Folga indefinida dos médicos galegos ás portas das municipais

A Coruña.- A folga indefinida que os médicos galegos celebran desde o pasado luns nos hospitais públicos da comunidade ameaza con poñer contra as cordas ao Goberno de Alfonso Rueda a mes e medio das próximas eleccións municipais.

A protesta está convocada por unha central minoritaria, o Sindicato Médico de Galicia, pero o seu seguimento foi en aumento durante a semana e está a provocar o caos no sistema sanitario, que xa estaba colapsado pola falta de medios materiais e humanos que padece desde hai anos o Servizo Galego de Saúde (Sergas), que dirixe o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.

No que vai de semana suspendéronse máis de mil intervencións cirúrxicas, máis de 15.000 consultas externas e máis de 1.300 probas diagnósticas, o que elevará nos próximos meses unhas listas de espera xa de seu elevadas e con demoras de máis dun ano nos servizos dalgúns hospitais.

O Sindicato Médico de Galicia, que forma parte da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) denuncia que na última década produciuse «unha deterioración galopante das condicións laborais dos traballadores» sanitarios «fronte a moitas medidas de impacto publicitario pero de escasa repercusión ou utilidade para profesionais e pacientes».

A calidade asistencial, en perigo

«Queremos que a folga se termine canto antes, pero non podemos seguir permitindo que unhas condicións laborais tan precarias poñen en perigo a calidade asistencial e a saúde dos sanitarios e dos usuarios da sanidade», asegura Ramón Barreiro, presidente da delegación do CESM en Galicia.

Os médicos aseguran ademais que a falta de recursos, a mala xestión, a excesiva carga de traballo e os baixos salarios -un médico interno e residente (MIR) ten un soldo basee de 1.231 euros mensuais- están a expulsar aos médicos a outras comunidades e a outros países.

Entre outras medidas, esixen que a Xunta implante a semana laboral de 35 horas; que equipare o prezo de hora das gardas -13,74 euros brutos á hora- ao do resto de comunidades autónomas españolas, que planifique a actividade sanitaria para garantir a cobertura de vacacións, permisos, baixas e incidencias, e que estableza un tope ás axendas dos facultativos de atención primaria, cun tope de 25 pacientes para pediatría e de trinta para médicos de familia, con polo menos 10 minutos para cada caso.

«Agora mesmo hai médicos de primaria que teñen citas dun minuto, ou mesmo acordadas á mesma hora se teñen que atender a pacientes doutros compañeiros que están de baixa ou de libranza», engade Barreiro. «É unha situación inadmisible e insostible», explica.

Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña / Foto: Xunta

Os médicos tamén reclaman á Xunta que acabe co agravio que sofren 1.400 compañeiros aos que se lles nega un complemento específico destinado a remunerar as condicións particulares dalgúns postos de traballo en atención á súa especial dificultade, responsabilidade, perigo, penosidad e exclusividade.

«Alberto Núñez Feijóo, expresidente da Xunta e candidato do PP á presidencia do Goberno de España, incumpriu o compromiso adquirido en 2009, cando asegurou que acabaría con esa discriminación, compromiso co que logrou poñer fin á folga máis longa da sanidade pública en Galicia pero que nunca cumpriu», engaden.

O Sergas asegura que o seguimento da folga mantívose entre o 14% e o 15%, pero o CESM multiplica por catro esa valoración e asegura que máis dun 62% dos médicos a secundaron: un 86% na área sanitaria de Ourense, un 75% en Vigo, un 70% en Santiago, un 65% en Ferrol, un 55% na Coruña, un 45% en Lugo e un 38% en Pontevedra.

Servizos mínimos «abusivos»

Segundo as fontes consultadas por Luzes-Público, a diferenza entre os dous cálculos deberíase a que a Xunta apunta como non folguistas aos médicos obrigados a traballar para cumprir os servizos mínimos, que en moitos servizos chegan ao 100% e que o CESM considera «abusivos».

«Queremos que a folga se termine canto antes, pero non podemos seguir permitindo que unhas condicións laborais tan precarias poñen en perigo a calidade asistencial e a saúde dos sanitarios e dos usuarios da sanidade»

O conselleiro de Sanidade asegurou este venres en Ourense que ten «a man tendida» para chegar a un acordo cos folguistas -o martes dixo no Parlamento de Galicia que «foi imposible» alcanzalo previamente-. García Comesaña, a quen Rueda confirmou no seu cargo tras suceder a Feijóo, engadiu que o seu departamento ten «a vontade de mellorar a situación», e que esa frase non é «unha expresión máis senón que está avalada en feitos», dixo, informa Europa Press.

O CESM, pola súa banda, enviou onte un comunicado o que considera «intolerable» que o conselleiro «fale de boas intencións cando se trata de peticións que veñen reclamando desde fai máis dunha década, cando comezou a inexorable deterioración da sanidade pública pola falta de persoal». «Xa está ben de declaracións de intencións que non chegan a nada», conclúe a nota.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail