Terceira nova no slider co título máis grande

A Corporación Radio e Televisión de Galicia enfróntase nos tribunais a outras 230 demandas por contratacións irregulares, despedimentos ilegais, reclamacións de cantidades e persecución laboral

A Coruña.- A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), a empresa pública propietaria da Televisión de Galicia (TVG) e a Radio Galega (RG), acumula no últimos dezasete anos preto de 400 sentenzas en contra por vulneración de dereitos laborais e fundamentais dos seus traballadores, que estes relacionan coa manipulación da liña editorial dos medios públicos para poñelos ao servizo dos intereses do Partido Popular.

A gran maioría das sentenzas publicáronse baixo o mandato de Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral do ente desde que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao poder no 2009, e quen a pesar do cúmulo de decisións xudiciais que poñen en dúbida a idoneidade da súa xestión e a do seu equipo segue hoxe no cargo con Alfonso Rueda á fronte do Executivo autonómico.

Segundo os traballadores, a vulneración sistemática dos seus dereitos mantense desde hai case dúas décadas, a pesar da recorrente constatación xudicial das ilegalidades da estratexia laboral da dirección. Na actualidade, aseguran, hai preto doutros 230 procedementos xudiciais en marcha en mans dos xuíces do Social por diversos motivos, desde reclamacións de cantidades e atrasos ata demandas por despedimentos nulos ou improcedentes, de fixeza ou indefinidade ou de discriminación por razón de sexo ou motivos ideolóxicos.

«É a estratexia do desleixo, baseada na crenza de que o diñeiro público o soporta todo», apunta Matías Movilla, avogado laboralista socio do despacho Vento Avogados e Asesores, que gañou á CRTVG centenares de casos. E non se trata dunha esaxeración coloquial. O primeiro foi en 2005, cando conseguiu que un xuíz declarase que a contratación dun traballador da delegación de Vigo a través dunha produtora privada era unha cesión ilegal, o que provocou un regueiro de sentenzas favorables a outros empregados en situación similar en todas as delegacións. Só no seu despacho lograron máis de cen sentencias favorables en poucos anos.

Máis tarde, Movilla empezou a levar casos de traballadores da sede central da CRTVG en San Marcos, que foran contratados irregularmente a través de empresas de traballo temporal. «Algún mesmo era o director dun informativo», lembra. Gañaron outros dous centenares longos de procedementos.

Traballadoras e traballadores da CRTVG nun dos Venres Negros. Foto: Defende a galega.

Movilla cre que a dirección da CRTVG utiliza a precarización das condicións laborais e a xudicialización permanente das relacións cos traballadores como «estratexia do medo» para laminar as críticas pola manipulación informativa e acantoar non só os xornalistas díscolos, senón a calquera empregado que ouse poñela en cuestión. «Sen a dedicación, a xenerosidade e a solidariedade sindical dalgúns traballadores sería imposible conseguir que os xuíces revertisen moitas das situacións que denunciamos», conclúe.

«As prácticas da dirección non se xustifican en ningunha administración pública, e probablemente tampouco serían admisibles en ningunha empresa privada», lamenta Raquel Lema, delegada da Confederación Unitaria de Traballadoras (CUT), o sindicato maioritario na compañía. «Estableceron un sistema de relacións laborais baseadas no medo que terminou por conformar unha contorna tóxica cun enorme risco para a saúde psicosocial da empresa», advirte.

Segundo Lema, moito máis da metade do persoal, entre o 60% e o 70% das 912 persoas que traballan na corporación, tiveron que acudir nalgún momento aos tribunais para reclamar os seus dereitos. A gran maioría gañaron, aínda que asumindo o enorme custo persoal e profesional que supón enfrontarse durante anos a un empregador que ten á súa disposición todos os medios necesarios, custeados co orzamento público, para eternizar os casos recorrendo sentenzas de instancia en instancia ata o último banzo do procedemento.

Só no último ano, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou en polo menos dezaoito ocasións a favor dos traballadores e en contra da CRTVG, á que condenou por acosar a xornalistas, rebentar folgas, contratar traballadores de forma irregular, despedilos ilegalmente ou mantelos en condicións precarias.

Un dos últimos casos resolveuse a favor de Carlos Jiménez, locutor da Radio Galega expedientado e sancionado ilegalmente como represalia por apoiar a Defende a Galega, a plataforma de traballadores que se mobilizan todos os venres desde hai catro anos para defender a liberdade de prensa e denunciar as presións políticas e a manipulación. Así o declarou probado o TSXG, que ratificou na súa integridade a sentenza do xuíz que lle deu a razón en primeira instancia.

Vinculado á empresa desde 1993, Jiménez conta con outras quince sentenzas favorables nas demandas que tivo que ir interpoñendo para que os xuíces obrigasen a empresa para respectar e cumprir con el as condicións de traballo e salariais máis esenciais, despois de lustros de mantelo en precario mediante contratos temporais que chegaban a durar só medio día. «Quen nos significamos contra a manipulación ou en defensa dos dereitos laborais facémolo porque defendemos esta empresa, por máis que a dirección queira facer ver o contrario», asegura.

Feijóo e Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: TVG.

En 2019, o movemento Defende a Galega gañou o premio á liberdade de expresión José Couso que concede cada ano o Colexio de Xornalistas de Galicia. Segundo os traballadores, a TVG censurou a nova, que si recollera sempre en edicións anteriores do premio, e a dirección prohibiu que se emitise nos informativos a peza sobre o tema que xa fora montada.

Outra sentenza recente é a que afecta á xornalista Andrea de Francisco. O pasado 2 de marzo, os xuíces do TSXG condenaron a TVG por discriminala por ser muller ao negarlle o dereito para conciliar o seu horario laboral co coidado das súas dúas fillas, de ano e medio e catro anos de idade. Ademais dese caso, que a empresa recorreu, De Francisco mantén outros dous litixios coa compañía: unha demanda de vulneración de dereitos, porque a dirección de Sánchez Izquierdo se negou a recoñecer que ela tiña o deber inescusable de coidar das súas nenas cando as corentenas da pandemia obrigaron a que quedasen na casa, e outro para que a consideren fixa no seu posto despois de vinte e catro anos de ocupalo en precario.

«É unha táctica constante desde hai dúas décadas: néganche os dereitos máis elementais e dinche que vaias aos tribunais para reclamalos. E aínda que perdan xuízos uno tras outro, eles nin se inmutan. Seguen recorrendo e manténdoche nunha situación inestable e complicada desde o punto de vista persoal e profesional», explica.

A xestión de Sánchez Izquierdo inclúe centos de casos individuais como os anteriores, pero Raquel Lema lembra que hai outros de carácter colectivo que a empresa tamén perdeu ou que, na súa opinión, está en vías de perder.

O pasado 7 de xuño, o TSXG deu á CRTVG un mes de prazo para negociar coas traballadoras e alcanzar un acordo despois de que a CUT denunciase que durante a folga do pasado 28 de outubro se emitiran contidos enlatados coma se fosen do día, incluíndo locuciones e vídeos de xornalistas e presentadores que secundaran o paro pero que, desa forma, aparecían en público coma se non o fixesen.

Luzes-Público puido constatar o malestar que existe no ámbito xurídico pola negativa da CRTVG para modificar a súa estratexia laboral. De feito, no caso anterior os responsables do tribunal lembraron aos da empresa as recentes sentenzas sobre violación de dereitos en casos individuais, como o de Jiménez, e tamén en varios procesos colectivos.

O TSXG ten condenado en dúas ocasións á Xunta por tentar rebentar as folgas feministas do 8M na CRTVG

Non é a primeira vez que a CRTVG e a Xunta do PP foron condenadas por vulnerar o dereito de folga nos medios públicos. En dúas ocasións nos últimos anos, o TSXG considerou que a dirección tentou rebentar as xornadas feministas do 8-M con servizos mínimos abusivos e substituíndo por profesionais homes ás presentadoras de informativos que se sumaron ás protestas.

Esas sentenzas parecen ter un efecto exemplarizante limitado, dado que a dirección de Sánchez Izquierdo segue reincidindo na mesma táctica, actuando coma se os xuíces non existisen. O pasado abril, diante doutra convocatoria de folga, o entón vicepresidente Rueda, a quen competía asinar os servizos mínimos na administración autonómica, estableceu que os catro informativos diarios da TVG debían emitirse si ou si, fora cal fora o seguimento da folga e cun mínimo de 112 xornalistas obrigados a cubrir os seus postos.

Os traballadores tamén gañaron outro procedemento colectivo que condena a CRTVG a incrementar todos os conceptos da súa nómina cando lles encomenda tarefas de maior responsabilidade, escudándose na mobilidade funcional. Pero a empresa négase a pagarlles, polo que a día de hoxe hai nos tribunais outras 25 demandas de reclamación de cantidades, que se suman ás 187 de reclamación de fixeza no posto de traballo, e a outro medio centenar por despedimentos ilegais e demandas de indefinidade.

A dirección de Sánchez Izquierdo tamén tivo conflitos por non cumprir coa Seguridade Social. En 2016, recoñeceu pagar cotizacións polos seus empregados inferiores ás que debía, coa consecuente rebaixa nas prestacións sociais que estes recibían por enfermidade, maternidade, xubilación… O director xeral cuantificounas en 1,6 millóns de euros e cualificounas de «insignificantes», pero os traballadores aseguran que a cantidade que a empresa tivo que devolverlles elévase a máis de catro millóns.

A oposición pediu entón o cesamento do director xeral, pero el negouse a dimitir e Feijóo mantívoo no cargo. Na actualidade, a CRTVG mantén outro litixio coa Axencia Tributaria, que lle reclama máis de 10 millóns de euros por liquidacións irregulares do imposto sobre o valor engadido (IVE) no últimos sete anos.

Instalacións da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en San Marcos / Foto: CRTVG.

Luzes-Público tentou falar co director xeral ou con algún portavoz da corporación que puidese expoñer a opinión da empresa sobre as case 400 sentenzas xudiciais que poñen en dúbida a legalidade da súa política laboral. Pero a compañía limitouse a responder que «non ten declaracións que facer» sobre ese tema nin sobre as acusacións sindicais.

A CRTVG tampouco aclarou se prevé recorrer a condena por perseguir a Carlos Jiménez por cuestións ideolóxicas ou adoptar algunha medida contra os directivos responsables da mesma, nin facilitou as cifras sobre o custo que supuxeron os procedementos xudiciais desde o 2005 e os atrasos, salarios de tramitación e indemnizacións por despedimento e por danos morais que tivo que abonar como consecuencia das condenas xudiciais en firme.

O certo é que a corporación si contempla eses gastos nos seus balances. Segundo a última memoria de contas anuais, a provisión anual para cubrir a «liquidación de reclamacións retributivas do persoal propio derivadas de sentenzas» ascendeu a máis de 1,25 millóns de euros en 2019 e a máis de 1,86 millóns en 2020.

A CRTVG ten un orzamento anual de 121,6 millóns de euros, dos cales apenas 6,3 millóns corresponden a ingresos por publicidade e operacións comerciais. O 94%, é dicir, máis de 114 millóns, procede das subvencións directas dos orzamentos da Xunta. Segundo o portal de Transparencia da Administración autonómica, Sánchez Izquierdo cobra un salario anual de 92.333,10 euros anuais. Segundo a memoria de contas anuais da CRTVG, a TVG tivo unha cota de audiencia media do 9,9% en 2020, e a Radio Galega, 200.000 oíntes diarios.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail