Ames, o municipio onde as esquerdas si se entenden

O Concello leva desde o ano 2015 gobernado por unha coalición de PSOE, BNG e Podemos que logrou multiplicar o orzamento local sen subir impostos e sacar adiante un amplo programa de servizos sociais

 

Foi o primeiro Concello galego en aprobar unha renda social básica e conseguiu multiplicar o orzamento municipal sen subir nin un imposto nin unha taxa, para dedicar máis da metade do gasto a educación, conciliación e servizos sociais. Cinco anos antes de que Pedro Sánchez e Pablo Iglesias asinasen o primeiro acordo de Goberno de coalición da historia recente de España, as esquerdas de Ames (o PSOE, Podemos e o Bloque Nacionalista Galego) xa puxeran en marcha un atractivo proxecto de xestión conxunta que os veciños da localidade avalaron reforzando a súa posición hai dous anos nas urnas.

«Somos un modelo para exportar», apunta o alcalde, o socialista Blas García. Apenas leva unhas semanas no cargo porque o anterior rexedor, o seu compañeiro de partido José Miñones, un profesor de Física e Química da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, acaba de ser nomeado delegado do Goberno en Galicia tras seis anos de mandato en Ames. García, que ocupaba ata entón a segunda Tenencia de Alcaldía, explica o truco para que un Executivo de tres partidos que non sempre manteñen relacións cordiais a escala autonómica e estatal, funcione tan engraxado: «A nova política non é outra cousa que falar, negociar e acordar», sostén.

Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns / Foto: J.O.

Ames é un municipio de de 32.000 habitantes pegado a Santiago no saída suroeste da capital de Galicia, ben comunicado e caracterizado por contar con dous grandes núcleos urbanos (O Milladoiro e Bertamiráns) situados nunha contorna maioritariamente rural chea de bosques e ríos con encanto –a coqueta praia fluvial de Tapia, sobre o río Tambre permite a moitos composteláns asegurar que eles tamén teñen praia a pesar de vivir a 40 quilómetros do areal máis próximo-.

Ames ten hoxe 32.000 habitantes, pero fai apenas trinta anos non contaba con máis de 10.000. Nunha comunidade que se desangra desde fai lustros perdendo cada ano aproximadamente esa mesma cifra de poboación, os números demográficos da localidade son a envexa do resto de Galicia. Ningún municipio do país, nin sequera a capital nin as grandes cidades como Vigo -300.000 habitantes- e A Coruña -250.000 almas- crece tanto como Ames. En boa parte pola súa capacidade para captar poboación atraída polo dinamismo da actividade económica local e polos servizos que presta o Concello.

Ademais, é o  municipio máis novo da comunidade. Se en Galicia hai dous maiores de 64 anos por cada menor de 16 –no conxunto de España a proporción é de 1,1 a 1-, en Ames hai 1,4 mozos de menos de 16 anos por cada veciño en idade de xubilación. «As familias atopan aquí un lugar acolledor e facilidades para desenvolver as súas vidas e criar aos seus fillos», continúa o alcalde, quen explica a relevancia que dá o seu Goberno á educación e á conciliación. «Financiamos cada día a comida de 1.400 escolares, e non mediante un cátering, senón cociñando aquí en dúas cociñas de dous centros escolares con produtos de proximidade», explica. Ademais, o Concello custea actividades paraescolares que permiten ás nais e pais cadrar os seus horarios de traballo coa garantía de que os seus fillos están ben atendidos. Tamén paga bonos para adquirir libros nas  librerias do municipio e mesmo actividades de lecer para pequenos en Nadal para que os seus proxenitores poidan ir de compras.

Playa fluvial de Tapia, en Ames 3

Eses programas puidéronse sufragar sen subir impostos nin taxas municipais, grazas a unha redución dos gastos, á renegociación da débeda e a racionalización de contratas municipais. «Cando chegamos había seis millóns de euros de débeda. O Concello pagaba 296.00 euros ao ano en intereses con préstamos a dez anos para pagar gastos correntes. É coma se nunha familia, no canto de pedir un crédito para unha hipoteca, a pedise para pagar a compra. Cunha soa reunión coas entidades financeiras conseguimos reducir os intereses ao 0,9%», conta Genma Otero, de Contigo Podemos, terceira tenente de alcalde e concelleira de Economía e Facenda. Baixo o seu mandato aprobáronse cinco presupostos consecutivos, que pasaron de 23 a 30 millóns desde que goberna a coalición.

As contas de Ames para o 2021 contemplan 6,8 millóns para servizos básicos e benestar comunitario; 2,6 millóns para servizos sociais, 1,4 millóns para cultura e mocidade; 1,3 millóns para seguridade e mobilidade, 1,2 millóns para deportes… «A política non é unha carreira de velocidade, é unha carreira de fondo», explica Otero, para quen a boa relación que manteñen os membros do equipo de Goberno ten sido fundamental para dotar de estabilidade á xestión diaria do Concello.

Tanto o alcalde como ela e os portavoces dos outros grupos recoñecen que a convivencia de tres partidos nun mesmo Executivo non sempre é fácil, que as diferenzas ideolóxicas e as discrepancias programáticas existen e que chegar a acordos custa moitas horas de diálogo. Pero todos coinciden en que paga a pena. «As forzas de esquerda en Galicia temos que lograr consensos se queremos vencer ao PP para chegar a gobernar. E para iso hai que falar moito e saber ceder, como sucede en calquera relación social ou persoal», sinala David Santomil, primeiro tenente de alcalde, do BNG. «Claro que no día a día hai tensións, pero vencémolas porque compartimos un obxectivo común: mellorar o benestar e a calidade de vida das nosas veciñas», engade.

 

Igrexa de Santa Madalena, en Bertamiráns, xunto a unha escola infantil / Foto: J.O.

O Partido Popular, segunda forza na Corporación, defende que eles tamén teñen moito que ver en conseguir que o municipio alcanzase a situación que vive hoxe. O PP gobernouno durante 20 anos dacabalo entre o século pasado e o actual, e máis tarde entre o 2011 e o 2015. O seu portavoz municipal, Ramón Argibay, destaca a transcendencia daqueles mandatos: «O punto de inflexión para a expansión de Ames estivo no ano 2002, cando aprobamos o Plan Xeral de Ordenación Urbana», afirma, e engade que tanto no auxe demográfico como na cultura de consenso que respira o municipio o seu partido ten parte do mérito. Ademais, opina que a cor política do Concello non reflicte «o perfil sociopolítico» de Ames: «Se se trasladasen os resultados das últimas xerais a unhas municipais, sacariamos maioría absoluta», di.

Argibay, con todo, mantense dentro dunha liña cordial e propositiva cos seus rivais políticos: «Non me doe dicilo, é verdade que foi durante o goberno de coalición entre PSOE e BNG cando se aprobou o programa de comedores escolares. Pero despois fomos nós os que o reforzamos, instaurando a norma que establece os pagos das familias en función da súa renda, e non cunha tarifa fixa. E iso pactámolo co BNG», detalla o voceiro do PP, quen subliña que «a liña continuista» na xestión dos asuntos municipais vai «máis aló dos posicionamentos ideolóxicos» que rexen a estratexia dos grupos municipais. «Nos grandes temas nós tamén procuramos buscar o consenso», sostén.

Quizá pode soar  ñoño e naïf, pero esa capacidade para prescindir das estratexias de partido e apostar polo ben común ten feito de Ames un reduto de estabilidade e boas vibracións no medio da antipática marusía política e mediática que vive este país desde hai tempo.  Ninguén o esperaba, porque o Concello viña dunha etapa convulsa de Goberno do PP, que se dividiu en dous a media lexislatura. «A xente pensaba que se o PP, con maioría absoluta, non fora capaz de manter a unidade para levar a cabo unha mínima xestión racional do Concello, menos iamos ser nós capaces de facelo desde un Goberno tripartito. Pero sucedeu ao contrario», di García.

Mesmo nun día gris e pasado por auga, como o pasado xoves, as urbanizacións de Milladoiro e Bertamiráns aparecen animadas e optimistas, e a contorna da praia fluvial de Tapia, en plena explosión de verde primavera. Os veciños parecen agradecer esa singularidade, e nas pasadas eleccións municipais reforzaron o apoio á coalición, que pasou de 11 a 13 escanos –oito do PSOE, tres do Bloque e dous  de Contigo Podemos-. A suma do PSOE e o BNG xa daba para a maioría absoluta, pero a alianza con Podemos mantívose, o tripartito repetiuse e a Concellería de Economía e Facenda seguiu en mans dos morados. Algo que pode parecer inusual, aínda que non aos ollos do alcalde. “O Concello estaba a funcionar ben. E cando as cousas funcionan, por que cambialas?».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail