Seis meses de folga dos otorrinos do hospital que dirixe a curmá de Feijóo

Os médicos do servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico de Santiago reclámanlle que adopte medidas contra o responsable do departamento, a quen acusan de acoso e trato vexatorio.

O Clínico está dirixido pola xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Eloína Núñez Masid, curmá do ex presidente da Xunta e presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. Os médicos acúsana de non facer nada para resolver un problema que aseguran coñece desde hai case un ano.

Segundo indica o comité de folga nunha nota enviada polo departamento de comunicación de CCOO Galicia, preto de 2.200 pacientes viron suspendida algunha consulta dese que empezaron os paros, cifra á que habería que sumar outra similar correpondiente aos enfermos que non foron citados debido a situacións de incapacidade temporal do persoal, como baixas médidas «motivadas polo caos organizativo do servizo, a elevada carga de traballo e as condicións nas que se desenvolve» o día a día.

Os médicos iniciaron a súa folga o pasado 1 de decembro, despois de que transcorresen cinco meses desde que dez deles -son trece no servizo-, algúns membros da executiva da Sociedade Galega de Otorrinolaringoloxía, enviasen unha carta a Núñez Masid alertando das vexacións que sofren por parte do responsable do departamento, Carlos Martín. Entre elas, violencia verbal con berros e descualificacións en privado e en público e mesmo dentro das consultas e con pacientes como testemuñas.

A xerente asegurou que encargaría un informe interno para estudar a denuncia, pero o Sergas non informou do resultado da investigación. Tampouco explicou por que non procedeu a avaliar o funcionamento da xefatura de Martín, ao que está obrigada por lei. Debería telo feito hai máis de dous anos.

Luzes-Público tentou obter a versión do xefe de servizo, pero non tivo éxito no intento.

Eloína Núñez (esquerda) co exconselleiro de Sanidade Vázquez Almuíña nun acto en Ourense / Foto: Sergas.

Os médicos lamentan que a xerente do hospital «deixe pasar os meses e asista impasible á progresiva deterioración da prestación sanitaria, aínda que iso signifique prexudicar a miles de persoas». Tamén denuncian que Martín segue «entrando a berros» no quirófano para obrigar a un cirurxián a operar só, e que el mesmo chegou a intervir simultaneamente a dous pacientes en dous quirófanos distintos para minimizar os efectos dos paros. Algo que, aseguran, vulnera o dereito á folga. Tamén o acusan de entrar sen permiso na historia clínica dalgún dos seus subordinados.

Eloína Núñez Masid foi nomeada xerente da área sanitaria de Ourense no 2009, poucas semanas despois de que o seu primo tomase posesión como presidente a da Xunta. No 2017 ascendeuna á área sanitaria de Santiago, e o ano pasado integrouna na executiva do PP galego.

Os otorrinos do seu hospital fana responsable «das consecuencias que a situación poida ter para os pacientes», e lembran que o Parlamento de Galicia aprobou o febreiro pasado unha moción do BNG que foi aprobada cos votos do PP e o PSOE para reclamar á Xunta que abordase «de forma inmediata» o problema.

«Alfonso Rueda [novo presidente do Executivo galego en substitución de Feijóo] ten na súa man solucionar o conflito» e «asumir o mandato unánime do Parlamento», engaden os médicos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail