O confinamento do galego

O idioma da comunidade resentiuse nos últimos dez anos. Caeu o número de falantes e reduciuse a publicación de libros en galego por políticas que promoven a «desgaleguización».

A lingua galega leva confinada anos. Sobreviviu a unha ditadura franquista que supuxo o retroceso no idioma e a marxinación do seu uso no ámbito oficial, educativo e cultural, que pelexaron os escritores no exilio iniciando unha recuperación lingüística con obras que marcarían para sempre a literatura galega. Era o castelán o preferido das clases altas e o que se usaba de portas para fóra, cargando ao galego de prexuízos que aínda arrastra. Foi a partir dos anos 70 grazas a que o réxime ía chegando ao seu fin cando o galego empezou a florecer nas escolas e no xornalismo.

Un día coma hoxe en 1963 institucionalizouse o Día das Letras Galegas, que axudou a reivindicar o seu uso, e cada ano, homenaxéase a unha persoa sobranceira pola súa creación literaria en galego e a defensa do idioma escollida pola Real Academia Galega (RAG). Esta vez foi elixido Ricardo Carvalho Calero (1910-1990). A lingua mantense grazas ás persoas que a falan, que escriben e loitan, pero desde o 2008, o seu uso continúa diminuíndo e pervive fundamentalmente na poboación envellecida e nas zonas rurais, o que supón que a balanza das dúas linguas cooficiais se incline polo castelán.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Os datos falan por si sós. Se no 2008 se publicaron 2.070 libros en galego, en 2018 a cifra caeu ata 1.144, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). Só un 11% de mozos entre 15 e 29 anos desenvólvense mellor para ler en galego, e un 8% de persoas entre 30 e 64 anos, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). O idioma escollido é o castelán e tamén no ámbito educativo, debido a que só o 1,28% de persoas que estudan en Galicia reciben as clases na súa integridade en galego, fronte ao 60% que reciben as mesmas en galego e castelán, e isto explícase polo modelo trilingüe implantado polo Partido Popular (PP).

O 30 de decembro de 2018 a Xunta presentou as bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario, que limita o uso do galego a un terzo total das horas de clase. A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias volveu a criticar este ano o modelo do Goberno autonómico ao consideralo «insuficiente» para a normalización lingüística, pero o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desestimouno: «Se hai informes que están en contra de que os galegos podamos estudar, coñecer e falar en inglés, alá os autores do informe».

A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, considera que a Xunta «fai todo o contrario» que coidar ao idioma galego, «é o maior inimigo da lingua». Aínda dispoñendo de todos os medios económicos, cre que a Administración «desprestixia» a lingua xa que, desde o punto de vista lexislativo, postula que «non garante» todos os dereitos lingüísticos ao ser unha lexislación «tímida» e «pobre».

O libro galego non ten subvención

A Xunta non financia directamente libros en galego, non existe unha subvención senón unha contraprestación. No seu momento, existía unha compra de volumes pola súa banda para dotar ás bibliotecas públicas, adquisición que continúa en capa caída. Desta forma, o sector vive dos particulares que mercan nas librerías. Hai que ter en conta que Galicia foi a comunidade que máis bibliotecas pechou desde o inicio da crise de 2008, pasando de 550 a 476 en 2018 segundo datos do INE. Desta maneira, o editor, como consecuencia, non ten tantos ingresos e non pode «diversificar» en publicacións, conta Elsa Quintas.

A escritora e xornalista Montse Fajardo considera que o principal problema é que á hora de proxectar axudas para o sector non se pensa no escritor, si nas librerías ou no fomento da lectura – algo que comparte- mais ignórase á figura creativa. «Non se aposta suficiente polos libros en galego e non se xera ese público», explica. Coa visión capitalista búscanse novos contidos e descártanse «xoias» que pasan desapercibidas, e por iso sinala a importancia das reedicións, así como as obras de literatura de investigación e ensaio que «están perdidas». «Na cadea capitalista, o escritor é o que menos leva» sostén Fajardo.

En Galicia, a maior parte dos libros en galego son escritos por profesorado ou funcionariado, persoas que teñen outro traballo e que poden compaxinar o seu oficio coas letras. A escritora pontevedresa, no seu caso, apostou pola autoedición xa que foron «irrisorias» algunhas ofertas de editoriais. Para ela, a normalización da lingua conseguirase con discriminación positiva onde a Xunta «debe facer un apoio especial. É a única maneira de soster a literatura galega», engade.

Manuel Rivas escribe a Público sobre isto: «O libro galego resiste porque é unha crianza salvaxe, sempre no cantil, sempre na beira, camiñando fonambulista polos horizontes enfermos».

O sector audiovisual

Con outra visión máis positiva, o profesor de galego da Universidade de Vigo, Benigno Fernández Salgado, destaca a forza do galego no sector audiovisual. «É incuestionable que a nosa televisión lidera audiencias e ten un público fiel», referíndose á Televisión de Galicia (TVG). Series como O sabor das margaridas, Fariña ou Néboa triunfaron en plataformas da Internet e entre público galego e non galego. Para Fernández Salgado, «hai unha audiencia importante en Galicia que quere o galego e que goza con el», continúa. Da mesma maneira, o cinema da comunidade triunfou este ano no Festival de Cannes e nos Goya con O que arde, cun director galego exalumno de Fernández.

No seu caso, o profesor cre que é «bo, necesario e conveniente» aprender galego para «vivir e crear» arte en Galicia. «Sabemos galego, ou calquera idioma, de moitas diversas maneiras». Explica que, se alguén quere aprender unha lingua hai que familiarizarse con ela, tela preto de ti, seguir aprendéndoa e recoñecela. «Necesitamos que os galegos reaprendan o galego», engade.

Hoxe Día das Letras Galegas, a plataforma Queremos Galego chama a «desconfinar» o galego da maneira que a COVID-19 permite, desde as nosas casas. «A lingua é cohesión social», comunicou nunha rolda de prensa o portavoz Marcos Maceira, «a sociedade non pode quedar soa na defensa da lingua». Hoxe, os balcóns e as xanelas galegas berran xustiza, igualdade e cohesión.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail