Felipe VI, o Deep State e o incerto futuro da monarquía borbónica

Os derradeiros anos do mandato do rei Xoán Carlos afondaron na idea de que a Coroa era o axente institucionalizador  e estabilizador do Deep State, do miolo decisional da sociedade política española. Un Deep State alicerzado na infraestrutura do capitalismo do BOE ou de amiguetes, presente nas grandes empresas dos sectores regulados do IBEX 35: concesionais-construtoras, de distribución eléctrica, bancarias e os seus brazos mediáticos. Un Deep State sempre amigo dos oligopolios e oposto á libre concorrencia.

En realidade, a historia da dinastía borbónica é a historia da formación e desenvolvemento dese mesmo Deep State. O primeiro Borbón, Felipe V, importou o centralismo e absolutismo do seu avó Louis XIV e suprimiu a ferro e lume, por mor dun suposto dereito de conquista, as institucións de autogoberno do País Valencià, Catalunya, as Illes e Aragón. No século XIX a monarquía borbónica suprimiu as liberdades forais de Euskadi e Nafarroa, mentres substituía a limitada personificación representativa e gobernativa dun país como o Reino de Galicia pola máis absurda e xacobina centralización, divíndoo en catro cachos provinciais.

Na época da monarquía constitucional, Alfonso XII recuperou o trono perdido pola súa nai, Isabel II, por mor do golpe do xeneral Martínez Campos (1874). E o fillo deste, Alfonso XIII, apoiou sen reservas o golpe do xeneral Primo de Rivera en 1923. Os Borbóns sempre contra  a democracia.

A crise dos elefantes de Botswana e o caso Urdangarín activaron dende o Deep State a «Operación Abdicación», deseñada por Rajoy e Rubalcaba, xefes do bipartidismo dinástico.

Xa xefe de Estado, Felipe de Borbón  amosou o seu rexeitamento cara o que non fose a cosmovisión social, política e territorial da dereita española.  Moito antes do malfadado discurso do 3-O, El Rei dícía que «o xefe do Estado non pode ser neutral cos independentistas». As súas mensaxes de Nadal destilan un  concepto historicista e esencialista de nacionalismo español.

Os valores da xustiza social e da substitución das políticas de austeridade tampouco pertencen á axenda de Felipe VI. Non se queren corrixir os graves erros da transición ou tentar reformas. Pola contra, Felipe VI tense ancorado en concepcións inmobilistas no político e pouco críticas das inxustizas sociais xurdidas da Grande Recesión. A mensaxe a transmitir é que a Coroa está cómoda facendo de chave de bóveda dun sistema que xa non só refuga aos que acreditan nun Estado plurinacional, senón tamén aos que denuncian os recurtes de liberdades, os oligopolios enerxéticos, concesionais e bancarios ou a falla de sensibilidade social.

O ramo foi o desaquelado discurso de El Rei do pasado 3-O, cando  Felipe VI decidiu ser rei da parte dos de «a por ellos»,  dos que pedían a suspensión do autogoberno catalán e medidas penais contra os líderes soberanistas, no canto de explorar as marxes do seu mandato constitucional como árbitro e moderador para garantir unha solución negociada.

Mais as revelacións de Corina zu Wittgenstein e as limitadas posibilidades abertas coa conformación da nova maioría parlamentaria que investiu Pedro Sánchez supoñen un risco de deterioración real para a Monarquía borbónica.

Os feitos relatados son de tal gravidade que sería moi difícil, mesmo para o Deep State, frear unha investigación xudicial ou impedir novos e máis destrutivos descubrimentos. A posición do Rei Emérito vai rematar por ser inasumíbel e resultará moi difícil curtocircuitar a expansión da onda mediática cara ao seu fillo Felipe de Borbón.

Segue sendo precisa a Monarquía para garantir os intereses das oligarquías do Deep State español? Pode haber fendiduras que anuncien a necesidade de novos pactos sociais e territoriais, de New Deals? Seica semella ser un escenario probábel e non só un wishful thinking.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail