un dos retratados naquela etapa, de feito, foi o doutor Ramón Pérez Costales, que tamén dá nome a unha rúa do rueiro coruñés, que Picasso recolle nun dos seus primeiros óleos. O mesmo, sinala Ventureira, que viu o galego Ramón María Tenreiro nada máis entrar no estudo parisino de Picasso en 1923, na rue La Boétie. Tenreiro, de natureza débil dende neno, fora compañeiro de pupitre do artista na Escola de Artes e Oficios. El, tamén artista, escolleu para o seu autorretrato ocultar a perna que lle fora amputada a idade temperá. Tenreiro foi un home polifacético: escritor, xornalista, pintor e político; vencellado ao republicanismo coruñés, pertenceu á ORGA, o partido de Santiago Casares Quiroga, para logo mudar a Izquierda Republicana. Morreu en Suíza, en 1939, sendo secretario da embaixada republicana en Berna. Aquelas visitas a Picasso por parte dos españois fóra da península ou de periplo por Europa eran frecuentes. O propio Tenreiro narra no artigo «Una visita a Picasso», que marca o fito de recoller unhas das primeiras declaracións do malagueño á prensa escrita, «non era unha época moi común para as entrevistas a Picasso, todo o contrario que a mediados do século XX», sinala Ventureira.

Pablo Picasso e Antonio de Olano. Colección Olano

O modernismo que acompañou como pano de fondo ao Picasso mozo tamén tomou corpo en amigos como Arturo Souto, que visitou a Picasso en 1935. Un traballador do modernismo decadente, pintor pontevedrés admirador de Pierre Bonard e Toulouse – Lautrec e formado na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Souto exemplifica os tornados da historia que entraron nos apartamentos parisinos de Picasso; ademais de pintor foi un comprometido republicano, expuxo na Exposición Internacional de París de 1937 e formou parte daquela caravana do exilio, que marchaba de España en 1939 fronte a vitoria do xeneral Franco. O contacto entre Souto e Picasso foi a través dun artista galeguista coñecedor da cor, das formas e dos fondos, autor dunha expresión sublime tras uns lentes de pasta grosa, Luís Seoane. A través deste pintor das formas máis puras do país coñecemos que Picasso estaba pensando en retornar a Coruña dentro dunha visita a España. Un circuito pertencente hoxe ao mundo das historias pararelas, xa que este roteiro estaba planeado para ser feito en 1936, imposible debido ao estalido da guerra civil.

Hai un encontro entre Picasso e Luis Seoane, porque hai un congreso mundial de partidarios da paz en París e alí aparece como representante da asociación de artistas arxentinos Luís Seoane. Conta Seoane daquel encontro -onde estaban outros galegos como o pintor Colmeiro, na sala Pleyel de París- que Picasso non deixaba de falar de dúas das súas obsesións reflectidas nos óleos primerizos, a Torre de Hércules e Riazor. Hai unha foto de Picasso con varios pintores galegos. O malagueño tamén mencionou aquel «calabozo» dos seus anos de formación coruñesa, onde «debuxaba e debuxaba», apunta o biógrafo. A todos os galegos que visitaban o pintor cubista no seu estudio da Rue des Grans Agustins, amósalles unha serie de óleos da súa etapa galega, entre eles, o famoso retrato de Pérez Costales. Daqueles encontros, sinala o co-autor de Picasso azul y blanco, abrollou a idea dunha doazón de obras á cidade da Coruña.

Igual que o Orzán e o mar de Riazor comunican a península coruñesa co alén e coa terra adentro, Picasso tamén fixo de nexo entre unha galega e un francés. María Casares, a coruñesa internacional que acadou o renome de gran dama da escena francesa, coñeceu ao filósofo, xornalista e escritor Albert Camus, nunha soirée con Picasso. No libro Residente privilexiada, Casares explica como asistiu á primeira representación que houbo da obra El deseo atrapado por la cola, unha das dúas obras teatrais que escribiu Picasso e que Vargas Llosa cualificaría no seu fantástico La civilización del espectáculo como «delirante». A obra, escrita en 1941, consta de pasaxes como a dunha personaxe feminina, La Tarte, que mexa en escena dez minutos continuados axeonllada sobre o oco do apuntador. Un Picasso traballador do erótico -ao seu xeito- autor de frases como «o arte e a sensualidade son a mesma cousa», como recolle tamén Vargas Llosa na súa columna Piedra de Toque, no xornal El País do 1 de abril do 2001. A primeira estrea, en 1944, foi naquel xa famoso piso parisino onde María Casares, que xa falaba francés «cun estraño acento» como lle dicían os seus camaradas, namorou e ficou namorada daquel escritor, Camus, co cal mantería unha relación sentimental que durou ata o falecemento do francés, nun accidente de automóbil o 4 de xaneiro de 1960.

Camilo José Cela é outro dos nomes da España do século XX que forma parte do grupo de galegos frecuentadores dos cenáculos do artista cubista. Nun encontro no restaurante La Californie, en Cannes, coinciden Picasso e o autor de A familia de Pascual Duarte en agosto do 1958. Cela tiña a intención de dedicarlle un número da súa revista Papeles de Son Armadans ao pintor grazas á obra celestina doutro pintor, Miró, que puxo en contacto o galego co malagueño. Mais o autor de Madera de Boj tivo que armarse de paciencia para que Picasso o recibira, e fixo días no Hôtel Mont-Fleury ata que o malagueño o atendeu. «A partir de alí naceu unha relación», remarca Ventureira. Volve producirse outro encontro xa no ano 1960, «que é cando lle leva os pregos desta edición homenaxe a Picasso para que el a ilustrase», describe.

Ortiz, Seoane e Colmeiro con Picasso 1949. Fundación Luís Seoane

Picasso, recolledor de imaxes, experimentador da forma, lembraba algo que pode estar vencellado ao pensar artístico: o xeito. Anthony Kerrigan, tradutor de autores en español como o propio Cela, adoitaba mencionar a anécdota xurdida nun dos encontros entre o galego e o malagueño cando Picasso puxo a boina de Camilo José Cela, «é a mellor maneira de levar a boina, aprendino na Coruña», mencionou o pintor. A figura de Kerrigan, americano fillo de irlandeses e criado en Cuba -o «amigo americano», así o chamaban- é outro dos puntos de encontro internacionais entre españois, galegos e o mundo. O seu epistolario, gardado en Mallorca, aloxa cartas a Bellow, Cela, Borges ou Gil de Biedma. Neste encontro baixo o sol, Kerrigan de por medio, Pablo Picasso leulle ao escritor de Iria Flavia poemas propios e produciuse un troco de poesía e impresións artísticas entre ambos creadores. Esta fructífera amizade terá por consecuencia varias obras conxuntas onde pintor e escritor intercambian as mans para dialogar coas cores e as palabras. Unha é Trozo de piel, que recolle varios poemas que Picasso gardou nun cartafol. Algo máis tarde, en 1962, sairía do prelo Gavilla de fábula sin amor, con poemas de Cela e ilustracións de Picasso. É na súa madurez cando o malagueño coñece a Juan Pardo. Pardo abriu o caixón de recordos do pintor ao cantarlle as melodías e as letras que o neno artista tiña de pano de fondo nas súas esculcas ao mar e aos habitantes da cidade liberal. Con Pardo, Picasso regresaba as prazas da Fariña ou da Leña, ás follas arrexuntadas das alamedas e ao salitre do bravo Orzán. A boa relación mantívose cos anos e Picasso agasallou a Pardo cun debuxo que faría de contraportada do disco Anduriña, en 1968, e que animou a Pardo e a Junior a lle levaren a maqueta do disco. O pintor, ao quedar prendado dunha melodía que tocaba o máis prezado dunha persoa consagrada á arte, a súa arcadia na infancia, decidiu adicarlle un dos seus famosos debuxos espontáneos.

Picasso e Juan Pardo. Colección Olano.
Contraportada de Anduriña, de Juan Pardo e Junior. Colección Ventureira/Pardo.

A etapa madura de Picasso, dos anos 1960 ata a súa morte en 1973, tamén estivo marcada pola súa amizade cun galego de Vilalba, o xornalista, viaxeiro, dramaturgo e biógrafo Antonio D. Olano. Olano, de feito, elaborou comedias musicais xunto con Juan Pardo no proxecto conxunto Galicia miña nai dos dous mares con poemas de Ramón CabanillasEduardo Pondal, e un propio; «A Olano coñéceo a través de Luís Miguel Dominguín e Lucía Bosé», sinala Ventureira. O primeiro encontro entre pintor e xornalista foi en 1960, cunha amizade que se prolongou ata a morte do malagueño. O xornalista Olano era capaz de sacar unha reportaxe de cada visita a Picasso, nas que asistimos a un Picasso no solpor, recollido nos recordos familiares e recorrente nas súas anécodtas galegas. É nun deses encontros cando Olano lle leva a Picasso as obras completas de Rosalía de Castro, da cal era un grande admirador, como tamén de Valle Inclán.

Un dos poemas máis repetidos na memoria de Picasso, que tanto podía recitar con Pardo ou con Olano naquel retiro francés, era o de Alberto García Ferreiro, «si me deran á escoller, / eu non sei que escollería: / si entrar ná Coruña de noite, / ou entrar nó ceo de día». Picasso no fondo, sempre acabou volvendo a Galicia, dun xeito ao outro, polo ceo de día.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail